DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Permanecerá na sala Alterarte ata o vindeiro 5 de maio

A emoción colectiva, protagonista da exposición “Los Lolos” de Furallefalle

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Marta Casanova DUVI 28/03/2008

A identificación das masas e a emoción colectiva ante determinados estímulos protagonizan Los Lolos, a nova exposición que a Sala Alterarte acolle ata o vindeiro 5 de maio. Composta por varias pezas audiovisuais que se proxectan rodeadas de símbolos, tales como un balón pinchado, un óso de xamón e varias bufandas de siareiro, a obra de Furallefalle reivindica o valor dos elementos fetichistas.
Os autores da exposición, Vanesa Castro e Iñaki López, coñecidos como “Furallefalle” xogan cos valores de identificación da masa para realizar videoclips de música electrónica con base de cancións moi famosas. “Somos uns ultrarradicais das melodías monosílabas que se corean nos estadios” explican. “Do deporte non nos interesa o equipo en si, senón toda a liturxia da bancada, o poder de seducir á masa que teñen uns cánticos, unhas coreografías ou unhas cores”.
Ademais deles, a parte artística, o grupo está composto por un coro de 17 persoas que se coñeceron en estadios de fútbol e que decidiron recoller a actitude que se percibía neles e levala cara outros ámbitos, incluída a arte. Iñaki López matiza, “o importante é a resposta concreta dos asistentes e á implicación ante un estímulo, pero non é algo exclusivo do deporte, forma parte da cultura popular e por iso intentamos revalorizalo” explicou. “Temos que liberarnos de prexuízos, coa Semana Santa ocorre o mesmo, produce un sentimento que, ao marxe de crenzas, fai que xente que non é relixiosa se emocione igual” engadiu.

Máis información de Los Lolos