DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cos acordos que o grupo AF-4 asinou con PEFC Galicia e as comunidades de montes de Estacas e Baroña

A EE Forestal reúne apoios á creación da primeira entidade de conservación do cabalo galego do monte

A iniciativa enmárcase nun proxecto financiado pola Fundación Biodiversidad

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI Pontevedra 21/03/2019

Dar apoio á constitución da entidade de custodia do territorio para a conservación do cabalo galego e dos seus hábitats é o principal obxectivo dos acordos que o grupo de investigación AF-4, da Escola de Enxeñaría Forestal asinou este xoves coas comunidades de montes veciñais de Estacas (Fornelos de Montes) e Baroña (Porto do Son) e coa asociación para a certificación forestal PEFC. Estes acordos enmárcanse no proxecto Estudo e conservación do Cabalo Galego do Monte a través de acordos de custodia do territorio (Fase II), seleccionado pola Fundación Bioversidad do Ministerio de Agricultura dentro da súa convocatoria de axudas en réxime de concorrencia competitiva do ano 2017, que ten como principal obxectivo a conservación desta raza autóctona de Galicia, unha das poucas especies de cabalos salvaxes que existen actualmente en Europa occidental.

O director da EE Forestal, Juan Picos, o investigador principal do grupo AF-4, Enrique Valero, a responsable de PEFC Galicia, Elsa Grille, o presidente da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Baroña, Ovidio Queiruga, e o secretario da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Estacas, José Antonio de la Riera, participaron este xoves no acto de sinatura destes acordos, que constitúen á fase previa á constitución da que será a primeira entidade especifica de conservación desta especie. “Para lograr unha conservación efectiva de calquera especie, hai que intentar conservar así mesmo os hábitats nos que se atopa”, sinalou Valero, quen incidiu nese senso en que esta raza atópase “en montes que teñen propietarios, ben particulares, ben comunidades de montes veciñais en man común” e, polo tanto, “sen a súa implicación e participación no proxecto non é posible facer unha conservación efectiva do cabalo”. De aí que os acordos de custodia do territorio, “onde todas as partes interesadas comprométense voluntariamente a emprender ou incentivar accións de conservación” sexan, como sinalou Valero, “fundamentais para conseguir os obxectivos previstos”.

Unha entidade destinada a traballar pola conservación da especie

Coa sinatura destes tres acordos, o grupo de investigación da EE Forestal impulsa a creación desta entidade específica para a protección do cabalo galego do monte, que continuará traballando na conservación e mellora desta especie, así como en mellorar a coexistencia desta con outras especies e co ser humano. Nese senso, os acordos inclúen o compromiso tanto de participar activamente na conservación do cabalo galego e dos seus hábitats, como de promocionar os acordos de custodia do territorio, así como a súa aplicación na conservación e uso sostible do patrimonio natural, ecolóxico, socio-económico, cultural e paisaxístico asociado co cabalo galego do monte. Do mesmo xeito, as entidades asinantes tamén ratifican neste acordo o seu compromiso co fomento dun desenvolvemento sostible do medio rural asociado con esa especie, a colaboración cos propietarios de terreos nos que se atope esta especie para a mellora da xestión do territorio ou a fomentar a compatibilidade dos usos tradicionais deste terreos coa conservación da especie. 

Unha actividade enmarcada no Día Internacional dos Bosques

Este acto enmárcase así mesmo, xunto ás xornadas de portas abertas que nestes días promove o centro, nos actos que a EE Forestal acolle con motivo da conmemoración, este 21 de marzo, do Día Internacional dos Bosques, como lembrou Picos. Unha conmemoración que busca así mesmo dar a coñecer á Axenda 2030, aprobada pola Asemblea da ONU en 2015, e que a Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación busca difundir entre a comunidade universitaria. Unha Axenda 2030 que contempla no seu Obxectivo de Desenvolvemento Sostible (ODS) numero 15 a necesidade de xestionar de forma sostible os bosques, loitar contra a desertificación, deter e inverter a degradación das terras e deter a perda de biodiversidade.