DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A visita forma parte tamén da auditoría á que se está a someter a ANECA

A EE de Minas e Enerxía recibe un comité internacional para completar a avaliación do seu mestrado

Permitiría que a titulación obtivese o Selo Internacional de Calidade

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Calidade
  • Institucional
M. Del Río DUVI 14/02/2023

Ao longo da mañá deste martes, a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía acolleu unha delegación da ANECA (Agencia Nacional de Evaluación de la Calidad y Acreditación) e outra da ENAEE (European Network for Accreditation of Engineering Education). ENAEE é a entidade internacional encargada de autorizar ás axencias de acreditación e aseguramento da calidade a outorgar a etiqueta EUR-ACE (EURopean-ACcredited Engineer) aos programas de enxeñaría acreditados. Para que unha axencia sexa autorizada, esta debe cumprir cos estándares do documento EUR-ACE Framework Standards (EAFS).

Esta visita encádrase dentro do proceso internacional de avaliación da calidade ao que se está a someter a propia ANECA e, ao tempo, completa o proceso de avaliación da titulación  do Mestrado de Enxeñaría de Minas e Enerxía que culminará coa recepción do informe de ANECA, previsiblemente ao longo deste mes de febreiro, co que o centro agarda obter o Selo Internacional de Calidade.

Dobre visita

Neste proceso de auditoría, a ANECA tivo que presentar un informe de autoavaliación e evidencias que demostrasen que segue cumprindo os estándares establecidos por ENAEE para este tipo de avaliacións, pero ademais, un panel de ENAEE debe acompañar ás persoas avaliadores de ANECA durante algunhas visitas a universidades, para supervisar todo o proceso que realizan para avaliar as solicitudes do selo EUR-ACE. A UVigo, en concreto a EE de Minas e Enerxía, foi unha das dúas institucións do estado, xunto coa Politécnica de Madrid, elixidas por ANECA para que a ENAEE supervise o proceso de obtención do Selo Internacional de Calidade no que están a avaliar o Mestrado Universitario en Enxeñaría de Minas.

Así, ao longo da xornada de hoxe, os catro representantes da ENAEE (Bernhard Masserrey, de Suíza; Denis Marchant, de Reino Unido; Madhukar Chandra, de Alemaña e Yerulan Sagidolda, de Kazaxistán) asistiron tanto ás visitas como ás xuntanzas que os membros da ANECA mantiveron coa dirección da EE de Minas e Enerxía e da Área de Calidade da Universidade. Como explicaban na recepción, as súas funcións nesta visita son como “observadores, para escoitar e aprender e non para interferir no traballo de avaliación que leva a cabo a ANECA”. 

Ambas delegacións foron recibidas na escola pola Vicerreitora de Internacionalización, Maribel del Pozo, que lles deu á benvida á Universidade de Vigo, xunto coa directora da escola, Elena Alonso, a subdirectora María Araújo e o coordinador de calidade, Guillermo García. Por parte da Área de Calidade asistiron o seu director, Joaquín Collazo, e a técnica superior Raquel Gandón. Posteriormente, a vicerreitora foi a encargada de realizar unha presentación da Universidade de Vigo para continuar logo con varias intervencións, xuntanzas e visitas ás instalacións do centro e a varios laboratorios.