Coa creación dun marteloscopio, unha parcela na que cada árbore é medida e catalogada
A EE Forestal dótase dunha innovadora ‘aula de prácticas’ nos montes de Paredes de Coura
Trátase do primeiro que se realiza en Europa dunha masa de cipreses de Lawson
Un marteloscopio é unha área de bosque, xeralmente dunha hectárea, na que todas as árbores foron xeorreferenciadas, catalogadas e numeradas, o que fai posible desenvolver nela diferentes actividades formativas, desde a simulación de intervencións silvícolas ata prácticas de medición con diferentes sistemas. No marco dun proxecto piloto de innovación docente, a Escola de Enxeñaría Forestal impulsou a creación dunha infraestrutura deste tipo na paisaxe protexida do Corno do Bico, no municipio portugués de Paredes de Coura, onde se asenta o Laboratorio Rural do que forma parte este centro. Coa participación do alumnado, leváronse a cabo os traballos de medición e catalogación dunha masa de cipreses de Lawson (Chamaecyparis lawsoniana), seguindo a metodoloxía empregada polo Instituto Forestal Europeo (EFI), co obxectivo de poida incorporarse a súa rede de marteloscopios. Isto converteríao no primeiro de Europa centrado nesta especie de orixe americana, así como no segundo marteloscopio de Portugal en ser incluído nunha base de datos que reúne os datos de 267 masas arbóreas de 27 países.
“A idea é que esta infraestrutura poida utilizarse en diferentes materias e con distintas aproximacións”, sinala o subdirector da EE Forestal, Juan Picos, coordinador dunha iniciativa seleccionada na convocatoria de proxectos piloto de innovación docente en facultades e escolas da Universidade de Vigo.
Unha parcela formativa e un xemelgo dixital
Coa participación das investigadoras Julia Armesto e Laura Alonso, este proxecto abrangueu tamén a creación dun “xemelgo dixital” da parcela, a partir do procesamento dos datos obtidos con tecnoloxía LiDAR, tanto cun dispositivo portátil, como a través dun dron. “Fomos un paso máis aló. A metodoloxía supón que xeorreferencias cada árbore e nós, ademais, reconstruímolas dixitalmente”, salienta Picos. Este xemelgo dixital, explica, “amplía o potencial educativo” do marteloscopio, “ao trasladar o bosque físico a unha plataforma visual interactiva”, na que o estudantado pode acceder información detallada de cada árbore, “simular intervencións, visualizar os resultados en tempo real e explorar distintos escenarios de xestión forestal”.
Deste xeito, o marteloscopio constitúe unha “infraestrutura docente” que permite a formación do alumnado tanto en técnicas cartográficas, como en materia de xestión forestal, xa que a recolección de datos sobre o diámetro, altura e estado sanitario das árbores posibilita replicar “diferentes escenarios de toma de decisións” e simular “tratamentos silvícolas” con diferentes obxectivos. Do mesmo xeito, fai posible ir “comparando tecnoloxías de medición sobre un patrón que xa está perfectamente medido e xeorreferenciado”, sinala Picos,
De feito, este proxecto de innovación integra inicialmente tres materias do Grao en Enxeñaría Forestal, Expresión gráfica e cartográfica, Silvicultura e Dasometría, nas que o estudantado pode ir traballando sucesivamente, en diferentes cursos, “sobre unha mesma contorna e uns mesmos datos, de tal xeito que adquiran distintas competencias de xeito complementario”.
Un laboratorio nunha paisaxe protexida
Na creación deste marteloscopio participou tamén o estudante da escola Carlos de Castro, que avaliou “diferentes fontes de medicións” no marco do seu traballo de fin de grao. Tras unha primeira presentación do proxecto no Rural Camp, celebrado o pasado mes de marzo no Laboratorio Rural, en maio levouse a cabo o traballo de sinalización das máis de mil árbores presentes nesta parcela, situada nun espazo protexido pola Rede Natura, no que a EE Forestal levou a cabo diferentes actividades formativas nos últimos anos. De feito, a Universidade de Vigo foi unha das dez institucións e entidades que en 2021 asinaron o convenio para a creación deste laboratorio rural, que ten como núcleo un espazo protexido integrado por preto de 2400 hectáreas e o seu Centro de Educación e Interpretación Ambiental. Isto posibilita que no uso docente do marteloscopio poida combinarse o traballo cos datos obtidos e na propia parcela, á vez que este é tamén “unha infraestrutura docente” a disposición das outras universidades que forman parte deste laboratorio.
Para a xeración deste recurso, recoñece Picos, optouse á súa vez por “unha masa bastante singular”, conformada por “árbores moi rectas e moi fáciles de medir con LiDAR”. Non obstante, o investigador apunta tamén á posibilidade de ampliar este proxecto no futuro “nunha zona de carballos” deste espazo protexido, que é por outra banda a especie que pode atoparse no único marteloscopio existente en Galicia, situado en Labio (Lugo).