DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Biofore desenvolveu este luns unha xornada formativa en Pazos de Borbén

A EE Forestal participa nun grupo de innovación que estuda vías de valorización da biomasa forestal

Investigadores da escola avaliarán o rendemento enerxético das mostras obtidas cunha nova empacadora

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Medio Ambiente
  • Universidade e empresa
  • Investigación
DUVI Pontevedra 22/04/2019

Comprobar a eficiencia nos montes galegos dunha nova unidade empacadora, desenvolvida por unha empresa finesa, tanto na optimización dos traballos de tratamento silvícola como na posible redución de custos que neste eido suporía a revalorización da biomasa forestal xerada neste proceso constitúe o obxectivo central do grupo de innovación Biofore, que coordina a empresa Letme Soluciones e no que participa a Escola de Enxeñaría Forestal. Seleccionado nunha convocatoria de axudas da Axencia Galega de Innovación (Gain) da Xunta de Galicia, Biofore celebrou este luns unha xornada formativa en Pazos de Borbén, dirixida a dar a coñecer un proxecto que, na súa segunda fase, comprenderá a análise, por parte dos investigadores do centro do campus pontevedrés, do rendemento enerxético da biomasa residual obtida a través do uso da unidade empacadora Fixteri en diferentes parcelas, xunto coa análise do seu posible uso para a elaboración de abonos e camas para o gando.

“Unha das problemáticas do sector forestal é o aproveitamento da biomasa”, sinala Érika Martínez, directora de Letme Soluciones e coordinadora de Biofore, grupo no que participan, ademais da Universidade de Vigo, o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (Ciam), o Instituto Galego de Calidade Alimentaria (Ingacal), a Universidad Politécnica de Madrid e as empresas Ence, Fmc Forestal & Medioambiental, Ecocelta Galicia e Forest Linna, O catedrático da EE Forestal Luis Ortiz, o enxeñeiro do Ciam Juan Castro, a representante de Ecocelta Galicia Bárbara Álvarez e Jesús Martínez, de Fmc, participaron, xunto á responsable de Letme Soluciones, na xornada formativa celebrada este luns en Pazos de Borbén, que se completou cunha visita a unha das parcelas do monte Ermida na que se avalía actualmente o uso desta empacadora; visita na que participaron tamén estudantes das materias de Aproveitamentos forestais, Xiloenerxética e Enxeñaría Ambiental do grao en Enxeñaría Forestal, que puideron así obter “un coñecemento practico das primeiras experiencias que se están levando a cabo con esta maquinaria”, como sinalou Ortiz.

Segundo explica Martínez, o punto de partida deste proxecto é analizar a rendibilidade que se podería obter, dadas as características das explotacións forestais galegas, dunha maquinaria que permite “o procesado de biomasa forestal coa máxima calidade”, ao estar dotado dun “acumulador interno” que, durante o proceso de tala, reúne a biomasa xerada nunhas pacas “que envolve nun plástico biodegradable”, impedindo que “entre en contacto co solo, o que reduce a súa porcentaxe de impurezas, que é unha das problemáticas para o seu aproveitamento enerxético”. Nese senso, a primeira fase deste proxecto céntrase na análise dos rendementos e produtividade desta maquinaria en diferentes escenarios de traballo, á vez que busca comparar “os rendementos doutros tipos de tecnoloxías para facilitar o transporte e almacenaxe duns restos moi abondosos e que se poden utilizar en diferentes sectores”, engade o investigador da EE Forestal. 

Masas forestais afectadas por pragas e lumes

O traballo con esta maquinaria iniciouse o pasado mes no monte Coto Muíño, no concello de Zas, nunha masa de eucaliptos “fortemente afectada por unha praga” e continúan nestes días en Pazos de Borbén, onde se traballa con masas de piñeiro e eucalipto afectadas polos incendios que tiveron lugar en outubro de 2017. As mostras resultantes do traballo de campo nestas tres parcelas serán así mesmo empregadas, na segunda fase do traballo, para o desenvolvemento dunha serie de estudos sobre as vías de aplicación destes produtos. Por unha banda, abordarase o seu uso na elaboración de abonos e substratos de cultivo polo método da compostaxe ou vermicompostaxe, así como a aplicación destes restos, unha vez triturados, como camas para o gando, xunto coa súa valorización enerxética. 

Este último estudo desenvolverase nas instalacións da EE Forestal, onde se levará a cabo un pre-tratamento das mostras mediante procesos de conversión en estelas e moenda, para posteriormente, no Laboratorio de Enerxías Xiloxeradas, realizar unha análise das súas porcentaxes de humidade, cinsas e poder calorífico. “Desta forma, en poucos  meses poderemos ter uns resultados concluíntes sobre cales son os rendementos e o factible que sería o uso de cada máquina”, salienta Ortiz