A proposta foi presentada este martes no edificio Xurídico-Empresarial
Elena Rivo, candidata de ConSenso a vicerreitora do campus de Ourense
A candidatura encabezada por Jacobo Porteiro está a dar a coñecer esta semana o seu equipo
No marco das eleccións á Reitoría da Universidade de Vigo 2026, a candidatura ConSenso, encabezada por Jacobo Porteiro, presentou este martes á profesora Elena Rivo como a súa proposta para asumir a Vicerreitoría do Campus de Ourense en caso de saír elixida. A presentación tivo lugar no edificio Xurídico-Empresarial e nela déronse a coñecer algunhas das liñas e medidas que propoñen para o desenvolvemento deste campus.
Licenciada en Ciencias Económicas e Empresariais pola Universidad Complutense de Madrid e doutorada en Administración e Dirección de Empresas, Elena Rivo é profesora titular e investigadora no Departamento de Organización de Empresas e Márketing da Universidade de Vigo desde 1999. Foi vicerreitora do campus de Ourense (2022-2023), comisionada de Coordinación Institucional da Universidade de Vigo (2019-2022), decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense (2013-2019), coordinadora do Mestrado Universitario en Creación, Dirección e Innovación na Empresa (2011-2014) e coordinadora do Mestrado Interuniversitario en Economía Circular (desdes 2024). Pertence ao grupo de investigación GEN e participa en traballos e proxectos de investigación, tratando temas relacionados coa empresa familiar, a creación de valor e a innovación. É ademais directora da Cátedra Institucional da Empresa Familiar e da Cátedra Coren.
Un campus en crecemento
Sobre a elección de Elena Rivo para este cargo, Jacobo Porteiro sinalou que cando comezou a traballar no equipo da súa candidatura “eu quería ter a mellor persoa ao meu lado liderando o campus de Ourense desde a vicerreitoría, e polo tanto unha das primeiras persoa que contactei foi con Elena Rivo, coa que xa traballara cando foi vicerreitora do campus de Ourense”. Así, afirmou que “estou convencido que será unha boísima vicerreitora se temos a oportunidade de entrar no goberno da Universidade”. Durante a presentación, o candidato a reitor subliñou a importancia do campus de Ourense, apuntando que “a Universidade de Vigo non se entende sen o campus de Ourense, e a cidade de Ourense non se entende sen a Universidade de Vigo presente nela co seu campus. Temos a sorte de ter un campus moi ben conectado coa universidade, coa realidade da cidade, con moitísima potencia en investigación, en docencia, en transferencia e en titulacións moi atractivas”. Así, recalcou, “a Universidade de Vigo, e entendo que toda Galicia, está orgullosísima polo que está no campus de Ourense, polo que se fai neste campus”.
Na súa intervención, Elena Rivo agradeceu a Jacobo Porteiro que “me incorporase a este proxecto ilusionante como é reimaxinar a UVigo para o futuro” e destacou que a súa candidatura se presenta “cun equipo magnífico”. Ela, apuntou, aspira a volver a ser vicerreitora dun campus “que creceu durante os últimos anos sen parar, que está moi cohesionado coa sociedade, co empresariado, e que é moi valorado pola sociedade ourensá”. Neste senso sinalou que “imos manter iso e imos amplificalo, porque temos moitas fortalezas”. Alén de apuntar que “todas as cuestións” do programa da candidatura de ConSenso teñen “unha pata que afecta positivamente ao campus de Ourense”, especificamente sobre este campus amosou o seu desexo de “implicalo aínda máis coa sociedade, de humanizar o acceso, a unión entre os dous campus”. Tamén se referiu aos problemas de vivenda para o alumnado comentando que “temos medidas para tratar de axudar” como buscar a posibilidade de construír “unha nova residencia ou buscar fórmulas que axuden a un campus en crecemento que xa non dá máis”.
Esta presentación forma parte dunha semana de encontros nos tres campus, na que ConSenso está a dar a coñecer o seu equipo e programa.
