Tras exercer os últimos tres anos como vicepresidenta
Emma Torres, nova presidenta da asociación de universidades con estudos de comunicación
Na entidade están representadas 47 institucións académicas
Un total de 47 institucións académicas, tanto públicas como privadas, forman parte da Asociación Española de Universidades con Titulacións en Información e Comunicación (Atic), que nos próximos tres anos terá á fronte á decana da Facultade de Comunicación da UVigo, Emma Torres. Despois de exercer como vicepresidenta da xunta directiva que encabezaba Jorge Clemente, da Complutense de Madrid, Torres foi elixida nova presidenta dunha entidade, lembra, “moi importante para defender os milleiros de estudantes de comunicación que hai en España”. A docente da UVigo encabezaba a única candidatura presentada á asemblea que esta asociación celebraba na Universidad CEU San Pablo de Madrid, tras a que se converteu na primeira representante dunha universidade galega en situarse á fronte dunha asociación creada en 2011, en substitución da antiga conferencia de decanos e decanas.
“Ser elixidos para estar representando a universidades de moitos puntos de España é algo importante desde o punto de vista do servizo público”, sinalaba Torres tras ser elixida presidenta “dunha das asociacións de universidades máis grandes de España”, na que están representadas facultades nas que se forman preto de 50.000 estudantes. De aí que a súa elección sexa tamén, recoñece, “importante, desde un punto de vista interno”, á hora de “darlle visibilidade á Universidade de Vigo” e a Facultade de Comunicación.
Torres concorreu a esta asemblea á fronte dunha candidatura “que reflicte á diversidade xeográfica da asociación” e que completan Pedro Hellín, da Universidad de Murcia, como vicepresidente; Pablo Velasco, da CEU San Pablo, Bella Palomo, da Universidad de Málaga, e Juan José Perona, da Autónoma de Barcelona, como vogais; José María Herránz, da Universidad de Castilla-La Mancha, como secretario, e Yolanda Berdasco, da Universidad a Distancia de Madrid, como tesoureira.
Interlocutores coas administracións e entidades profesionais
A decana da Facultade de Comunicación, que en 2022 se convertía na primeira representante da UVigo en formar parte da directiva da Atic, defendeu nesta asemblea “unhas liñas de traballo de continuidade co que se viña facendo”, destacando neste punto o traballo realizado para reunir na asociación a “práctica totalidade das institucións de formación superior que imparten estudos de comunicación no noso país”. Nesa mesma liña, Torres destacou que a Atic debe continuar co seu labor como interlocutora ante institucións públicas e entidades profesionais e sinalou como unha das liñas de actuación a reclamación do recoñecemento da comunicación como ámbito de coñecemento a efectos de investigación e transferencia. Outra das demandas da asociación, engadiu, será a “inclusión da formación en comunicación nos niveis básicos de ensinanza”, dado o papel “fundamental, nun contexto de desinformación, da alfabetización mediática” do alumnado de primaria e secundaria.
Torres avogou tamén pola continuidade de iniciativas como as xornadas bienais de formación e emprego, que en novembro se desenvolverán en Pontevedra, ou das publicacións que analizan a evolución dos estudos de comunicación en España, así como da proposta de crear un selo de calidade “que recoñeza as facultades ou institucións comprometidas cos estudos de comunicación” e boas prácticas docentes.
Pontevedra acollerás as xornadas de formación e emprego
A seguinte asemblea da Atic terá lugar en novembro en Pontevedra, na Facultade de Comunicación, que acollerá ademais as VI Jornadas de Formación y Empleo desta asociación, unha cita de carácter bienal “na que se debate sobre as necesidades e demandas da formación en comunicación”, explica Torres, reunindo tanto decanos e decanas como profesionais. Programadas para o 13 e 14 de novembro, estas xornadas terán como eixe temático a creación de contidos na era dixital e afondarán nos retos en materia formativa que están a supor os cambios no consumo e produción de contido audiovisual. Con ese obxectivo, este encontro contará con mesas temáticas sobre a distribución de contidos en plataformas dixitais, a innovación tecnolóxica na produción audiovisual ou a creación de contido en redes sociais, xunto coa presentación de pósters e publicacións.