DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Por primeira vez situáronse por baixo dos niveis de 1990, segundo Economics for Energy

As emisións de gases contaminantes caeron un 17% en 2020 pero apuntan a unha rápida recuperación

Os expertos chaman a intensificar as medidas correctoras ante a reactivación da actividade económica

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI 29/06/2021

As excepcionais circunstancias provocadas pola pandemia da covid-19 tiveron un efecto directo sobre todos os indicadores de descarbonización durante o ano 2020. Segundo os datos do Barómetro de Transición Enerxética do centro de investigación Economics for Energy, presentado este martes nun acto en liña, as emisións de gases contaminantes caeron un 17% –situándose por primeira vez por baixo dos niveis de 1990–, pero convén consolidar este avance mediante medidas correctoras para evitar unha repunta que xa está a asomar debido á recuperación da actividade económica e a demanda enerxética.

Segundo os directores de Economics for Energy, o catedrático da Universidade de Vigo Xavier Lavandeira e o profesor da Universidad Pontificia Comillas Pedro Linares, a accesibilidade da enerxía é o outro indicador que rexistra unha variación máis acusada, cun descenso dos prezos do 13% respecto a 2019, revertendo a tendencia á alza dos últimos anos ata devolvelos a niveis de 2010. Este fenómeno, asociado especialmente á redución da mobilidade durante o confinamento e as posteriores etapas de restricións, afectou especialmente aos prezos do petróleo e, aínda que en menor medida, do gas natural. No caso da electricidade, en España –igual que no resto de Europa– baixaron para os fogares e mantivéronse estables para a industria –fronte a un lixeiro aumento na UE–.

O maior descenso da demanda produciuse sobre o petróleo 

Polo que respecta ao gasto enerxético sobre o Produto Interior Bruto (PIB), a caída foi aínda maior en 2020: un 16%. Ademais da redución dos prezos, isto vincúlase a unha diminución moi importante da demanda enerxética, que sufriu unha caída do 15%, mesmo superior á do PIB, do 10%, en ambos os casos en estreita relación cos efectos da pandemia.

O maior descenso da demanda produciuse sobre o petróleo e os seus derivados (un 20% menos que en 2019), seguido do gas (10%) e a electricidade (5%). “En calquera caso, e aínda sen ter dispoñibles os datos para Europa en 2020, todo apunta a que España segue por encima da media comunitaria en gasto enerxético por unidade de PIB, un claro síntoma da maior intensidade enerxética da economía española”, explican os directores do informe, ao que engaden que, en termos positivos, isto tradúcese nun importante potencial de aforro de enerxía o que, debería ser un criterio de priorización de proxectos financiables mediante os fondos europeos Next Generation, coa vista posta na transición da economía española a un modelo máis innovador, competitivo e descarbonizado.

Incremento do 70% da fotovoltaica

A redución das emisións ata niveis uns 10% inferiores aos de hai trinta anos permite albergar certo optimismo sobre o cumprimento dos obxectivos de redución do 23% marcados no Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima. En termos de emisións por PIB, en 2020 obsérvase tamén unha mellora en relación ao ano anterior, cunha redución do 5%.

Con todo, a xuízo dos autores do informe, son necesarias actuacións de reforzo para evitar unha rápida repunta, sobre todo porque as circunstancias que subxacen tras este acusado descenso son froito de factores indesexables –a redución da demanda enerxética ocasionada pola covid-19–, non controlables –como o aumento da produción hidráulica nun 17%– ou con pouco percorrido –como a redución do carbón, cun papel xa cada vez menor no mix enerxético español–. No lado das vías para reforzar para o futuro atópase a enerxía solar fotovoltaica, que aumentou nun 70% a súa contribución á produción eléctrica.

Maior volatilidade e custes das reservas eléctricas

No que se refire á seguridade enerxética, o seu indicador económico, a volatilidade dos prezos, aumentou significativamente, tamén como efecto da pandemia. Do mesmo xeito, rexístrase unha evolución negativa na cantidade e o custo dos servizos de axuste do sistema no sector eléctrico, que volven aumentar tras varios anos de contención ata situarse nos niveis de 2015 e 2016. Este empeoramento podería responder segundo destacan desde Economics for Energy á redución da demanda de electricidade e o aumento da contribución das renovables.

En canto á seguridade das importacións, en 2020 continuou a senda de mellora iniciada en 2019, cando a tendencia alcista dos anos anteriores retraérase ata o punto de situarse moi por baixo do nivel de 2010. Aínda así, España continúa neste indicador por encima dos niveis do resto da UE.