DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O centro acolleu dous dos talleres cos que botou a andar unha semana de actividades

A EE Forestal, protagonista no arranque da sétima edición de Pontenciencia

Centrados nos liques como indicadores de biodiversidade e no uso de imaxes por satélite

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Saúde
  • TIC
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 09/11/2020

Cada ano, a Escola de Enxeñaría Forestal acollía o evento final do programa Pontenciencia, unha feira na que o alumnado dos diferentes centros educativos do municipio presentaba os proxectos e experimentos científicos que desenvolvera nos meses previos. A situación santiaria impediu que neste 2020 se levase a cabo unha nova edición da Feira da Miniciencia, mais non que o centro do campus pontevedrés fose un dos protagonistas da sétima edición deste proxecto promovido pola Concellería de Educación en colaboración coa Universidade de Vigo e co financiamento da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía do Ministerio de Ciencia e Innovación, reconvertido por mor da pandemia nunha semana de actividades. Entre elas, os talleres Liques como indicadores da biodiversidade dos bosques e Novas tecnoloxías aplicadas aos incendios forestais, que achegaron á escola preto de 40 estudantes do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Lourizán.

“Pontenciencia é un proxecto espectacular no que se implican moitos profesores das escola, por crenza no proceso e tamén por unha certa responsabilidade á hora de colaborar cos niveis educativos previos á universidade”, salienta o director da EE Forestal, Juan Picos, da participación do centro nunha nova edición desta iniciativa. Responsable de impartir un taller dirixido a amosar as posibilidades das imaxes por satélite para coñecer e comprender fenómenos como os lumes forestais, Picos sinalou tamén a oportunidade que Pontenciencia supón á hora de achegar “por primeira vez ao campus” a estudantes de diferentes niveis educativos, ao que se suma ao feito de que nesta xornada tratábase de estudantes do CFEA De Lourizán, “un centro co que cooperamos en moitas cuestións”.

Os liques como indicadores da biodiversidade

As profesoras da Área de Produción Vexetal Eugenia López e Silanes e Graciela Paz foron as responsables de amosar a un grupo de 22 estudantes como a presenza de determinados liques nas árbores constitúe un indicador dunha maior biodiversidade. Fixérono a través dunha adaptación do índíce de bioversidade liquénica, que ás e os participantes puxeron en práctica na contorna da illa do Covo. Previamente levouse a cabo unha introdución teórica, co propósito de explicarlles “que son os liques, cales son os seus morfotipos, e porque son bos indicadores”, así como o método de mostraxe que ían pór en práctica, explica López de Silanes. A partir de aí, a actividade trasladouse ao exterior co propósito de que os localizasen e cuantificasen nunha serie de exemplares, tanto de árborse caducifolias como de eucaliptos, para logo, de volta na aula, calcular as medias resultantes e debater respecto “das causas de porque nunhas árbores hai máis liques que noutras”.

Tras esta primeira sesión, López de Silanes levará a cabo esta actividade de novo o mércores e o luns no CPR Sagrado Corazón, con dous grupos de estudantes da ESO.

Como empregar as imaxes por satélite no eido forestal

As imaxes tomadas polos satélites Sentinel, do programa da Axencia Espacial Europea Copernicus, foron a base do taller no que Juan Picos buscou introducir a 20 estudantes “en que é a teledetección e como se aplica ao campo forestal”. O obxectivo deste taller, explicou, era amosarlles “como podemos utilizar os satélites para ver como está a vexetación, para localizar lumes, medir o que ardeu ou ver como se está recuperando”. Algo que Picos tratou exemplificar coas imaxes que o Sentinel tomou de lumes forestais vividos na provincia de Pontevedra en 2017, na de Ourense o presente ano ou da vaga de lumes que azoutou Australia a finais do pasado ano e nos primeiros meses deste. A estes casos sumáronse a análise doutra serie de imaxes, que permitían observar a deforestación do Amazonas a erupción do Krakatoa ou mesmo debater como poderían localizarse poboacións de pingüíns a partires de imaxes por satélite, neste caso da Antártida.

Este taller levarase a cabo tamén maña con alumnado do CEIP Praza de Barcelos, o mércores con estudantes do CPR Sagrado Corazón e do IES Luis Seoane e o venres de novo con alumnado do Sagrado Corazón, en todos os casos de xeito virtual.