DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Deibe Fernández-Simo e Xosé Manuel Cid publican un libro sobre esta temática

A educación social, unha ferramenta para o empoderamento das “adolescencias invisibles”

A obra céntrase no apoio á mocidade en dificultades

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI Ourense 06/05/2020

Adolescencias invisibles. A educación social nos camiños do empoderamento é título dunha nova publicación asinada polos profesores da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense Deibe Fernández-Simo e Xosé Manuel Cid. O seu obxectivo é visibilizar a importancia da educación social para que rapazas e rapaces en dificultade social “acaden uns dereitos, unha certa igualdade de oportunidades co resto da mocidade”.  

Estratexias para a emancipación

Editado por Andavira, o libro dá continuidade á liña de investigación aberta por Deibe Fernández-Simo durante a realización da súa tese de doutoramento, dirixida por Xosé Manuel Cid e na que abordou os itinerarios persoais, académicos e laborais de menores en protección e a intervención socieducativa con eles. Segundo explica Fernández-Simo, a publicación céntrase agora "en como desde a educación social podemos facilitar os camiños de cara a emancipación de aquela adolescencia que está en maior dificultade”. Cando no libro se fala de adolescencia invisible, detalla o investigador, “non falamos só da adolescencia que non está moi presente a nivel social ou no imaxinario colectivo senón daquela adolescencia que non só é invisible por non aparecer senón que cando aparece o fai habitualmente mediante estigmas”. Trátase, apunta, “de rapazas e rapaces que o único que teñen é unha situación de vulnerabilidade, de dificultade social, na maioría dos casos atribuíbles a factores externos, como a familia, o contexto ou o barrio”. A elas e eles, engade o autor do traballo, a educación social pode darlles ferramentas, estratexias de cara á emancipación e á transición á vida adulta. Con este obxectivo, engade Fernández-Simo, no libro recóllense exemplos de estratexias que se poderían levar adiante, como se podería enfocar o traballo das e dos educadores sociais para avanzar nesta inclusión. 

Segundo comenta Xosé Manuel Cid, con este estudo cualitativo preténdese continuar “dando voz aos mozos e mozas que pasaron polos sistema de protección de menores con éxito diverso”. Así, apunta, no libro por unha banda abórdanse “as desigualdade que aínda existen para que este colectivo poida acceder ao sistema educativo e a moitos outros servizos aos que tería dereito”. Por outra banda, engade, afóndase “nos resultados que daría a intervención personalizada desde a educación social” con estes mozos e mozas. Con este obxectivo, detalla o profesor do campus de Ourense, a publicación recolle “moita historia de vida de rapaces e rapazas que pasando polo sistema de protección chegaron a alcanzar ata o doutoramento” coa idea de que o seu testemuño sexa tamén ferramenta de empoderamento para outras persoas en situacións análogas. Sobre a importancia de desenvolver a educación social neste eido, Xosé Manuel Cid apunta sobre o colectivo abordado como “ás veces calquera pequeno revés pode levarlles a abandonar os estudos ou calquera outro proxecto de vida que teñan. En cambio, con esa axuda personalizada desde a educación social, con ese vínculo que se establece co educador ou educadora social, moitos deles teñen conseguido superarse”. 

Dos protagonistas á escola

Ao longo da publicación, os seus autores abordan aspectos como o paso das e dos menores de suxeitos pasivos na intervención a participantes nun sistema de protección, a intencionalidade da incidencia profesional nas situacións de dificultade social e o camiño “pendente” do paso da acción institucional reactiva ata a praxe socieducativa proactica. A estratexia de equipo nos recursos de atención á adolescencia, a actividade laboral na integración social da mocidade en risco de exclusión e a protección de calidade son outros dos temas que se analizan na obra. A publicación conta tamén cun capítulo no que baixo o título Voces desde dentro, cédeselle a palabra a rapazas e rapaces do sistema de protección. Trátase, apuntan o autores do traballo, de dar voz non só ás e aos profesionais senón tamén ás e aos auténticos protagonistas desta problemática.

En Adolescencias invisibles. A educación social nos camiños do empoderamento hai ademais un apartado dedicado á escola no que se aborda como o factor social é tratado nos centros educativos. “O fracaso escolar ten unha orixe multifactorial, xa que nel hai factores individuais, familiares, sociais, contextuais, etc. O sistema educativo ofrece mecanismos de apoio para cuestións individuais: se por exemplo tes unha diversidade funcional o sistema educativo, aínda que poden ser criticables, ofrece apoios. Porén se a túa dificultade é social, o sistema educativo non che ofrece ningún tipo de apoio”, explica Fernández-Simo. Así, a pesar de que se estima que o 25-30% do alumnado galego está en situación dificultade social, afirma o experto, “actualmente a escola non ten mecanismos de apoio para intervir nese factor social”. Incidindo no eido educativo, Deibe Fernández-Simo subliña como “os educadores sociais estamos actualmente presentes no sistema de protección á infancia pero na escola non”. Hai, matiza, “algunha estratexia puntual que está funcionando a nivel de terceiro sector pero a nivel sistemático en Galicia non hai, algo que si acontece noutros territorios”. Fronte a esta realidade indica como “hai estudos tanto no ámbito estatal como internacional que teñen constatado que o apoio socioeducativo é fundamental para facilitar o proceso de inclusión escolar de aqueles rapaces que presentan un factor de risco social”.