DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No marco do proxecto de aprendizaxe servizo Inclu-Con-Tándem

Educación Primaria traballa a inclusión a través da lectura con estudantes do Centro Penitenciario de Pereiro de Aguiar

Na actividade participa unha vintena de persoas privadas de liberdade

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Diversidade
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Ourense 21/05/2025

Inclu-Con-Tándem: inclusión a través dos contos, un tándem escola-universidade. Este é o título dun proxecto que está a desenvolver alumnado e profesorado da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense e do Centro de Educación para Adultos do Centro Penitenciario de Pereiro de Aguiar. Nel foméntase a inclusión a través da lectura.

Segundo explican desde a súa organización, Inclu-Con-Tándem é un proxecto de aprendizaxe-servizo, que polo tanto pretende desenvolver aprendizaxes curriculares no alumnado ao tempo que se leva a cabo un servizo á sociedade. Está coordinado polo profesorado da materia de Literatura Infantil da Facultade de Educación e Traballo Social e os seus obxectivos son: comprender e valorar a escola pública como un axente de xustiza social; reflexionar sobre a necesidade dunha educación de calidade, inclusiva e equitativa; valorar o potencial das novas linguaxes en propostas didácticas con sentido pedagóxico e crear, implementar e compartir propostas didácticas para o fomento da lectura (en diversas linguaxes) que favorezan o desenvolvemento dunha cidadanía crítica.

Escolma, sesións e valoración

No proxecto, o estudantado de cuarto curso de Educación Primaria do campus de Ourense, no marco da materia de Literatura Infantil, deseñou propostas de promoción da lectura axeitadas ao alumnado da Escola de Educación para Adultos do citado centro penitenciario, participando na iniciativa unha vintena de persoas privadas de liberdade e que acoden ás tres aulas de Educación Primaria coas que conta esta prisión. Nunha das sesións tamén participou alumnado da súa aula de Educación Secundaria.

A escolma, realizada polo alumnado e profesorado universitario participante céntrase na temática da inclusión vista dende diferentes perspectivas, facendo unha ampla selección de títulos en diálogo cos docentes da escola da prisión, co obxectivo de valorar as obras con máis potencial para o público ao que se dirixía a iniciativa. O alumnado universitario deseñou actividades lúdicas e reflexivas para realizar con esta escolma de libros e durante os meses de marzo, abril e maio leváronas a cabo en diferentes sesións no centro penitenciario, os venres pola mañá, de dinamización das lecturas, o deseño de actividades creativas e manipulativas e traballos de carácter colaborativo.

As obras literarias coas que se traballou foron El libro negro de los colores, El árbol rojo, Wonder e Terra de ninguén. O alumnado da penitenciaría fixo lecturas activas dos libros seleccionados e realizou as actividades propostas, destacando desde a organización do proxecto o seu “grande entusiasmo” e que nalgúns casos, os libros empregados nas actividades foron logo solicitados para poder relelos e seguir desfrutando coa lectura. "Todas as sesións xiraron ao redor da lectura de diferentes álbums ilustrados, cuxas temáticas abordan aspectos relativos á inclusión. Isto permitiu que ao longo de diferentes sesións participara estudantado universitario guiando as lecturas e promovendo o diálogo, a reflexión e a posta en común dos diferentes puntos de vista dos participantes, así como o debate sobre as temáticas e as potencialidades da literatura, xa sexa como lectura textual ou visual”, sinalan desde a organización do proxecto.

Continuidade

Rematadas as sesións conxuntas, Inclu-Con-Tándem continuará ao longo do mes de xuño con outras actividades e seleccións lectoras, vinculadas ao desenvolvemento dun traballo de fin de grao dunha das estudantes participantes. Ademais, tamén se promoverá “o intercambio de feedbacks, pois o estudantado universitario elaborará vídeos para animar a ler ao alumnado do centro penitenciario, ao que se convidará a que transmita a través de cartas e/ou textos anónimos a súa opinión sobre as obras recomendadas”. Polos seus bos resultados, esta primeira colaboración entre a Facultade de Educación e Traballo Social e o Centro de Educación para Adultos do Centro Penitenciario de Pereiro de Aguiar ten vontade de continuidade, manifestando ambas partes a ilusión por seguir coa iniciativa o vindeiro curso académico.