DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O equipo universitario sitúase terceiro tras o seu enfrontamento co Xadrez Verín

Empate da EXP-UVigo na súa visita a “un dos equipos máis fortes” da División de Honra

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Pontevedra 07/03/2022

Tras sumar dúas vitorias nas dúas primeiras xornadas da liga galega, o primeiro equipo da Escola Xadrez Pontevedra – Universidade de Vigo visitaba esta fin de semana ao Xadrez Verín, un “dos equipos máis fortes da categoría”, como salientan desde o club universitario. Nun enfrontamento no que todos os xadrecistas do equipo local presentaban unha maior puntuación na clasificación internacional Elo FIDE que os visitantes, o EXP-UVigo Estratexia pola Paz logrou un empate (3-3), motivado en boa medida pola actuación dos xuvenís Rubén Fernández e Juan Manuel Martínez.

Poucos días despois de proclamarase campión galego sub18, Fernández lograba en Verín a “primeira das sorpresas” da tarde, como salientan desde a EXP, a súa vitoria diante o gran mestre Luís Galego, nunha partida na que se mostrou “impecable no xogo táctico” e na que fixo gala “dunha enerxía e dinamismo propio dos grandes campións”, como destaca o capitán do equipo universitario, Pablo García. Pouco despois chegou a segunda vitoria visitante, de mans de Martínez, que lograba impoñerse ao internacional portugués Ivo Días. Mais tras este 0-2 provisional, chegou a reacción do Xadrez Verín, grazas ás vitorias de Medarde sobre Daniel Rivera e do tamén internacional luso Pedro Gil sobre David García. Quedaban entón dúas partidas en xogo que, como recoñecen desde o EXP-UVigo, “ben puideron decantar o encontro para os universitarios”, xa que tanto Pablo García, fronte a Francisco Veiga, como Alberto Portela, diante do gran mestre David Lariño, trataban de “rematar finais con vantaxe material”, mais ambos remataron cedendo unha táboas que situaban en empate a tres o resultado definitivo deste enfrontamento.  

Despois de tres xornadas, o EXP-UVigo Estratexia pola Paz sitúase terceiro no grupo B da División de Honra, con 13,5 puntos, por detrás do Xadrez Ourense e o Círculo Chantadino, que serán os seus seguintes rivais na competición autonómica. Nesta rolda da Liga Galega de Xadrez, os equipos da EXP-UVigo sumaron dúas vitorias, as acadadas polo Ramón Escudeiro Tilve en Primeira División e o EXP-Chess Cares, en terceira; tres empates e unha derrota.