DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un libro recolle as biografías de 12 mulleres relevantes na carreira espacial

Elas leváronnos ao espazo

Trátase dunha iniciativa da UVigo co apoio da Deputación de Ourense

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Igualdade
  • Institucional
DUVI Ourense 21/12/2022

O pasado curso académico a Universidade de Vigo, co apoio da Deputación de Ourense, puxo en marcha a exposición itinerante As mulleres que nos levaron á lúa, co obxectivo de impulsar as vocacións científicas e tecnolóxicas entre o alumnado feminino, poñendo de relevo o traballo das mulleres que hai 50 anos foron claves para o éxito da chegada da primeira persoa á lúa. Froito desa exposición, presentouse este mércores o libro Elas, leváronnos ao espazo.

A presentación tivo lugar no pazo provincial contando coa participación das promotoras desta iniciativa, que son Nieves Lorenzo e Inés Álvarez, profesoras do campus de Ourense; Encina Calvo, da Universidade de Santiago de Compostela, e a ilustradora do libro e da mostra Manuela Elizabeth Rodríguez “MeliMolita”, xunto á deputada provincial de Igualdade Luz Doporto. A iniciativa, destacaron as súas promotoras, xorde no marco da aposta por impulsar a presenza da muller no eido das CTEM da institucións implicadas e coa confianza de que contribúa a espertar vocacións neste ámbito, ofrecendo referentes de ciencia femininos e incrementando a bibliografía en galego sobre mulleres relacionadas coa ciencia. Na súa intervención, Luz Doporto subliñou que a publicación complementa a citada exposición que, indicou, “está percorrendo toda Galicia”. Neste senso, Nieves Lorenzo apuntou que a mostra ata o de agora leva percorridos 41 centros educativos galegos, chegando a arredor de 12.000 rapazas e rapaces.  

12 referentes

Esta publicación divulgativa, explican as súas promotoras, “amosa as biografías de 12 mulleres, nas que se recollen os principais logros daquelas que co seu coñecemento e traballo axudaron na exploración do espazo”. Así, nela están presentes matemáticas, químicas, enxeñeiras e informáticas que posibilitaron as viaxes espaciais ademais das astronautas que conseguiron navegar polo cosmos. Entre elas, e ampliando as mulleres recollidas na mostra, no libro inclúese á astrofísica galega Begoña Vila e cítanse dúas egresadas do Grao en Aeroespacial da UVigo, Sara Rodríguez e Ana Cambón, que traballan na Axencia Espacial Europea.

Elas, leváronnos ao espazo, comentan as súas responsables, “invítanos a descubrir o inmenso traballo de equipo que hai tras as viaxes e os logros acadados na historia da exploración espacial da man de doce mulleres brillantes e xeniais. O seu labor e o seu tesón ante as adversidades son un valioso testemuño do necesario papel da muller na ciencia”. Así, lembran, a maior parte da xente ten oído falar de Neil Armstrong, comandante da tripulación do Apollo XI e o primeiro ser humano en poñer un pé na Lúa, pero non das mulleres que fixeron posible este voo como Judy Sullivan, Rita Rapp ou Annie Easley. O cine e a literatura, advirten, “sempre nos contaron esa proeza dende a perspectiva dos astronautas pero a conquista do espazo non é exclusiva dos astronautas que chegaron á Lúa”, facendo fincapé en que para “pór un pé na Lúa foi necesario o traballo dun inmenso equipo de persoas que estudaron, calcularon e comprobaron, unha e outra vez, que a misión fose posible”.

Por todo isto, a publicación lanzada este mércores presenta algunhas das mulleres claves no éxito da misión do Apollo XI e na posterior exploración do espazo. “Elas calcularon as traxectorias de voo, programaron os primeiros computadores, descubriron o combustible dos foguetes e deseñaron o interior dos transbordadores, entre outras moitas cousas. Sen elas, hoxe non estariamos falando da próxima misión á Lúa ou de poñer un pé en Marte. Con este libro queremos darlles referentes ás  novas xeracións, xa que non se pode querer ser o que non se coñece”, afirman.

A edición deste libro foi posible grazas á axuda da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, da Deputación de Ourense, do Parque Tecnolóxico de Galicia e da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e Espazo do campus de Ourense, ademais de contar coa colaboración da Área de Normalización Lingüística e do proxecto eXXperimenta en Feminino. Coa idea de acadar un maior impacto, o libro editouse en formato electrónico e unha remesa en formato papel para enviar aos colexios da provincia de Ourense. Estará proximamente a dispor do público interesado para a súa descarga de balde na páxina web de eXXperimenta en Feminino.