DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O reitor confirmou no Consello de Goberno o envío de enquisas a estes dous colectivos

Egresados da UVigo e alumnado de Bacharelato valoran desde hoxe o posible traslado de titulacións ao centro de Vigo 

Aprobouse o plan de recoñecemento da docencia en galego e o regulamento de prácticas externas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Reitor
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 29/04/2021

O alumnado de Bacharelato de máis de 200 centros de toda Galicia e as persoas egresadas pola UVigo poderán desde hoxe manifestar o seu parecer sobre o posible traslado de titulacións, que actualmente se imparten no campus de As Lagoas- Marcosende, ao centro de Vigo. Así o avanzou esta mañá o reitor, Manuel Reigosa, na sesión de Consello de Goberno que se celebrou hoxe e na que confirmou o envío a estes dous colectivos de cadansúa enquisa, coa que o equipo de goberno pretende coñecer a opinión das e dos futuros e das e dos antigos alumnos da UVigo sobre posibles cambios dos lugares nos que actualmente se imparten algúns títulos. Este foi un dos asuntos dos que o reitor deu conta no seu informe ao Consello, que na súa sesión ordinaria de hoxe aprobou, entre outras cuestións o plan de recoñecemento da docencia en galego, o novo regulamento de prácticas externas, o regulamento da Comisión de Ética, así como a primeira edición de dous novos cursos de especialista: o Curso de Especialista Internacional en Termalismo e Spa e o Curso de Especialista en Dereito Laboral e da Seguridade Social.

Da orde do día da sesión acordouse a retirada do punto referido á creación da área de coñecemento en Enxeñaría e Infraestrutura dos Transportes, logo do rexeitamento manifestado ante esta iniciativa do Departamento de Física Aplicada e da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, por parte dos departamentos de Enxeñaría dos Materiais, Mecánica Aplicada e Construción e o de Mecánica, Máquinas e Motores Térmicos e Fluídos, por considerar que non está xustificada a adscrición da área de nova creación ao Departamento de Física Aplicada. Logo da exposición de posturas por parte do director a Escola, Humberto Michinel, e os directores dos departamentos de Enxeñaría dos Materiais, Antonio Collazo, e Física Aplicada, Manuel Martínez, acordouse seguir buscando alternativas “sen causar prexuízo ou malestar”, dixo o vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado, Manuel Ramos. 

A creación da área de coñecemento en Enxeñaría e Infraestrutura dos Transportes non foi o único punto da orde do día onde se puxeron de manifesto posicións encontradas, que tamén quedaron patentes no debate previo á aprobación da declaración de interese do novo Mestrado en Exercicio Terapéutico e Funcional en Fisioterapia. Aínda que a proposta da Facultade de Fisioterapia foi aprobada co rexeitamento da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, que a considera en palabras do seu decano, Óscar García, “unha flagrante inxerencia nas competencias dos nosos graduados”, o reitor comprometeuse a realizar un labor de mediación e a buscar asesoramento externo, que faga posible achegar posturas próximas. 

Comezan as enquisas sobre un posible traslado de titulacións 

As persoas egresadas da UVigo e o estudantado de bacharelato duns 200 centros de Galicia poden desde hoxe xoves manifestar a súa opinión en relación co posible traslado de titulacións ao centro de Vigo, que está a promover o equipo de goberno. Antigos e posibles futuros alumnos poderán responder a cadansúa enquisa, nas que se lles pide a súa opinión sobre cuestións como, no caso dos egresados, se achegar os centros á cidade mellorará a experiencia universitaria, ou no dos e das futuros estudantes, se a proximidade xeográfica ao enderezo familiar, que o campus sexa urbano o a opción de chegar a pé, inflúen moito, pouco o non teñen importancia á hora de elixir cursar estudos nunha universidade. Ambas as dúas enquisas estarán operativas ata o vindeiro 14 de maio, e ademais no caso do alumnado de bacharelato premiarase a súa participación, cun sorteo de 10 portátiles. 

