DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Participan 120 representantes das empresas asociadas a AER Automation

A EE Industrial, sede da xuntanza anual da Asociación Española de Robótica y Automatización

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Universidade e empresa
  • Académica
M. Del Río DUVI 07/11/2024

A Escola de Enxeñería Industrial acolle ao longo deste xoves o AER 6th Summit, a sexta xuntanza anual da Asociación Española de Robótica y Automatización (AER Automation). Esta é a primeira vez que o evento recala en Vigo, e faino no marco dun convenio asinado en 2020 entra a Universidade olívica e esta asociación para mellorar a formación do alumnado e profesorado a través de conferencias, cursos, xornadas, material didáctico, etc. no eido da robótica e a automatización industrial.

A finalidade do AER 6th Summit é poñer en valor as iniciativas nas que a asociación está enfocando os seus esforzos para impulsar a automatización dos procesos industriais en España. En concreto, nesta sexta edición búscase achegar a industria 4.0 á academia e reafirmar o seu compromiso coa comunidade e o ecosistema industrial, tecnolóxico e educativo galego. En total, participaron arredor de 120 representantes das empresas asociadas a AER procedentes de Cataluña, Madrid, etc.

A xornada arrancou pola mañá cunha benvida informal por parte do reitor, Manuel Reigosa; o director da EE Industrial, José Fariña e o presidente de AER, Carlos Méndez. Reigosa deu a benvida aos membros da asociación e, a pesar do momento complicado polas consecuencias das inundacións da pasada semana, quixo trasladar unha mensaxe de optimismo “porque estamos sendo capaces de pulir todo o talento que chega ás nosas aulas, hai unha xeración moi ben formada que pode tomar o peso do desenvolvemento do país” e tamén porque o vento que chega de Europa marca unha senda de “colaboración público-privada e reindustrialización, algo que forma parte nuclear de AER Automation”. O reitor animou aos membros da asociación a “traballar coa máxima intensidade posible para construír un país máis moderno, que se tome en serio a reindustrialización” e subliñou que “temos todo o necesario para desenvolver unha industria 4.0 ou 5.0”.

Pola súa banda, o director da EE Industrial referiuse a un artigo recollido no anuario da AER presentado esta mañá no que se fala dunha fenda nas universidades españolas respecto das europeas na formación de enxeñeiros e enxeñeiras e profesionais en robótica e automatización. Neste sentido, Fariña remarcou o compromiso da escola coa formación e co cooperación universidade-empresa, “que é algo que está nos xenes desta escola, polo que calquera iniciativa que nos axude neste eido será ben recibida”. O director tamén lamentou que finalmente esta asemblea non coincida coas JAI, as Jornadas de Automatización Industrial da UVigo, que ían ter lugar nestas datas, pero que finalmente se atrasaron ao mes de febreiro.

Para rematar o acto, Carlos Méndez, presidente de AER, pediu gardar un minuto de silencio pola vítimas da DINA da semana pasada e deu paso directamente á xornada, que arrancou cunha mesa redonda sobre a mellora da competitividade o talento feminino na industria galega. Moderada por Sara Calvo, coordinadora do proxecto Moongirl de AER Automation, no debate participaron Patricia Moreira, presidenta de Ceaga; Consuelo Domínguez, directora da planta de GKN Driveline en Vigo; Josefina Alonso, directora de operacións de Dihgigal e Ana Paul, directora de innovación tecnolóxica do CTAG. 

Presentacións, mesas redondas e grupos de traballo

Tras unha pausa para xantar, a xornada retómase pola tarde con especial presenza do alumnado, xa que os representantes das asociacións CES UVigo, UVigo SpaceLab, UVigo Motorsport e UVigo Aerotech presentarán ás e aos asistentes as novidades dos seus proxectos nos eidos da automoción, a aeronáutica e a enxeñaría enerxética.

A continuación terá lugar o acto oficial de apertura, coa presenza do alcalde de Vigo, Abel Caballero; o reitor da UVigo, Manuel Joaquín Reigosa; o delegado do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo, David Regades e o presidente de AER Automation, Carlos Méndez. Como convidada especial, asisten Susanne Bieller, secretaria xeral da Federación Internacional de Robótica (IFR).

De seguido será a quenda para a intervención dos grupos de traballo e comisións de AER Automation e logo terá lugar un debate sobre tecnoloxía e humanismo: o desafío da nova era entre Javier G. Recuenco, enxeñeiro e fundador de Singular Solving, e Jordi Vallverdú, músico e doutor en Filosofía pola Universidade Autónoma de Barcelona (UAB).