DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A inscrición para os equipos está aberta ata o 10 de xuño

EE de Telecomunicación lanza un hackathon que pon o foco na mellora da realidade aumentada a través das redes 5G

Os tres proxectos de maior interese repartiranse 1050 euros

Etiquetas
  • Estudantes
  • Vigo
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI 04/06/2021

Nun momento no que a realidade aumentada (AR) colle cada vez máis pulo, son moitas as investigacións que tratan de mellorar a experiencia das persoas usuarias e as redes 5G ser un aliado para eliminar os problemas que impiden o funcionamento óptimo destes sistemas. Co fin de afondar nestas posibilidades de aplicación do 5G, a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación organiza a primeira edición do hackathon Plan Nacional 5G Teleco Vigo, que foi presentado este venres na escola. Os equipos participantes afrontarán o reto de mellorar as ofertas de paquetes turísticos dunha axencia de viaxes ficticia a través da realidade aumentada e o 5G e o prazo de inscrición aberto ata o vindeiro 10 de xuño.

Rebeca Díaz, directora da escola, explica que esta iniciativa nace no marco do traballo que se está a realizar desde a UVigo e atlanTTic, “xunto á UTE formada por Orange, Optare Solutions, Cinfo, Gammera Nest e outras entidades colaboradoras”, co obxectivo de “desenvolver diferentes probas de concepto sobre a tecnoloxía 5G para diferentes sectores estratéxicos para Galicia”. 

No hackathon empregaranse infraestruturas de Optare Solutions, así como a rede 5G proporcionada por Orange, grazas á estreita relación entre a EE de Telecomunicación e o tecido industrial e empresarial que fai que “o centro sexa un espazo formativo de referencia para as tecnoloxías TIC”. Deste xeito, esta competición axudará ao estudantado a establecer un contacto de primeira man con tecnoloxías de última xeración e dará visibilidade aos resultados da investigación realizada na escola, por exemplo, os que xorden do Laboratorio 5G da EET.

O reto: a mellora dunha aplicación turística

Rebeca Díaz explica que “con este primeiro hackathon 5G traballamos no uso da realidade aumentada para mostrar a información en distintos contextos e usos, como pode ser o turismo”. Grazas á competición, o alumnado da escola poderá experimentar con procesos e solucións que melloren a experiencia de usuarios e usuarias de AR coas redes 5G. O reto que terán que abordar os equipos participantes ten que ver coa mellora dunha aplicación base, segundo explicou na xornada de presentación Santiago Rodríguez, de Optare Solutions. O contexto será unha axencia de viaxes ficticia, polo que os modelos 3D que se proporcionan no repositorio público pertencen a monumentos e puntos de interese de Galicia, dous por provincia. 

Rodríguez subliñou que a idea de traballar sobre unha aplicación dunha axencia de viaxes “supón o uso de lóxicas de selección para ofrecer diferentes alternativas a posibles clientes”. Así, os participantes terán liberdade para mellorar a aplicación “modificando a lóxica de selección e  incluíndo parámetros de entrada variados (duración da visita, distancia que se desexa percorrer, orzamento aproximado, etc.) para que sexa máis realista”. 

Por outra banda, o desafío ideado fai fincapé nos problemas máis frecuentes da realidade aumentada que, segundo Rebeca Díaz, teñen que ver coa inviabilidade de empregar “terminais potentes, caros e pesados para ’renderizar’ en tempo real a información que se lle mostra ao usuario”. Díaz asegura que “se a información se ‘renderiza’ na nube e as gafas ou o terminal só se usan para mostrar os datos, os terminais poden seguir sendo lixeiros e incluso reaccionar ante as interaccións dos usuarios”. Neste proceso xorde outro dos problemas que menciona a directora da escola: a latencia excesiva da comunicación coa nube, que orixina un retardo entre o intre no que os usuarios realizan as accións e o momento no que as perciben. As investigacións máis recentes propoñen achegar a nube ao usuario para eliminar os retardos, e aí entran as novidades das redes 5G e 2o Multi-Access Edge Computing (MEC) ou computación no bordo, que pon a nube moi cerca do usuario final”. 

Calendario e premios 

A data límite para a inscrición dos equipos, que deben estar compostos por un máximo de cinco estudantes da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, é o xoves 10 de xuño. As persoas interesadas no concurso poden inscribirse a través do enderezo electrónico hackaton5g@uvigo.gal, anexando datos de contacto, información sobre os coñecementos previos de 5G e, de forma optativa, un currículo persoal. Xunto a estes datos, os equipos terán que achegar unha proposta de mellora baseada nos datos ofrecidos pola organización, que seleccionará as tres ideas máis interesantes. 

O calendario de traballo do hackathon continúa o 2 de xullo, día no que os tres grupos seleccionados rexistrarán o seu deseño, e o 9 de xullo, coa entrega do código desenvolto. Na derradeira xornada da actividade, o 13 de xullo, o alumnado deberá amosar os resultados do seu experimento.

Un xurado composto por docentes e investigadores da escola e por persoal de Optare Solutions, Orange e outras empresas colaboradoras avaliará os resultados dos equipos e entregará tres premios de 600, 300 e 150 euros aos participantes.