Foi o reitor, Manuel Reigosa, quen esta mañá confirmou no seu informe ao Consello de Goberno que estas enquisas xa están operativas para que respondan antigos e posibles futuros estudantes da UVigo, así como que “a comisión do Claustro xa acordou o texto da pregunta que se vai facer a toda a comunidade universitaria (PDI, PAS e alumnado) e que se responderá de xeito virtual”. Reigosa avogou por que se produza un debate sosegado que proporcione datos e lembrou, que logo das reunións mantidas con direccións e decanatos e visitas a centros para explicar a súa proposta, tamén se mantiveron reunións con direccións de departamentos e co Consello de Estudantes, Ceuvi. “Estamos abertos a máis xuntanzas e preguntas doutros colectivos porque fai falta un debate con moitos datos”, sinalou o reitor, que tamén avanzou que se reunirá co PAS. 

Ao marxe desta cuestión, no seu informe, Reigosa tamén expresou a súa esperanza en que se modifiquen algúns aspectos da lei de creación da universidade privada promovida por Abanca, de xeito que a oferta privada non se solape coa pública e os graos non estean en institutos universitarios. En relación coa negociación coa Xunta no  novo Plan de Financiamento Universitario, o reitor insistiu en que se segue a traballar para mellorar as ratios, o que permitiría dispoñer de máis financiamento por estudante. “A ver se atopamos o camiño lóxico e xusto para un reparto equitativo de fondos “, dixo Reigosa, que tamén reclama á Xunta un incremento do financiamento estrutural, ao tempo que lembrou que o debate tamén existe en canto ao financiamento por resultados.

Aprobación de declaracións de interese de novas propostas e modificacións de titulacións 

Na sesión celebrada hoxe polo Consello de Goberno aprobáronse as declaracións de interese dos novos graos en Deseño e do Grao Dual en Enxeñaría da Automación, presentadas o ano pasado, “pero que por diversos motivos, non saíron adiante no curso pasado, polo que o traballo rematarase este. Como non ten sentido que volvan presentar a mesma declaración de interese, simplemente asúmese a presentada o ano pasado”, explica Manuel Ramos en relación a estas dúas titulacións, que comezarían a impartirse no curso 2022/23. O Consello tamén deu luz verde ás declaración de interese dos másteres en Ensinanza de Español como Lingua Estranxeira ou Segunda Lingua; en Enxeñaría Biomédica e en Química Sanitaria. Así mesmo, aprobouse a declaración de interese de modificación do grao en Enxeñaría Mecánica e rexeitouse a do Grao en ADE-IESIDE.

No caso do Master en Exercicio Terapéutico e Funcional de Fisioterapia, tamén se aprobou a declaración de interese desta nova titulación, promovida pola Facultade Fisioterapia, pero que conta coa firme oposición por parte da Facultade de Ciencias da Educación do Deporte. Eva Lantarón e Óscar García evidenciaron nas súas intervencións as diferenzas en relación cun título, que segundo a decana de Fisioterapia, que a asegurou “sentir pena” pola controversia, axústase ás competencias das e dos seus graduados, ademais de ser “unha saída atractiva” para un centro que lembrou, non ten un mestrado. Pola súa banda, o decano de Ciencias da Educación e do Deporte cualificou a situación de “episodio lamentable”, reiterando o que considera “unha flagrante inxerencia nas competencias dos nosos graduados” e asegurando que “non teñen dereito a arrogarse as nosas competencias”, dixo. Logo da exposición dos responsables dos centros, a declaración de interese foi aprobada, co compromiso do reitor de realizar un labor de mediación, acompañado dun asesoramento por parte de expertos externos, que permita aproximar posturas e evitar a xudicialización do caso.

Xa en resposta a unha pregunta formulada polo voceiro de Ideas que suman, Emilio Fernández, en relación a en que punto se atopa o Máster de Aeroespacial, Reigosa confirmou que están pendentes de recibir a memoria para tramitala e que “houbo algúns atrancos porque parece que houbo algún malentendido por parte da Coruña con respecto ao acordo ao que chegamos os equipos reitorais”. Un acordo que establece que o todo o primeiro curso se imparta en Ourense, agás unhas prácticas concretas que se desenvolverán en A Coruña, durante sete días en cada cuadrimestre, mentres que, no segundo curso, o alumnado poderá elixir, en función da especialidade que escolla, pedir traslado de expediente a Coruña ou seguir na UVigo. O reitor recoñeceu que “é unha mágoa que se produciran estes atrancos e aínda que teño o luns unha entrevista ao máximo nivel para poder chegar a tempo, penso que é imposible. Por máis optimistas que sexamos , esgotarei a última bala, pero é bastante difícil”, asegurou.

