DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O centros de investigación da Universidade organizan actividades de divulgación gratuítas 

Embárcate co CIM, investiga no Cinbio e achégate ás novas tecnoloxías en atlanTTic

O programa 'Divulgando ciencia singular' comezará o 6 de outubro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría DUVI 28/09/2018

Centos de investigadoras e investigadores desenvolven a súa actividade no Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación (atlanTTic), no Centro de Investigación Mariña (CIM) e no Centro de Investigacións Biomédicas (Cinbio). Ao longo dos anos, o persoal dos tres centros de investigación da Universidade de Vigo foi quen de captar decenas de millóns de euros en proxectos e contratos de I+D, rexistrar decenas de patentes e sumar miles de publicacións, unha actividade que, non obstante, a sociedade apenas coñece e en consecuencia, apenas recoñece. Co obxectivo de que a cidadanía poida descubrir, nalgúns casos, a existencia, e noutros, a actividade que realizan os centros de investigación da institución académica, atlanTTic, CIM e Cinbio, desenvolverán ao longo dos meses de outubro e novembro un programa de actividades que permitirán ás e os participantes descubrir “a investigación que se fai na Universidade e que o coñecemento que obtemos é útil para o benestar da sociedade”, explicou Belén Rubio, vicerreitora de Investigación esta mañá na presentación das xornadas de divulgación científica e tecnolóxica. De balde e previa inscrición, calquera persoa, tanto adultos como nenas e nenos, poderán participar neste programa de actividades que está financiado pola  Secretaría Xeral de Universidades da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia a través do Programa de Axudas para a acreditación, estruturación e mellora de centros de investigación singulares e agrupacións estratéxicas consolidadas do Sistema Universitario de Galicia cofinanciada polo FEDER, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

Na presentación do programa de actividades, na que Rubio estivo acompañada polas directoras e directores dos centros de investigación e pola vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, a vicerreitora de Investigación lembrou que a Universidade de Vigo atópase, segundo o ránking elaborado por Times Higher Education, entre as mellores 500 institucións do mundo en enxeñaría, tecnoloxías da comunicación e ciencias do mar, “ámbitos que a Xunta puxo en valor coa creación no seu día dos centros singulares”.

Decenas de actividades para descubrir a ciencia e a tecnoloxía

O programa de divulgación científica comezará o sábado 6 de outubro no peirao de A Laxe onde o Centro de Investigación Mariña porá, en varias quendas de mañá e tarde, a disposición das persoas, que previamente se inscribisen, un barco, a bordo do que poderán presenciar “exemplos de exploración mariña con drones e robots, recolleremos mostras do fondo e desembarcaremos no peirao da Ecimat, onde agardará un grupo de traballo de atlanTTic que fará demostracións sobre toma de medidas e uso de drones en investigación mariña e logo iremos á Ecimat onde haberá obradoiros dirixidos por persoal do centro”, explicou Daniel Rey, director do CIM. 

Pola súa banda, baixo o lema Cinbio ConCiencia: Investiga con nós, o Centro de Investigacións Biomédicas colocará unha carpa, o 19 de outubro na rúa do Príncipe en Vigo e ao día seguinte no Paseo de Ourense, onde se desenvolverán obradoiros sobre xenética, nanopartículas bioinformática ou apnea do sono, así como un almorzo saudable. As actividades continuarán no propio Cinbio o 26 de outubro e no Politécnico de Ourense o 27 de outubro, con xornadas de portas abertas, “co obxectivo de que a xente coñeza que facemos no ámbito da investigación e a saúde. A idea é que toquen, vexan e poidan ver os laboratorios”, explicou África González, directora do Cinbio.

No caso de atlanTTic, as actividades desenvolveranse nas instalacións do centro, na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, o día 9 de novembro, a través de obradoiros “para achegar cousas que á sociedade lle soa que facemos as e os enxeñeiros de telecomunicación e que nalgúns casos non son difíciles de entender como as comunicacións por satélite, a manipulación de imaxes, a nova xeración de telefonía móbil 5G”, detallou Carlos Mosquera, director de atlanTTic.
A vicerreitora de investigación agradeceu a participación dos centros nestas actividades de divulgación que permitirán “achegar á cidadanía o que facemos e que se utiliza no día a día e moita xente descoñece que moitos deses descubrimentos fanse o lado da súa casa, na súa cidade”, asegurou Belén Rubio, que animou á cidadanía a participar, inscribíndose previamente.