DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Traballou coa axencia Xera na actualización da axenda para o impulso do sector en Galicia

A EE Forestal define coa Xunta a folla de ruta do futuro da industria da madeira

Formar o capital humano e potenciar outros usos deste recurso, entre as prioridades

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Medio Ambiente
  • Universidade e empresa
  • Transferencia
DUVI Pontevedra 04/02/2022

Mellorar a formación do capital humano, achegando á industria novos profesionais, promover unha rede de coñecemento e innovación sectorial, promocionar o uso da madeira como alternativa sostible fronte a plásticos e outros materiais cun maior impacto ambiental, potenciando o uso deste recurso en sectores como a construción. Estas sons algunhas das accións sinaladas como prioritarias na actualización da Axenda de Impulso da Industria Forestal-Madeira, que a axencia Xera da Xunta de Galicia levou a cabo xunto coa Escola de Enxeñaría Forestal. Resultado dun proceso de consulta a máis de 80 industrias do sector, esta actualización propón unha serie de “accións prioritarias” para o período 2022-2024 no que esta axenda mobilizará preto de 140 millóns de euros, segundo avanzou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, no acto de presentación desta nova axenda. 

Elaborada en 2019, tras un primeiro proceso de consulta co sector, realizado conxuntamente pola Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) e a escola do campus pontevedrés, esta Axenda de Impulso da Industria Forestal constitúe “a folla de ruta que vai guiar fundamentalmente á axencia e a outros departamentos” da administración autonómica “con influencia no sector”, como sinala o director da EE Forestal Juan Picos. Xunto á directora de innovación de Xera, Montserrat Rodríguez, Picos encargouse este venres de presentar os resultados do traballo de actualización deste documento, nun acto que tivo lugar nas instalacións da empresa Xilonor, no municipio coruñés de Coirós. Este pechouse coa intervención de Núñez Feijóo, quen subliñou que Galicia é, con 3000 empresas, a novena potencia forestal europea. 

Un “sector moi resiliente”

Articulado en catro eixos, configurados como “rutas de mellora continua sobre as que irán desenvolvéndose accións”, esta axenda compila unha serie de medidas centradas na mellora do capital humano, o ecosistema de innovación, a cooperación e valorización do sector e a súa competitividade, desenvolvemento e diversificación. Co obxectivo de “identificar que aspectos preocupan máis as empresas” e coa idea “non tanto de cambiar as accións, pero si as prioridades”, explica Picos, o documento presentado en 2019 someteuse a un proceso de revisión para o que os técnicos de Xera e o director da EE Forestal levaron cabo unha enquisa a 60 empresas, xunto con 26 “entrevistas e visitas individualizadas”, ao que se sumou unha “análise de todas as tendencias”, tanto referidas á aspectos macroeconómicos como á realidade da industria en Galicia. 

Nese senso, Picos afondo nesas tendencias e cambios que viviu a industria nos últimos dous anos, un período marcado, lembrou, pola irrupción da covid-19, pero tamén polas “tensións nos mercados, os problemas de subministro e os cambios rexistrados no prezo da madeira”. Tomando como punto de partida a análise sobre os efectos da pandemia nesta industria, que a EE Forestal realizou con Xera, Picos incidiu en que se ben a maioría das empresas víronse inicialmente "moi afectadas" pola covid-19, posteriormente mostrouse como “un sector moi resiliente, que conseguiu recuperar o seu ritmo”. De feito, como apuntou Núñez Feijóo, a industria galega alcanzou en 2021 unhas cifras de 9,9 millóns de metros cúbicos de tala de madeira industrial e unha facturación conxunta de preto de 2.500 millóns de euros. 

Necesidade de novos profesionais

Na primeira das catro rutas fixadas nesta axenda, centrada na mellora do capital humano, as consultas ao sector levaron a sinalar como prioritarias medidas como o desenvolvemento de accións de formación específica, de cursos de especialización modulares e da formación profesional relacionada co sector. Neste punto, Picos pon o acento en como o “incremento da actividade do sector,” provocou tamén “que se incementasen moito máis algúns dos problemas que xa tiñamos en 2019” dentro dos que é “especialmente significativo a demanda de formación profesional e universitaria”, que contribúa a achegar á industria profesionais preparados "para a nova realidade que vai vir". 

Peza clave na bioeconomía

No referido ás accións para promover a cooperación e valorización da industria, unha das accións prioritarias é a “promoción da madeira con prescritores e consumidores finais”. Partindo do papel que pode xogar a madeira como “protagonista e facilitadora dunha bioeconomía circular”, o director da EE Forestal pon de relevo a importancia “ser capaz de visualizar o forestal como un dos sectores estratéxicos para descarbonización de Galicia”. Neste punto, sinala que a importancia de "incorporar moita máis madeira local nun sector importante, como é a construción”, á vez que alude ás súas posibilidades noutros ámbitos, como a construción naval ou a automoción, “que comeza a substituír plásticos por biocomposites”. Á súa vez, puxo tamén de relevo a capacidade desta industria para “dar solucións aos retos doutros sectores estratéxicos” para Galicia, “sen necesidade de cadeas de subministro que se poden mostrar moi débiles". Alén das oportunidades para aumentar o seu uso na construción, Picos destacou tamén o interese por substituír por derivados da madeira "produtos máis intensivos en carbono", como plásticos ou téxtiles artificiais. 

Nesta mesma ruta, sinaláronse tamén como prioritarias accións como o “fomento asociativo e de cooperación intrasectorial” ou o fomento de vocacións e captación de talento no sector. A estas propostas, súmanse as destacadas na ruta dirixida a promover a competitividade, desenvolvemento e diversificación da industria, entre as que se salientan medidas como un “programa de incentivos á mellora da competitividade da industria forestal” ou promover melloras en materia de prevención de riscos laborais. Tamén foi sinalado como prioritario o “apoio ao plan integral de dinamización e recuperación” tanto dos montes de coníferas como de frondosas. Esta última, dirixida a potenciar a explotación de madeiras de carballo ou bidueiro é unha das novas accións, xunto coa iniciativa #ElasXeranSector, que se incorpora como novidade á nova versión da axenda.   

Neste eixo inclúense tamén accións como a dixitalización e novas tecnoloxías na industria, o desenvolvemento dunha estratexia de diferenciación para a madeira de Galicia, o impulso de novos produtos na industria forestal, o fomento da madeira en obra pública e privada, así como en compra pública e contratación verde ou o impulso dun programa de mellora enerxética en empresas do sector. Por último, no bloque centrado no desenvolvemento dun ecosistema de innovación sinaláronse como prioritarias accións como o impulso de “redes de coñecemento e innovación sectorial” e o posicionamento e desenvolvemento do CIS-Madeira.