DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunhas xornadas que se celebran este martes e mércores no campus

Educación e Traballo Social achégase a fitos que marcaron hai cen anos a “revolución pedagóxica”

Abordan o Plan de Vicente Risco e a Liga Internacional pola Educación Nova

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Académica
DUVI Ourense 15/03/2022

A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolle este martes e mércores pola tarde as xornadas O AVE pedagóxico: 100 anos que chegou a Ourense. Nelas, o alumnado do centro achegarase a dous fitos que hai cen anos marcaron unha “revolución pedagóxica”, como son o Plan Pedagóxico de Vicente Risco e a Ligue Internationale pour L'Éducation Nouvelle (Liga Internacional pola Educación Nova).

Do contexto internacional ao galego

Estas xornadas, explica Xosé Manuel Cid, decano da facultade organizadora, xorden tendo en conta a importancia que ten a historia da educación para a formación das e dos futuros educadores e a falta de contidos relacionadas con ela no currículum. Tendo en conta esta carencia, engade, o centro quixo organizar unha actividade dirixida ao alumnado dos diferentes graos que se imparten nel. “Xa que parece que a pandemia nos dá un respiro, non quixemos deixar pasar desapercibidos os centenarios do Plan Pedagóxico de Vicente Risco e da Liga Internacional pola Educación Nova e propuxemos esta actividade para recuperar a memoria histórica deses dous acontecementos”, sinala o decano. O título das xornadas, O AVE pedagóxico:100 anos que chegou a Ourense, xoga co evento da chegada este ano do tren de alta velocidade a Ourense. “Quixemos facer unha metáfora para evidenciar que a pedagoxía en Ourense xa ía a alta velocidade hai cen anos con ese traballo de Vicente Risco e cos principios da Liga Internacional da Educación Nova, que moitos mestres galegos subscribiron”, comenta Xosé Manuel Cid. A celebración desta actividade tamén ten en conta, indica o profesor, a publicación do último número de Sarmiento. Revista Galego-Portuguesa de Historia da Educación, da que a UVigo forma parte, centrado precisamente nas Pegadas e influencias da Ligue Internationale pour L'Éducation Nouvelle no espazo ibérico e brasileiro (1921-2021).

Sobre o Plan Pedagóxico de Vicente Risco, Xosé Manuel Cid lembra que “era un plan de galeguización das escolas, tanto nun aspecto lingüístico como na introdución de contidos relativos á realidade galega”. Risco, indica, era profesor na Escola de Maxisterio de Ourense e nos primeiros números da revista Nós sacou ese plan “que supoñía un avance importante na presencia da lingua e da cultura galegas no sistema educativo”. Segundo explica, con este plan “quería pór aos nenos galegos en igualdade de condicións, ademais da propia preservación da lingua e cultura galega”, xa que, indica, “para os nenos galegos ter que escolarizarse en castelán, sen ningún tipo de valoración do que tiñan aprendido fóra da escola e da súa lingua, era un atraso”.

Sobre a Liga Internacional pola Educación Nova, Xosé Manuel Cid, apunta que “foi o movemento que revolucionou a escola”, apostando por “unha pedagoxía que se centrase máis na infancia e na que houbese moito contacto coa realidade exterior, unha pedagoxía moi activa onde o centro da educación xa non era o mestre e os contidos memorísticos senón a infancia no seu desenvolvemento integral en contacto coa realidade exterior e o medio natural”. Foi, indica, un movemento con revistas e autores moi importantes (como Adolphe Ferrière, Jean Piaget e Maria Montessori) e con “30 principios que traballan todos eses aspectos de didáctica, psicoloxía infantil, etc”. Aínda que por toda Europa proliferaron escolas novas, que cumprían a maioría deses principios, sinala Xosé Manuel Cid, “aquí, coa ditadura de Primo de Rivera non se avanzou demasiado, aínda que moitos mestres, incluso arriscándose a ser sancionados, si que abrazaron un pouco esta pedagoxía. A Segunda República xa foi a súa explosión definitiva”.   

Dous días de programación

A programación contempla este martes a celebración na propia facultade dunha mesa redonda sobre as “adiantadas da nova educación”, as mestras precursoras en Galicia e Portugal no eido do ensino. Rosa Cid falará sobre a muller e educación en Ourense nos anos 20 do século XX, tema da súa tese de doutoramento, e Manuel Puga do legado pedagóxico da súa avoa, Ernestina Otero Sestelo. Pola súa banda, Daniela Gonçalves explicará a historia da primeira muller a formarse en pedagoxía en Portugal, Maria Amalia Borges Medeiros, e Xosé Manuel Cid sobre as grandes mestras de Ourense no século XX, abranguendo desde Rosa Pons ás freinetianas da Baixa Limia.

O mércores, a actividade trasladarase ao edificio Politécnico cunha sesión centrada nos 100 anos da Ligue Internationale pour L'Éducation Nouvelle e do Plan pedagóxico de Vicente Risco. Agustín Escolano, catedrático de Teoría e Historia da Educacion da Universidad de Valladolid e director do Centro Internacional de la Cultura Escolar, fará para o alumnado presente “unha presentación panorámica de 100 anos de educación”. Do mesmo xeito, Antón Costa (USC) falará da presenza da nova educación en Galicia. Por último, Vicente Risco centrará as intervencións de Celia Pereira, que presentará a fundación que preside, a Fundación Vicente Risco; de Xosé Fernández, que falará sobre Risco e a educación, tema da súa tese de doutoramento, e Isabel Mociño, profesora da UVigo, da actualidade do Plan Pedagóxico para a galeguización das escolas.