DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Celebrouse hoxe con participación de persoal investigador e técnico, estudantado e empresas 

O EMBRC-ERIC, ao descuberto nun seminario virtual 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
DUVI 27/06/2022

Persoal investigador e técnico de universidades e institucións públicas de investigación e parques tecnolóxicos, incluído estudantado de doutoramento e postdocs, así como persoal de empresas privadas interesadas no I+D+i no ámbito da bioloxía e a biotecnoloxía azul, tiveron ocasión, esta mañá, de achegarse á orixe, funcionamento e organización en España do Centro Europeo de Recursos Biolóxicos Mariños (European Marine Biological Resource Centre- EMBRC). Organizado pola representación española na Infraestrutura de Investigación Europea (EMBRC-ERIC), hoxe desenvolveuse un seminario virtual informativo, retransmitido a través de UVigoTV, no que as persoas asistentes pudieron coñecer as posibilidades que ofrece esta infraestrutura de investigación pan-europea que pon a disposición da comunidade científica internacional e das entidades da economía azul o acceso aos recursos biolóxicos e ecosistemas mariños de Europa, a través das súas 70 instalacións e estacións mariñas, distribuídas en 10 países, incluído España.

EMBRC-España (EMBRC-ES) representa ao estado español en EMBCR e está formado por tres centros de investigación mariña: a Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (Ecimat-UVigo), do Centro de Investigación Mariña (CIM) da UVigo; a  Estación Marina de Plentzia da Universidad del País Vasco e o Banco Español de Algas da Universidade de Las Palmas de Gran Canaria, xestionado pola Fundación Canaria Parque Científico Tecnológico.

Unha infraestrutura de apoio á investigación europea

O evento Que facemos nunha infraestrutura de investigación europea? O caso do European Marine Biological Resource Centre (EMBRC-ERIC) e o seu apoio á investigación mariña desenvolveuse este luns ao abeiro da Semana de la Administración Abierta del Ministerio de Ciencia e Innovación e nel, tamén se afondaron nas posibilidades que ofrece a infraestrutura para apoiar a investigación europea en bioloxía e biotecnoloxía mariña, mediante a prestación de servizos. Da man, entre outros poñentes, do director da Ecimat, José Manuel García, as persoas asistentes tiveron achegáronse polo miúdo ao funcionamento e  ferramentas dispoñibles para poder acceder aos seus servizos en cada unha das institucións que forman o EMBRC-ES.

A sesión informativa de hoxe tamén contou coa participación do director científico do nodo español de EMBRC, Ibon Cancio, e de Juan Luis Gómez Pinchetti, director científico do Banco Español de Algas (BEA).