DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ao abeiro dun convenio entre dez institucións e asociacións portuguesas e galegas 

A EE Forestal súmase ao impulso dun “laboratorio rural” en Paredes de Coura

Permitiu unha estadía do alumnado no Centro de Educación e Interpretación Ambiental do Corno do Bico

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Internacional
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI Pontevedra 18/05/2021

Estimular e responder as iniciativas das comunidades rurais que queiran promover accións innovadoras e favorecer o desenvolvemento de solucións que contribúan ao desenvolvemento rural son dous dos obxectivos do convenio, asinado por dez institucións académicas e asociacións portuguesas e galegas, para a creación dun “laboratorio rural” no municipio luso de Paredes de Coura. Este proxecto ten como núcleo o espazo protexido do Corno do Bico, integrado por preto de 2400 hectáreas que forman parte de Rede Natura, e o seu Centro de Educación e Interpretación Ambiental, no que un grupo de estudantes da Escola de Enxeñaría Forestal, acompañados polo seu director, Juan Picos, participaron nos últimos días nunha serie de actividades formativas, as primeiras que se levan a cabo ao abeiro deste convenio.

Xunto á Universidade de Vigo, este convenio foi impulsado pola Cámara Municipal de Paredes de Coura, a Asociación Portuguesa de Tracción Animal, a Asociación de Conservación do Hábitat do Lobo Ibérico, o Centro de Investigación en Biodiversidade e Recursos Xenéticos, o Instituto Politécnico de Viana do Castelo, o Instituto Superior de Agronomía da Universidade de Lisboa, o Centro de Investigación da Montaña (CIMO) do Instituto Politécnico de Bragança, a Comunidade Intermunicipal do Alto Minho e a Universidade da Coruña. Este acordo, sinala Picos, permite en primeiro termo facer uso “dunha infraestrutura de apoio á docencia á pouco máis dunha hora da escola”, como é o Centro de Educación e Interpretación Ambiental dun espazo que conta “con masas de castiñeiros, zonas de turbeiras, áreas de mato e numerosos elementos de patrimonio etnográfico e arqueolóxico”. Pero máis aló do valor desta infraestrutura e deste espazo protexido para “facer investigacións, xornadas ou actividades formativas” como as que levaron nos últimos días ata Paredes de Coura ao alumnado da materia de silvicultura, o convenio busca tamén contribuír a que o Corno do Bico sexa un “laboratorio vivo, onde poidamos desenvolver proxectos de investigación entre algunhas das entidades”, engade Picos. 

De feito, entre os obxectivos do convenio figura traballar na busca de fontes de financiamento en diferentes convocatorias nacionais e internacionais, así como combinar a asistencia e o acompañamento técnico co desenvolvemento de investigacións. “A idea é desenvolver coñecemento que poidamos testar neste espazo protexido, pero que poida ser transferido á problemática forestal e rural na área de Galicia-norte de Portugal”, engadiu Picos, que no marco da estancia no centro mantivo tamén xuntanzas de traballo con varios dos socios do laboratorio. Nese senso, o director da EE Forestal sinala que o obxectivo desta iniciativa é contribuír á que “entidades xeográfica e tematicamente próximas poidan xerar distintos modelos de cooperación”.

Clases prácticas nun espazo protexido

A Escola de Enxeñaría Forestal converteuse a pasada fin de semana no primeiro centro en participar nunha actividade formativa ao abeiro deste convenio, cunha estadía neste Centro de Educación e Interpretación Ambiental, onde foron recibidos polo vicepresidente da Cámara Municipal de Paredes de Coura, Tiago Manuel Pereira da Cunha, e polo impulsor deste laboratorio rural, Emanuel Renato Sousa de Oliveira. 

Nestes días, o espazo do Corno do Bico permitiu ao alumnado participar en diferentes “prácticas de campo”, que complementan á súa formación na materia, como unha “demostración de traballos forestais de baixo impacto, mediante o uso de tracción animal na xestión forestal do espazo protexido”. Concretamente, esta actividade, impartida por João Brandão Rodrigues, presidente da Asociación Portuguesa de Tracción Animal e da federación europea FECTU, estivo centrada no uso de eguas para a retirada de madeira en espazos aos que non é posible acceder con maquinaria o nos que é preciso evitar os desperfectos que esta podería provocar. Do mesmo xeito, esta estadía levou tamén ao alumnado a “visitar áreas específicas do espazo protexido para facer prácticas e traballos de campo”, como exercicios de medición e diagnose da súa carballeira ou estudar unha “área estratéxica de xestión preventiva” contra posibles lumes forestais neste espazo protexido.