DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O primeiro curso do Grao en Enxeñaría Aeroespacial acada un 45% de alumnas

Elas voan as cifras de mulleres en carreiras STEM

A media en España en titulacións de ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas é de preto dun 15%

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Igualdade
  • Estudantes
DUVI Ourense 09/12/2022

A pesar dos avances na loita pola igualdade, en España a cifra de mulleres que escollen estudar carreiras STEM (de ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas) é de arredor dun 15%, quedando o talento feminino fóra dalgunhas das titulacións con maior empregabilidade, impacto socioeconómico e proxección de futuro. Rachando esta cifra e rozando a paridade está o Grao en Enxeñaría Aeroespacial, da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense, que este curso académico, ademais de repetir como un dos títulos con maior demanda e maior nota de acceso no Sistema Universitario de Galicia, conta cun 45% de mulleres en primeiro curso.

Retos de futuro

“Esta é unha cifra récord na traxectoria da nosa escola pero tamén é unha cifra extraordinariamente boa no contexto das carreiras STEM no que nos movemos. Realmente sorprendeunos gratamente”, sinala Nieves Lorenzo, secretaria do centro e responsable de Igualdade nel. A porcentaxe de alumnas, lembra, oscilou desde a posta en marcha da escola entre un 30% nos seus inicios e un 25% nos últimos anos. Sobre a excepcionalidade da case paridade acadada no alumnado que comezou este curso, sinala que “quizais sexa demasiado pronto para saber se se debe ao esforzo feito nos últimos anos para romper esta fenda de xénero pero si é certo que está habendo un esforzo importante por parte das institucións universitarias para atraer alumnas ás carreiras nas que teñen unha menor representación e tamén é certo que desde colexios e institutos reclaman esas iniciativas con forza”. Entre estas iniciativas apunta eXXperimenta en Feminino, nada nas facultades de ciencias e enxeñaría do campus de Ourense, entre elas Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, e centrada na promoción, visibilización e posta en valor de referentes femininos no eido STEM.

Na actualidade, apunta Nieves Lorenzo, “se se pregunta á xuventude se hai carreiras máis apropiadas para homes que para mulleres contestará nunha alta porcentaxe que todas as profesións son tanto para uns como para outras. Aínda así, continúa habendo importantes estereotipos que vén máis axeitados os sectores asistenciais e da educación para elas e as profesións de informática e enxeñarías para eles. Proba disto é a fenda existente entre mozas e mozos matriculados en carreiras STEM”. A existencia desta fenda, recalca, “ten e terá unha repercusión importante de cara ao futuro, xa que na cuarta revolución industrial na que nos atopamos os traballos do futuro estarán relacionados con disciplinas relacionadas coas enxeñarías e as ciencias da información”. Neste contexto, comenta a docente, a Enxeñaría Aeroespacial supón grandes retos para este século, como a exploración de Marte ou a creación dun asentamento luar, e apunta como “alumnado da nosa primeira promoción están traballando xa na Axencia Espacial Europea, controlando satélites” e participando deses grandes retos.

Do mesmo xeito, Humberto Michinel, director da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo de Ourense, destaca a satisfacción do centro por acadar esta cifra e ter éxito na captación de alumnado excelente non só masculino senón tamén feminino. “É certo que nas carreiras denominadas STEM non é habitual ter paridade pero nós temos feito un grande esforzo neste senso”, poñendo en valor de xeito particular o “o excelente traballo” da profesora Nieves Lorenzo. Neste senso, destaca que iniciativas como eXXperimenta en Feminino “teñen sido moi importantes para ir incrementando paulatinamente a porcentaxe de alumnas que, se ben inicialmente non era baixa, foi medrando ata case o 50% actual”.

En primeira persoa

Ana Dios e Uxía Lapido forman parte dos 53 rapaces e rapazas que este curso comezaron a estudar o Grao en Enxeñaría Aeroespacial na UVigo. Ana Dios explica que escolleu esta titulación porque “pareceume que podería encaixarme moi ben, non tanto pola aviación senón polo meu interese polo espazo exterior dende pequena”. No momento en que dixo que quería ser enxeñeira aeroespacial, indicou, “a xente pensou que estaba tola e preguntábanme se non me gustaría ser médica ou mestra, por exemplo” pero pola contra destaca que cando decidiu que era a súa opción definitiva, “todas as persoas apoiaron a miña decisión e animáronme a levala a cabo sen ningún problema”. O feito de ser “poucas as mulleres que querían estudar enxeñería, o que logrou foi motivarme para ser unha delas”, afirma. A estudante lembra como anécdota como antes de comezar o curso "comenteille aos meus pais que toda a miña clase ían ser homes” pero o primeiro día, ao ver o número de alumnas que había, escribiulles "unha mensaxe sorprendida pola cantidade de mulleres que había”. Neste senso Ana Dios subliña, recollendo o sentir das súas compañeiras de grao, que “todas nós estamos moi orgullosas do que aconteceu este ano” e amosa a súa confianza en que “en anos vindeiros as mulleres estarán completamente visibilizadas na enxeñería e xa será totalmente normal”. Para acadalo, ás nenas e rapazas aconséllalles de cara ao seu futuro que “loiten por conseguir o que elas desexan, sen pensar que son menos que ninguén”.

Pola súa banda, Uxía Lapido sinala que ela escolleu este grao “debido a que sempre fun unha rapaza de ciencias e dentro destas chamábanme moito a atención as matemáticas, a física e o debuxo técnico”. Ela lembra como cando en Educación Secundaria Obrigatoria escolleu a materia de TIC e Tecnoloxía e era a única muller “xa se intuía que non ía seguir os pasos da maioría”. Na súa familia e coñecidos, engade, “cando dicía que quería estudar algo deste mundo sempre se sorprendían, xa que non estaban acostumados a que unha muller fixera iso, pero a pesar da sorpresa, sempre me apoiaron en todo momento”. A pesar de que en Bacharelato xa había case paridade de xénero na súa aula, indica que “cando me poñía a pensar nas miñas xeracións anteriores e vía que nas clases tecnolóxicas practicamente o 90% eran homes, eu pensaba que na miña ía ser igual” polo que, engade, “foi unha grata sorpresa atoparme con tantas rapazas na universidade, deixando atrás a idea de que nas enxeñarías practicamente só hai presenza masculina”. Para dar continuidade a esta paridade, ao igual que Ana, o seu consello para ás nenas e rapazas é que “escollan o mellor para elas sen importar o que opinen os seus familiares, amizades, coñecidos e incluso profesores. Se o que che gusta non é o común no ámbito que te rodea, non importa, ti elixes o teu futuro”, afirma. “Pensar na cantidade de persoas que poderían ser brillantes para o campo da ciencia e que non se chegaron a desenvolver debido á sociedade ou incluso aos recursos económicos, faime reflexionar sobre a sorte de que actualmente se unha persoa quere chegar a estudar, neste caso unha enxeñaría, pode facelo, simplemente ten que querelo”, apunta Uxía Lapido. Continuando rachando estereotipos tanto Ana como Uxía e outras rapazas, a maioría estudantes deste Grao en Enxeñaría Aeroespacial, tamén participan actualmente na liga de fútbol 7 da Universidade, onde forman o seu primeiro equipo totalmente feminino.