DUVI

Diario da Universidade de Vigo

João Mira-Gomes visitou por vez primeira o campus vigués 

O embaixador de Portugal en España e o reitor da UVigo avogan por aumentar a cooperación en investigación e formación 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Internacional
  • Visitas
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 23/03/2022

Dentro da visita oficial que estes días está a realizar a Galicia, o embaixador de Portugal en España, João Mira-Gomes, recalou este mediodía no campus de Vigo, onde mantivo unha reunión co reitor, Manuel Reigosa; a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, e os investigadores da Cátedra Internacional José Saramago, Burghard Baltrusch e Carlos Nogueira. Acompañado da coordinadora de Ensino da embaixada, Filipa Soares, o embaixador visitaba por primeira vez o campus vigués, que, asegurou, lle casou “unha impresión fantástica. É moi impresionante e cunha vantaxe, que está no medio da natureza”, sinalou Mira-Gomes.

Na reunión mantida co reitor da UVigo, o embaixador de Portugal en España desde febreiro do ano 2020, comezou por destacar a estreita cooperación que o seu país mantén coa institución académica viguesa a través da Cátedra Internacional José Saramago. “Tamén mantemos colaboración na área de formación de profesorado e en investigación, no cadro dun acordo de cooperación entre os dous gobernos para a creación do Laboratorio ibérico de seguridade alimentaria”, lembrou o embaixador.  João Mira-Gomes tamén se referiu ao Instituto Ibérico de Nanotecnoloxía de Braga como “unha institución de gran potencial que aínda se pode desenvolver nalgunhas áreas que agora estamos a discutir como células para baterías dos coches eléctricos, ou microchips para a industria do automóbil, onde o instituto pode ter un papel importante na investigación e no desenvolvemento deses produtos”, dixo o embaixador, que destacou o papel das universidades como centros de saber, pero tamén como puntos de encontro.

Vontade de cooperación transfronteiriza 

Pola súa banda, o reitor da UVigo agradeceu a visita do embaixador luso e aproveitou a súa presenza para lembrar a importancia que a cooperación transfronteiriza ten, pola súa localización, para a institución académica viguesa, “pero tamén pola nosa vontade, porque sempre quixemos colaborar e participamos en moitos proxectos académicos, de investigación e de transferencia”, dixo Reigosa.

O reitor da UVigo reiterou a importancia da colaboración existente tanto no  caso do Laboratorio ibérico de seguridade alimentaria, como do Instituto Ibérico de Nanotecnoloxía de Braga, “liñas de futuro nas que queremos afondar e esperamos seguir nese camiño. Todas as universidades galegas forman parte dese conxunto co norte de Portugal, pero a nós tócanos máis de preto porque estamos nas dúas provincias que están pegadas á raia”, dixo Manuel Reigosa. Para o reitor vigués, que insistiu na proximidade e o elevado nivel de colaboración destas universidades “ cómpre seguir empurrando para que sexa aínda máis potente”, concluíu Reigosa.