DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A súa candidatura recibiu 32 votos a favor, dez en contra e tres en branco

Emma Torres convértese na nova decana de Ciencias Sociais e da Comunicación

Inicia a súa segunda etapa á fronte da facultade

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Democracia
  • Institucional
DUVI Pontevedra 04/11/2020

A profesora do Departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade Emma Torres sucederá a Xosé Baamonde á fronte do decanato de Ciencias Sociais e da Comunicación, despois de que a súa candidatura, a única que presentada no proceso electoral aberto no centro, recibise 32 votos favorables, dez en contra e tres en branco na votación celebrada este mércores na Xunta de Facultade. Xunto a Torres Romay, que xa fora decana da facultade entre xullo de 2015 e decembro de 2016, forman parte do novo equipo os profesores José Pita, Paulino Pérez e Tino Cordal, como vicedecanos, respectivamente, de Erasmus e Alumnado, Promoción e Comunicación e Infraestruturas e Asuntos Económicos, cargos que xa desempeñaron no anterior mandato. A candidatura que nesta xornada recibiu o apoio da Xunta de Facultade complétase coas profesoras Silvia García Mirón, como vicedecana de Calidade e Docencia, e Soraya Rodríguez, como secretaria académica.

Trala votación, Torres, que en 2014 se convertera na primeira decana da historia da Facultade, agradecía o apoio recibido pola súa candidatura, tralo que, subliñou, “agora toca seguir traballando”. Na súa intervención, a nova decana lembrou, como egresada da facultade, que “formo parte desta casa desde 1996” e incidiu na importancia de “dar continuidade ao decanato”. Dada a súa renuncia, en decembro de 2015, a continuar no cargo polas dificultades para compaxinalo coas responsabilidades que por aquel entón ostentaba como tenente de alcalde do Concello do Grove, Torres recoñecía a “espiña de non poder ter feito algo máis” entón como outra das razóns que a levaron a presentar a que buscou fose “unha candidatura de consenso”.

Unha xestión condicionada pola pandemia

No referido ao traballo que deberán desenvolver nos próximos tres anos, Torres sinalou que en primeiro termo “hai moitas cousas sobre a mesa, que na súa maior parte están vinculadas á adaptación á realidade que se nos impón”. Nese senso, a nova decana sinalou que ademais de atender ás necesidades e cambios xerados pola covid-19, será preciso “paralelamente” desenvolver un traballo “que permita que esta facultade siga funcionando de forma correcta, como fixo durante 25 anos”.

Tras recoñecer o labor realizado polo anterior equipo durante a primeira vaga da pandemia, Torres subliñou que a covid-19 “vai estar presente nas necesidades máis inmediatas”, como por exemplo a detección de alumnado que poida necesitar equipos ou conexións a internet no caso de que se produza un confinamento. Nese senso, salientou como un aspecto prioritario neste período a atención “ás necesidades inmediatas do alumnado, que son a causa última do funcionamento deste centro”.

Renovación de estudos e equipamentos

Máis aló da covid-19, “hai unha segunda liña de traballo que é o día a día da facultade, o seu funcionamento”, sinalou Torres. Neste eido, a nova decana referiuse a algúns dos ámbitos nos que será preciso centrarse nos próximos meses como “realizar un esforzo” para a renovación dos equipamentos dos platós e laboratorios do grao en Comunicación Audiovisual, “xa que é preciso dixitalizar os equipos para que o alumnado conte coa formación técnica que necesitan”. 

No referido ao grao en Publicidade e Relacións Públicas, Torres sinalou como un dos próximos retos acadar a renovación da súa acreditación, “que temos que facela ben e consensuada, pensando sempre no alumnado e na súa inserción laboral”, e que deberá levar aparellada unha renovación dos contidos do título. Por outra banda, no relativo a Dirección e Xestión Pública, a decana lembrou o proceso aberto para a creación dunha nova facultade, na que se insira tanto este grao como o Máster en Dirección Pública e Liderado Institucional; un proceso “que deberá pivotarse desde este centro e que requirirá dun traballo no que todos temos que remar na mesma dirección”. 

Tras recoñecer o “funcionamento verdadeiramente exemplar” dos tres mestrados da facultade, Torres abordou na súa intervención outra serie de obxectivos, como continuar o labor de “visibilización da facultade como un buque insignia, case, do campus”, a adaptación do “modelo de calidade á nova docencia” ou busca de profesorado que poida situarse á fronte das coordinacións de grao, incidindo na “falta de recoñecemento para a acreditación” do labor realizado en cargos de xestión.