DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Sinalou a investigadora Eugenia Trigo nun coloquio virtual co alumnado de Educación Infantil

O eixo da educación son as preguntas, “nunca as respostas”

Formadora de docentes, defendeu que o ensino debe ir máis aló da transmisión de contidos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Investigación
DUVI Pontevedra 21/04/2021

“Cal é a educación que realmente necesitamos para os nenos e nenas do século XXI?, como imos máis aló das diferentes materias para reverter nunha educación de todos con todos e de todos para todos?”. Estas foron dúas das preguntas que a docente, investigadora e escritora Eugenia Trigo trasladou este mércores ao alumnado de Educación Infantil nunha conferencia virtual que buscaba achegarlles unha perspectiva ampla e transversal do desenvolvemento dos nenos e nenas. Nesta actividade promovida polo profesor José María Pazos, Trigo Aza puxo de relevo a importancia que as dúbidas e a curiosidade de nenos e nenas deberían xogar na súa aprendizaxe. “O eixo da educación son as preguntas, nunca as respostas”, defendeu a conferenciante, cuxa traxectoria profesional céntrase na formación de educadores e que foi tamén profesora na Universidade da Coruña.

A través tamén de diferentes preguntas, Trigo buscou nesta actividade que o alumnado reflexionase sobre un sistema educativo, ao seu xuízo, baseado na transmisión de contidos por parte das e os docentes. “Os contidos deberían desenvolverse a partir das necesidades e das preguntas que vaian xurdindo sobre unha determinada temática”, sostivo a confenciante, que recalcou que “diferentes teóricos teñen sinalado que pregunta é a faceta máis evolucionada das habilidades do pensamento”. Motricidade e desenvolvemento humano, un enfoque global era o título desta actividade, na que buscou promover entre os futuros mestres e mestras unha reflexión que lles levase a abordar “non só como facemos as cousas, senón tamén para que”.

A fragmentación do coñecemento

Nesta reflexión sobre o sistema educativo, Trigo Aza sostivo que, desde a propia etapa de infantil ata o propio ensino universitario, continúa a caracterizarse “pola fragmentación do coñecemento”, algo que ao seu xuízo, responde á educación dos séculos XIX e XX, pero non a do XXI, no que “basta con saír a rúa para ver que a vida real é complexa e interconectada”. De aí que avogase por contidos educativos “interrelacionados para resolver problemas do mundo de hoxe”, pondo como exemplo o feito de que abordar nas aulas o que é a auga implica falar de “procesos químicos, sociais, comunitarios ou matemáticos”. Nese senso a conferenciante defendeu que “se o profesor fai o mesmo que fai Google, sobra” co propósito de incidir en que, na sociedade actual, a función do profesorado non pode limitarse a transmisión de contidos. Neste punto, puxo de relevo que as preguntas son a base dos “procesos de investigación” e que desde pequenos, nenos e nenas “xa teñen as habilidades para cuestionarse o que teñen ao seu redor”. 

Do mesmo xeito, Trigo buscou rachar co “concepto de desenvolvemento motor, que provén da fragmentación das áreas de coñecemento” para incidir en que “cando falamos de desenvolvemento, falamos de evolución” e que esta susténtase “nas nosas vivencias e experiencias, que son complexas". No caso dos nenos e nenas da etapa de infantil, estas experiencias susténtase no xogo, “que é o medio co que os nenos aprenden” e que non se circunscribe, defendeu, a un desenvolvemento “motor, lingüístico e plástico, senón que están todos unidos e interrelacionados”.