DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun acto celebrado este venres no campus

Educación e Traballo Social homenaxea ao seu profesorado xubilado en 2020

Trátase de Purificación Mayobre, Ramón Ángel Fernández e Xosé Fernández

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Premios
  • Institucional
DUVI Ourense 18/12/2020

Entre lembranzas e emocións, a Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense rendeu este venres homenaxe ao seu profesorado xubilado no ano 2020: Purificación Mayobre, Ramón Ángel Fernández e Xosé Fernández. Aínda que con retraso e con limitacións debido á situación sanitaria, o centro non quixo rematar este ano sen recoñecer e agradecer a este profesorado a súa contribución, que no caso de dous deles se estende por máis de 40 anos.  

O acto, que foi retransmitido polo Campus Remoto da UVigo desde a facultade, contou coas intervencións de, ademais dos homenaxeados, de Xosé Manuel Cid, decano de Educación e Traballo Social, e dos responsables dos departamentos que hai neste centro, falando José María Failde, Cristina Caruncho e José Luis Fernández, por delegación neste último caso de José María García. Nos seus discursos, de Purificación Mayobre, da que case todos os intervintes foron alumnos nalgún momento, fixeron fincapé na súa “excelencia” en como “abriu as portas ao mundo do feminismo”. De Ramón Ángel Fernández destacaron como foi partícipe da historia da facultade desde os seus antecedentes ata este 2020, sendo director da antiga Escola de Maxisterio, participando “na loita pola integración no campus e a creación da actual facultade” e ocupando o cargo de vicedecano dela durante todos os mandatos. “Foi sempre o home encargado da organización académica”, lembraron. Por último, de Xosé Fernández resaltaron a súa achega no eido da educación social e desde a súa experiencia profesional desde outros niveis do sistema educativo, tanto no maxisterio como na inspección, ademais da súa contribución á investigación sobre a figura de Vicente Risco, entre outras cuestións.

Tres traxectorias satisfactorias

Purificación Mayobre lembrou antes da homenaxe como a súa vinculación coa institución académica comezou en 1974 e se desenvolveu ata a súa xubilación sempre traballando en diversas ramas da filosofía. “Eu estou moi satisfeita. Creo que deixei unha pegada no que foi a introdución da perspectiva de xénero, da perspectiva feminista”, indicou. Con especial emoción recalcou o seu orgullo porque nesta apertura ao feminismo “hai sucesión, hai novas xeracións que asimilaron esa perspectiva”. Ademais deste logro, apuntou os bos momentos que lle reportou tanto a docencia como a investigación, facendo un balance moi positivo das súas máis de catro décadas de traballo.

Pola súa banda, Ramón Ángel Fernández indicou como a súa vinculación coa universidade arrancou hai “un pouco máis de 40 anos”. Facendo “un balance moi positivo do traballo que fixen e fixemos”, lembrou da súa traxectoria como estivo de director da antiga Escola de Maxisterio e 18 anos como vicedecano da hoxe Facultade de Educación e Traballo Social. Moi satisfeito co que foi a súa vida profesional, este profesor na área de didáctica das matemáticas apuntou como lembra dun xeito especial a etapa á fronte da Escola de Maxisterio e a oportunidade que tivo de “poder contribuír á formación do alumnado”, alén de ocupar cargos de xestión na facultade.

Por último, Xosé Fernández, sinalou como estivo nos últimos 12 anos vinculado á institución académica, traballando como profesor asociado na Área de Teoría e Historia da Educación. “Para min o balance é totalmente positivo, permitiume profundar nas materias que eu impartía, estar en conexión co alumnado e tratando sempre de achegar formación para a súa incorporación á vida laboral e tamén intentando que as ensinanzas impartidas lles axudaran un pouco para xestionar a súa vida particular, que tamén é importante”, dixo. Do seu traballo na universidade subliñou “o trato respectuoso que sempre tiven e tivo comigo o alumnado, un trato moi cordial e amable” e o feito de que “xuntos conseguimos un bo papel formativo para a súa incorporación ao mundo laboral”.  

Debido á pandemia, explicou Xosé Manuel Cid, o acto presencial tivo que ser moi restrinxido. O vindeiro ano, indicou, como xa é tradición o centro homenaxeará cun acto e cun libro ao profesorado xubilado nos últimos cinco anos, agardando poder entón facer un evento aberto á comunidade universitaria interesada en unirse a ese recoñecemento colectivo.