DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Hoxe venres será a quenda da EE de Telecomunicación e Filoloxía e Tradución

A EE Industrial inaugura un mes de graduacións no campus de Vigo

Celebraranse todos en xuño, salvo o de Química, que será o derradeiro, e terá lugar o 14 de xullo

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Estudantado
  • Graduación
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 02/06/2023

Coa celebración este xoves 1 de xuño do acto de graduación da Escola de Enxeñería Industrial arrancou o mes por excelencia das despedidas das novas promocións dos diferentes graos universitarios da Universidade de Vigo.

O centro máis grande foi o máis madrugador este curso en celebrar a despedida de 242 alumnos e alumnas, 207 das sete titulacións de grao coas que conta a escola e 35 do Máster en Enxeñería Industrial. Entre as e os que se despediron, as segundas promocións de Enxeñería Biomédica, titulación deseñada coa colaboración do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo e do Grao en Tecnoloxías Industriais, que forma parte do programa de Excelencia Ultreia 2020 da Xunta de Galicia.

O director da EEI, Juan Pardo, destaca que este evento é sempre “unha gran satisfacción para nós e por isto organizamos un acto tan especial para a nosa escola e, sobre todo, para o gran número de titulados e tituladas que se formaron na nosa casa e que celebran un día tan importante, acompañados de familiares, profesores/as e persoal de administración e servizos”, ademais de autoridades como o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, os vicerreitores José Luis Míguez e Alfonso Lago, e representantes dos colexios profesionais. O acto estivo conducido pola subdirectora da EEI e concelleira Ana Mejías e nel proxectáronse vídeos dos estudantes, das familias e tamén do representantes do profesorado de diferentes departamentos que lles trasladaron aos mozos e mozas palabras de agarimo e consellos para a nova etapa das súas vidas que comeza agora.

Hoxe venres: EE de Telecomunicación e Filoloxía e Tradución

Hoxe venres haberá unha dobre cita. Por unha banda, a EE de Telecomunicación celebrará a graduación tanto da décima promoción do Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación, composta por 61 estudantes, como da oitava promoción do mestrado, con 12 egresados e agresadas. Alberto Gil Solla será o padriño do grao e María Dolores Valdés Peña, madriña do máster. Ao acto asistirá o vicerreitor de Planificación e Sostibilidade, José Luis Míguez, e o alcalde de Vigo, Abel Caballero, así como representantes dos colexios profesionais. O acto comezará ás 16.30 horas e celebrarase no salón de actos da escola.

Tamén este venres, pero ás 18.00 horas e no salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, terá lugar o acto de graduación de todas as titulacións da Facultade de Filoloxía e Tradución, coa presencia de Fina Casalderrey. Premio Nacional de Literatura Infantil e  Xuvenil e Medalla Castelao. O acto contará tamén coa presenza do reitor e do alcalde de cidade.

A próxima semana: Ciencias do Mar e Relacións Laborais e Recursos Humanos

A próxima semana haberá dúas novas despedidas, ambas o 9 de xuño. Por unha banda, a Facultade de Ciencias do Mar despedirá os novos graduados e graduadas e tamén aos estudantes do Máster en Oceanografía polas universidades de Vigo, las Palmas de Gran Canaria e Cádiz. O acto arrancará ás 17.00 horas cos profesores Jesús Souza Troncoso e Ramiro Varela como padriños.

Nesa mesma data terá lugar no salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais ás 18.00 horas o acto dos 40 estudantes da XI promoción do Grao en Relacións Laborais e Recursos Humanos, que terán como madriña externa a Elena Garrido, directora de RRHH de Jealsa e como madriña da promoción á profesora de Dereito do Traballo e da Seguridade Social Rosa Rodríguez Martín Retortillo. Neste acto tamén se despedirán os oito estudantes do Programa Universitario para o Emprego e a Vida Autónoma. 

Cinco actos entre o 14 e 16 de xuño

Entre os días 14 e 16 de xuño concentraranse cinco actos de graduación no campus. O día 14 será a quenda dos 37 estudantes do PCEO ADE/Dereito ás 17.30h no salón de actos da Facultade de Ciencias Económica e Empresariais, que terán como madriña a Eva Ortiz Fernández, directora xeral de Eimskinp Logistics Spain.  

Ao día seguinte, tamén ás 17.30, celebrarase a despedida dos 69 novos egresados e egresadas de Administración e Dirección de Empresas, que contarán como padriño con José María Fonseca Moretón, presidente do Grupo Terras Gauda. 

O día 16, co mesmo horario, será a despedida dos 40 estudantes do Grao en Economía, con Ana Alonso Alonso, vicedirectora xeral de CITIC HIC Gándara Censa, como madriña. Tamén o día 16 está previsto o acto de graduación da XI Promoción do Grao en Dereito formada por 60 estudantes, que terá lugar no salón de actos do edificio de Ciencias Experimentais ás 17.30 horas. Neste acto será nomeada claustral honoraria Teresa Peramato Martín, fiscal adscrita á Fiscalía de Sala contra a violencia sobre a muller na Fiscalía Xeral do Estado. A madriña da promoción será Helena Martínez Hens, profesora de Dereito Civil e o padriño Rafael Andrés Velázquez Pérez, profesor Dereito Internacional Privado. Ademais, neste acto farase entrega dos II Premio de Investigación Xurídica Xosé Luis Franco.

Finalmente, a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía tamén elixiu o 16 de xuño para a graduación, ás 18.30 horas no Paraninfo do edificio Ernestina Otero, da X Promoción do Grao en Enxeñaría dos Recursos Mineiros e Enerxéticos, da X Promoción do Grao en Enxeñaría da Enerxía e a VIII Promoción do Máster Universitario en Enxeñaría de Minas. Ademais, farase entrega dos Premios aos mellores expedientes das tres titulacións das promocións anteriores, que son concedidos pola empresa SOLTEC e polos colexios profesionais. 

Comercio o 22, Bioloxía o 30 e Química, para pechar, o 14 de xullo

A seguinte semana, concretamente o día 22, terá lugar o acto da Facultade de Comercio, no que se graduarán arredor de 90 estudantes entre o Grao en Comercio e os mestrados de Comercio Internacional e o de Dirección de PEMEs. O evento terá lugar no auditorio Mar de Vigo ás 18.00 horas e como padriños intervirán Jacinto González Dacosta, vicedecano de Relaciones Externas e Alumnado para o grao; a profesora Ana Díaz-Becerra para o Máster de Comercio Internacional e o docente Federico Martín Miretti no caso do Máster de Dirección de PEMEs.

A seguinte cita será xa o derradeiro día do mes, o 30, coa graduación de Bioloxía ás 18.00 horas no salón de actos de Ciencias Experimentais. Os 60 novos titulados e tituladas estarán acompañados pola madriña, Esther Barreal Modroño, e polo padriño, Raúl Iglesias Blanco.

Pechará a xeira de actos a Facultade de Química, que ten como data o 14 de xullo ás 16.00 horas no salón de actos do edificio de Ciencias Experimentais. No seu acto recibirán a banda 29 estudantes cos profesores Soledad García Fontán e Ezequiel Vázquez López como padriños.