Por outra banda, a UVigo contará a partir do curso que vén, logo da súa aprobación hoxe, con dous novos cursos de especialista: o Curso de Especialista Internacional en Termalismo e Spa e o Curso de Especialista en Dereito Laboral e da Seguridade Social. O primeiro,  organizado pola Facultade de Ciencias da Educación e Traballo Social comezará a impartirse o vindeiro mes de setembro, mentres que o de Dereito Laboral, impulsado pola Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, estrearase no mes de xullo. Con estes novos títulos, a UVigo suma oito cursos de especialista, se ben dous deles este ano non se impartiron por mor da covid.

Hoxe tamén se deu luz verde a un cambio na planificación temporal da docencia no plano de estudos do PCEO do Grao en Turismo e do Grao en Xeografía e Historia, acordado entre as dúas facultades que participan no título. O cambio aprobado traducirase na modificación da programación temporal de catro materias para un mellor axuste da secuenciación dos contidos en base á experiencia destes anos. 

Retirada da orde do día da creación da área de coñecemento de Enxeñaría de Infraestruturas dos Transportes

Tal e como avanzou o reitor antes de iniciar a sesión, o punto da orde do día referida á  creación da área de coñecemento de Enxeñaría de Infraestruturas dos Transportes foi retirada da orde do día, aínda que si se mantivo a exposición de motivos dos defensores da iniciativa: o Departamento de Física Aplicada e a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, e dos detractores da mesma: os departamentos de Enxeñaría dos Materiais, Mecánica Aplicada e Construción e o de Mecánica, Máquinas e Motores Térmicos e Fluídos. Despois que o reitor lembrase que o equipo de goberno apoiara no seu día a creación desta área, porque entendía que non prexudicaba a ninguén, ademais de comprometerse agora a acadar unha solución ao conflito creado, Humberto Michinel defendeu a posta en marcha da área para “dar servizo ao campus, fortalecer a titulación e axudar a superar a carencia de profesorado”. Pola súa banda, Antonio Collazo, director do Departamento de Enxeñaría dos Materiais, Mecánica Aplicada e Construción asegurou que “non consta necesidade docente que xustifique a creación desta área, que caso de crearse, por afinidade, debería estar adscrita aos departamentos de Enxeñaría dos Materiais, Mecánica Aplicada e Construción e o de Mecánica, Máquinas e Motores Térmicos e Fluídos”, explicou, ao tempo que asegurou que sería “moi grave” unha adscrición a un departamento co que non hai afinidade. “Podería ser unha adscrición estraña e absurda”, dixo, polo que pediu a denegación da creación da área e a apertura dun proceso para a súa adscrición a un departamento máis axeitado.

Tanto o director da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, como o director do Departamento de Física Aplicada, Manuel Martínez, fixeron seu o razoamento de Collazo asegurando que “non era a nosa intención ir contra os Estatutos da Universidade e se é así que se nos diga para corrixilo. Nunca tivemos intención de xerar controversia”, aseguraron. O vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado, Manuel Ramos, agradeceu a boa disposición das partes para acadar un acordo, “coas mans tendidas para buscar alternativas sen causar prexuízo ou molestar”, dixo.

Aprobado o plan de recoñecemento da docencia en galego e o Regulamento de prácticas académicas externas 

Tras o acordo previo acadado na mesa de negociación do PDI, o Consello de Goberno aprobou hoxe o Plan de recoñecemento da docencia en galego, que toma a remuda, aínda que cunha orientación diferente, e o  triplo de investimento, aos que estiveron vixentes entre os anos 2007 e 2010. “É un plan do que nos satisfai moito chegar a un acordo e que supón un avance no proceso de normalización do uso do galego na Universidade”, explica Manuel Ramos sobre esta iniciativa que pretende fomentar o uso da lingua galega na docencia e do que destaca dúas accións: un plan de formación en competencia do uso do galego na docencia e incentivos en forma de recoñecementos de horas docentes que chegan ao 10% da docencia impartida en galego, repartidos entre tres cursos académicos. O vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado, que agradeceu a iniciativa da mesa do PDI para poñer este plan en marcha, tamén destacou que agora triplícase a cantidade de cartos destinados a esta acción, respecto dos plans anteriores.

