A actividade celebrouse este xoves no campus
Educación e Traballo Social súmase á celebración das Letras Galegas cunha homenaxe a Begoña Caamaño
Nela lembrouse o activismo cultural e o compromiso social da xornalista
A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense sumouse este xoves ás celebracións co gallo do Día das Letras Galegas 2026 cunha xornada titulada De Rosalía a Begoña Caamaño: as letras galegas con voz de muller. Nela, presentáronse traballos audiovisuais feitos por alumnado do centro arredor da autora homenaxeada este ano e nos que reinterpretaban contos tradicionais. Tamén houbo unha conversa con Ana Romaní titulada O compromiso en feminino, e a lectura do relato Xogando con Begoña, a cargo de Maika Aguado. A sesión rematou cun concerto do músico e profesor da facultade Xosé Constenla no que dialogou cos textos xornalísticos de Begoña Caamaño.
A iniciativa contou co apoio das vicerreitorías de campus e Extensión Universitaria e da Área de Normalización Lingüística da UVigo e a ela asistiron tamén familiares de Begoña Caamaño. Na súa apertura, Isabel Mociño salientou que o Día das Letras Galegas é tamén “a festa da identidade, do que somos” e chamou a atención sobre o feito de que “se non empregamos a nosa lingua estamos renunciando ao que somos”. A responsable académica destacou que un ano máis o centro se une á conmemoración das Letras Galegas tecendo un fío entre Rosalía de Castro e a homenaxeada este ano. Sobre esta última apuntou que “dicir Begoña Caamaño é dicir Radio Galega, Diario Cultural, muller, literatura, xornalismo, palabra” e puxo en valor o seu activismo. Este activismo cultural de Begoña Caamaño tamén foi subliñado por Benigno Fernández, director da Área de Normalización Lingüística da UVigo, quen afirmou na súa intervención que “a lingua, a literatura e a cultura galegas non son un adorno na Universidade senón un dos seus piares”.
Na organización da actividade celebrada este xoves participou profesorado de diferentes materias encabezados por Ana Iglesias. “Este ano a escolla de Begoña Caamaño é moi importante porque é unha figura moi actual por diversos motivos, desde o seu antimilitarismo, que hoxe en día por desgraza ten que estar moi vixente, ata a súa visión feminista da vida e como aplicaba esa perspectiva da vida a todo o que ela facía”, subliñou. As obras da homenaxeada, apuntou, tocan temas que hoxe en día son moi actuais, como o consentimento, e “toda ela ten moita vixencia, co cal pode conectar moi ben coas novas xeracións”. Pola súa banda, Ana Romaní puxo en valor non só a obra narrativa de Bogoña Caamaño senón tamén a súa faciana como xornalista que, dixo, “permítenos reivindicar un xornalismo para a cidadanía” e feito en galego.
