DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O profesor Carlos Pérez é un dos promotores dun encontro aberto á cidadanía

Embaixadores do Pacto Europeo polo Clima promoven en Pontevedra un taller sobre a transición urbana e climática

Terá lugar na tarde do luns 22 na sede da Vicerreitoría

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Charlas e seminarios
  • Medio Ambiente
  • Cultura
DUVI Pontevedra 16/06/2026

Pontevedra e a transición urbana e climática que queremos. Este é o título do taller participativo que o vindeiro luns 22 de xuño promoven na sede da Vicerreitoría do campus tres integrantes da rede española de embaixadores do Pacto Europeo polo Clima. Entre eles atópase o profesor do Departamento de Deseño na Enxeñaría da Universidade de Vigo Carlos Pérez Collazo, que destaca que este acto aberto ao conxunto da cidadanía ten como obxectivo “xerar un debate” respecto de cuestións como a mobilidade e o espazo público ou a adaptación climática, que contribúa á súa vez á concienciación cidadá.

Promovido co apoio do Campus Crea, á fronte deste encontro atópanse Pérez Collazo e os tamén embaixadores do Pacto Europeo polo Clima Luis Morales e Isabel Silva, que se encargarán de moderar as diferentes mesas deste “workshop cidadán”, programado para as 18.00 horas. Aberto a toda a cidadanía, ata completar a capacidade da sala, o encontro abrirase cunha breve contextualización da iniciativa e coas palabras de benvida da directora de área do Campus de Especialización Crea, Ana Belén Fernández Souto. Tras esta terá lugar unha “charla inspiradora”, previa ao desenvolvemento de catro mesas de debate, que terán como eixes a mobilidade e o espazo público, a adaptación climática urbana, a comunidade e a participación e o cambio climático en Galicia. Trátase, como sinala Pérez, de mesas dirixidas a fomentar un debate entre as e os asistentes, co obxectivo de que “xurda unha reflexión, unha idea ou un concepto que sirva como semente para cambiar hábitos”, dado que estes constitúen, subliña, o factor “máis importante” de cara a “acelerar a transición ecolóxica”.

Este evento completaranse cunha “posta en común” final, tras a que terá lugar, ás 20.00 horas, un percorrido pola cidade, coa idea de abordar sobre o terreo “un exemplo real de mobilidade sostible nunha cidade do tamaño de Pontevedra”.

Primeiro acto desta rede en Pontevedra

Embaixador do Pacto Europeo polo Clima desde hai cinco anos, Pérez Collazo lembra que está é unha iniciativa impulsada pola Comisión Europea, como parte do Pacto Verde Europeo, co obxectivo de crear un movemento de persoas unidas polo obxectivo de construír unha Europa máis sostible. “O que busca é mobilizar unha masa social de persoas motivadas”, salienta este investigador, que incide en que “se queremos acelerar a transición ecolóxica cara un modelo máis sustentable” é preciso ir máis aló de iniciativas lexislativas, promovendo “a acción desde abaixo” e a implicación da cidadanía. Nese senso, o labor dos embaixadores e embaixadoras é precisamente “mobilizar á base social e inspirar un cambio” desde o ámbito local, con iniciativas como este taller.

Trátase, de feito, da primeira iniciativa que desenvolve en Pontevedra a rede española de embaixadores e embaixadoras do Pacto Europeo polo Clima, que conta con cinco representantes en Galicia e máis dun centenar no conxunto de España. Trátase de persoas voluntarias, que centran o seu labor en iniciativas de divulgación e mobilización e cuxas candidaturas son avaliadas pola Comisión Europea. “Renóvanse cada ano, no que tes presentarlle á comisión un proxecto do que queres facer”, explica Pérez Collazo, quen ten desenvolvido previamente outra serie de iniciativas como charlas en centros de ensino, conectadas á súa vez co seu labor investigador no eido “do cambio climático e as actividades mariñas”, así como participado en diferentes iniciativas da rede en diferentes partes de España. De feito, o investigador da UVigo formará parte tamén, a comezos de xullo, do grupo de 20 embaixadores e embaixadoras que participarán nun foro no Parlamento Europeo.