 Por outra banda, na sesión de hoxe tamén se aprobou o Regulamento de prácticas académicas externas do alumnado da UVigo, que segundo explicou a vicerreitora Natalia Caparrini, substitúe ao que está actualmente en vigor, “que é do 2012 e redactouse de acordo co Real Decreto 1707/2011 polo que se regulan as prácticas académicas externas do alumnado universitario. Non obstante, en 2014 aprobouse un novo Real Decreto 592/2014 polo que se regulan as prácticas académicas externas que  substituía ao anterior e había que adaptar o noso regulamento a este RD”, explica. O novo regulamento, que recibiu preto de 90 enmendas da comunidade universitaria, inclúe cuestións, froito da experiencia dos coordinadores e coordinadoras de prácticas, do persoal da Área de Emprego e Emprendemento e da Fuvi, así  como outras para aclarar e facilitar a información sobre os procedementos seguidos para la xestión de practicas que se facían pero que non estaban recollidas na normativa.

Convocatoria propia de axudas de investigación e mobilidade e regulamento da Comisión de Ética

O Consello deu luz verde tamén, na súa sesión de hoxe, ao regulamento da Comisión de Ética (CETIC), que, entre outras cuestións, especifica que é o Comité de Ética, cal é o seu ámbito e actuación, composición, funcións ou normas de funcionamento. O CETIC, segundo se recolle no regulamento aprobado hoxe, ten como finalidade promover un comportamento ético na investigación, mediante o control do cumprimento das normas deontolóxicas nas diferentes actividades, así como a avaliación dos aspectos éticos da investigación realizada con fins científicos ou docentes, de forma especial a que implique a seres humanos, experimentación animal e uso de axentes biolóxicos ou organismos modificados xeneticamente, así como a obtención e tratamento de datos persoais que poidan afectar a dereitos fundamentais, conforme á lexislación vixente. “Na nosa universidade a día de hoxe temos dous comités funcionando: o comité de ética de experimentación animal e o de xestión de risco biolóxico, se ben hai varios proxectos de investigación que contemplan temas medioambientais ou enquisas sobre diversos temas que afectan a persoas, que non están cubertos polos comités actuais, e que estaban sendo avaliados nas comisión de investigación. Ao crearse o CETIC, este constituirá o paraugas que acolla os distintos comités, que deberán darlle conta das súas actuacións, e tamén dará cabida a todos aqueles aspectos que non encaixen nalgún dos comités existentes”, explica a vicerreitora de Investigación, Belén Rubio, sobre o CETIC, que presidirá o reitor.

O órgano de goberno tamén ratificou este xoves a convocatoria para 2021 de axudas de investigación e de mobilidade propias da UVigo, que como novidade, contemplan un incremento no apartado de contratos programa con grupos de investigación, podendo financiar ata 10 grupos no caso de que non acaden as axudas da Xunta. “Tamén cómpre subliñar que a segunda partida maior é a de preparación para proxectos internacionais con 75.000 euros. Hai que animar ás e aos investigadores a que presenten propostas europeas porque o novo programa Horizon Europe, que substitúe ao H2020 ten un orzamento de case 100 mil millóns de euros, e polo tanto, hai moitas posibilidades de obter estas axudas, con moitas opcións e temáticas”, sinala Rubio. 

Por outra banda, o Consello acordou aprobar o convenio polo que se crea o consorcio de Citmaga, o centro interuniversitario de investigación e tecnoloxía de matemáticas. “O convenio supón o paso final de creación do centro e cales son os seus estatutos e como se vai regular o seu funcionamento, co obxectivo de contribuír ao fortalecemento e potenciación da competitividade na contorna industrial e empresarial, apoiar a innovación no sector produtivo e desenvolvemento de tecnoloxía matemática avanzada orientada á transferencia e á industria”, explica a vicerreitora de Investigación.