DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa rodaxe de ‘A deriva’, dirixida pola titulada Iria Silvosa

Egresadas da UVigo converten a Facultade de Comunicación no escenario dunha curta que fusiona ciencia, poesía e danza

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cine
  • Estudantado
  • Cultura
DUVI Pontevedra 03/09/2026

A Facultade de Comunicación converteuse este venres no escenario da rodaxe de A deriva, unha curtametraxe dirixida pola exalumna deste centro Iria Silvosa, con idea orixinal da egresada da Facultade de Filoloxía e Tradución Nuria Vilán, na que exploran as relacións entre ciencia, poesía e danza. Presentada como “un ensaio cinematográfico con dimensión poética e científica”, trátase dunha curtametraxe seleccionada na convocatoria de subvencións á creación audiovisual para a promoción do talento galego da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Xunta de Galicia. 

“Queríamos establecer unha relación entre o artístico e o científico”, sinala Silvosa dunha produción que ten como punto de partida unha poesía de Vilán e que arrancaba cunha gravación centrada nos movementos das microalgas, realizada no Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC. Coa colaboración da facultade, a rodaxe completábase nesta xornada ao campus pontevedrés, onde as responsables do proxecto contaron coa participación da bailarina María Quintana., "Pedímoslle que reinterpretase os movementos das microalgas”, explica Vilán, quen define A deriva como “un proxecto híbrido entre ciencia, poesía e imaxe”. Partindo desta idea, buscaron para esta rodaxe “un espazo neutro” que lles permitise gravar desde un plano cenital, co propósito de establecer “un paralelismo” coa observación das algas no microscopio, o que levounas ata o plató de televisión da facultade. “Síntome moi a gusto volvendo aquí”, recoñecía nese senso Silvosa, titulada en Comunicación Audiovisual.