DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No acto tamén se presentou unha publicación co gallo dos 20 anos do centro

Educación e Traballo Social rende homenaxe ao seu profesorado xubilado no curso 2020/2021

Son Julia de la Montaña, José Luis Fernández, Hipólito Puente, Mª Mercedes Solar e Manuel F. Vieites

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Institucional
DUVI Ourense 17/12/2021

A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense rendeu este venres homenaxe ao seu profesorado xubilado o pasado curso académico 2020/2021, concretamente a Julia de la Montaña, José Luis Fernández, Hipólito Puente, María Mercedes Solar e Manuel F. Vieites. O acto contou tamén coa presentación da publicación Novas realidades educativas, novas reflexións e propostas de acción. 20 anos de Ciencias da Educación e Traballo Social.

Recoñecemento e agradecementos

No acto, Xosé Manuel Cid, decano da Facultade de Educación e Traballo Social, destacou que esta “sinxela homenaxe” é importante porque “volveron á súa casa profesoras e profesores que nos deixaron en agosto”. O responsable académico quixo agradecerlle a cada un deles e delas “o seu labor na consolidación dos títulos actuais e anteriores da facultade” e “a súa dedicación á docencia, á investigación e á proxección social do noso centro”. Nas súas verbas quixo recoller o sentir do profesorado, persoal de administración e servizos e alumnado e trasladarlle ao novo profesorado xubilado o seu recoñecemento e agradecemento “polo traballo feito e pola vosa amizade”. O seu traballo, indicou Cid, “foi moi importante e seguirao sendo” na tarefa do centro de contribuír a mellorar a educación infantil e primaria e o traballo e a educación social. “Ao xubilarvos organizaredes a vosa vida doutro xeito pero recorreremos a vós sempre que precisemos consello”, afirmou o decano.

Ángeles Conde, directora do Departamento de Psicoloxía Evolutiva e da Comunicación; José María Faílde, director do Departamento de Análise e Intervención Psicosocioeducativa; Ana María Iglesias, coordinadora do Grao en Educación Primaria, e Isabel Mociño, coordinadora do Grao en Educación Infantil, foron as e os encargados de falar desde o persoal e desde o académico de cada un das e dos homenaxeados. Nas súas palabras recoñeceron o “saber ser e estar” de cada un deles e delas, poñendo en valor a súa traxectoria docente e investigadora e os momentos compartidos na convivencia universitaria. A través das súas traxectorias tamén se lembrou o “papel do profesor como piar do sistema educativo”. Tamén houbo tempo para desexarlle ás e aos homenaxeados que na nova etapa que se lles abre coa súa xubilación acaden as metas que se propoñan. O profesorado xubilado recibiu con agradecemento esta homenaxe, con palabras de agarimo para a que foi a súa casa e os que foron os seus compañeiros e compañeiras durante a súa traxectoria docente.

Novas realidades educativas, novas reflexións

Durante o acto tamén se presentou o libro Novas realidades educativas, novas reflexións e propostas de acción. 20 anos de Ciencias da Educación e Traballo Social, coordinado polo profesorado do centro Xosé Manuel Cid, Mar García e Isabel Mociño. “A facultade cumpre 20 anos e cada cinco anos facemos un libro que é un pouco un termómetro do estado da investigación feita por distintas persoas e grupos do centro”, explicou Xosé Manuel Cid. O seu valor, indicou, “é un valor sobre todo sentimental”, pois nel participaron con artigos máis de 50 persoas da facultade para render homenaxe ás 16 persoas que se xubilaron nestes cinco anos que abrangue a publicación. Os contidos do libro articúlanse en diversos eixes temáticos, como son educación, historia e sociedade; uso educativo das tecnoloxías da información e da comunicación; perspectiva de xénero e estudos sobre mulleres, e dentro e fóra da aula, abranguendo unha ampla diversidade de artigos que van desde o absentismo escolar no termo municipal de Ourense desde unha intervención cooperativa entre as distintas administracións locais ata as actitudes cara a práctica deportiva das mulleres no estamento arbitral da Federación Galega de Fútbol Sala.  

A publicación tamén conta cun apartado no que se recollen avances das teses que actualmente están a facer estudantes do Programa de Doutoramento en Ciencias da Educación e do Comportamento. Por último, réndese homenaxe no apartado Sempre entre nós ás persoas falecidas nos últimos anos na Facultade de Educación e Traballo Social, concretamente a Antonio López Castedo, profesor do Departamento de Análise e Intervención Psicosocioeducativa; a Manuel Vidal López, profesor do Departamento Didácticas Especiais; a Alberto Beade Dopazo, alumno de Traballo Social, e a Indiana Ferro Varela, alumna de Educación Social.