DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cun seminario impartido pola empresa Rohde & Schwarz

A EE de Telecomunicación continúa avanzando no coñecemento da conectividade 5G

Etiquetas
  • Estudantes
  • PDI
  • Vigo
  • Divulgación
  • TIC
  • Universidade e empresa
  • Académica
DUVI 20/03/2019

A partir do vindeiro curso, a Universidade de Vigo converterase na segunda universidade española en impartir un título propio de especialista en 5G. Ademais, a institución académica acaba de confirmar a súa adhesión ao Nodo de Cooperación 5G, constituído hai uns meses ao abeiro do Plan Galicia 5G, elaborado pola Axencia para Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). E é que a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación está moi implicada en avanzar neste eido tanto dende o punto de vista da investigación como da docencia. Dende o punto de vista da formación, o centro leva meses acollendo xornadas e seminarios que permitan ao alumnado actualizar os seus coñecementos sobre esta tecnoloxía, chamada a revolucionar a conexión sen fíos. A última delas tivo lugar este xoves da man da empresa Rohde & Schwarz, que ofreceu un seminario titulado Solucións líderes e innovadoras de T&M en sinais de banda ancha. Ao longo de toda a mañá, as e os asistentes puideron achegarse a temas como a xeración e análise de sinais de banda ancha en aplicacións radar, comunicacións 5G ou automoción, a análise coherente en fase de sinais multicanal, a verificación de antena MIMO masivo nunha contorna apantallada ou a monitorización e localización de sinais en bandas 5G. 

O representante da empresa comezou a xornada facendo fincapé en que cada vez é maior o ancho de banda de análises en tempo real necesario en aplicacións de radar, automoción ou comunicacións e, a isto súmase que, en moitos casos, xurde tamén a necesidade de capturar datos I/Q para o seu posterior procesado e análise. Remarcou que, dependendo da aplicación e as necesidades, “esta captura se pode realizar con diversa instrumentación de medida: osciloscopios, analizadores de espectro ou medidores de potencia selectivos baseados nun receptor”. O relator tamén explicou que os avances nos sistemas de comunicacións móbiles e sistemas de comunicacións móbiles e sistemas de monitorización militar/civil xeran a necesidade dun incremento do número de portos para medida dos diferentes elementos dunha antena.