DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Eva Moreira analizou na súa tese as motivacións docentes do seu uso

O emprego das TIC na aula, fonte de emocións positivas para o profesorado

Asóciase a creatividade e innovación

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Divulgación
  • Investigación
DUVI Ourense 25/02/2021

“O profesorado que, polo que sexa, comeza a empregar tecnoloxías da información e da comunicación (TIC) na aula recibe emocións positivas co seu uso e percibe satisfacción profesional co seu coñecemento”. Esta é unha das conclusións recollidas na súa tese de doutoramento por Eva Moreira, egresada en Psicopedagoxía e docente de Educación Secundaria na especialidade de Orientación Educativa. Nela, sinala como “a maioría dos docentes entenden que o seu traballo non pode quedar fóra do uso das TIC en todas as facetas do seu desempeño”.   

Titulada Uso dos recursos TIC no contexto de ensino-aprendizaxe: un eixe na motivación docente e dirixida por Antonio González, a tese foi presentada na Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense. Sobre a elección da temática abordada, Eva Moreira comenta como no momento actual “no ensino é innegable a importancia das TIC como recurso educativo na aula e noutras facetas docentes: como medio de expresión e comunicación; procesador de información; medio didáctico; simulador de experiencias; apoio na atención á diversidade; facilitador das tarefas do alumnado; ferramenta de avaliación, etc”. Neste contexto, detalla, no seu estudo buscou resposta á pregunta inicial de se a utilización dos recursos TIC é motivadora para a docencia e, se isto é así, cales son os factores que os ligan ao quefacer na profesión docente.

A influencia das TIC no profesorado, comenta a xa doutora pola UVigo, “é un fenómeno amplamente estudado desde a perspectiva do seu uso nas aulas, da súa integración como recurso no proceso de ensino-aprendizaxe e desde a competencia dixital que se require para sentirse capacitado e implementalo nas programacións didácticas e curriculares do ensino”. Porén, engade, o seu traballo enfócase desde a influencia que exercen as tecnoloxías da información e da comunicación na motivación e implicación do profesorado. Así, a tese, indica a súa autora, aborda a análise das relacións existentes entre dous grupos de variables: as relacionadas coas TIC e a innovación (que inclúe motivación de uso, emocións e satisfacción laboral en relación a estas tecnoloxías, clima de innovación e competencias dixitais) e as variables relacionadas co traballo e a profesión docente (que inclúe motivación docente -autodeterminación e autoeficacia- e implicación laboral). A psicopedagoga realiza un estudo teórico delas e unha verificación empírica cun cuestionario a 350 profesoras e profesores de Educación Secundaria Obrigatoria de 37 institutos galegos.

Eficacia colectiva e implicación profesional

Entre as conclusións da investigación desenvolvida, Eva Moreira sinala que “verificou a importancia das variables relacionadas coas TIC: con respecto ao potencial das mesmas, aos efectos das emocións positivas e da satisfacción que producen e ao clima que xera nos proxectos innovadores mediados por estas tecnoloxías”. Así, detalla, “comprobouse o impacto, os beneficios e a transformación da profesión docente coa chegada das TIC ao mundo educativo” e como o seu uso “está ligado á creatividade e á innovación”. Tamén se constatou no traballo realizado, engade a xa doutora, “que existe un efecto retroalimentador entre o uso das tecnoloxías da información e da comunicación ao amparo da innovación e a motivación, a eficacia colectiva e a implicación”.

Na tese realizada, comenta a súa autora, “comprobamos a existencia de factores persoais e profesionais que interactúan e poden facilitar o rol docente actual” e “que o profesorado máis autodeterminado, autoeficaz e implicado é o máis disposto ao uso das TIC”. Tamén se indica na tese que se aprecia “que as ferramentas TIC no traballo docente son un recurso motivador polas características inherentes, sobre todo comunicativas, relacionais e interactivas”. Deste xeito, indica Eva Moreira, “acentúase así a característica primordial da comunicación, que é crear vínculos profesorado-alumnado e alumnado-alumnado, fundamentais para crear a motivación no estudantado no proceso de ensino-aprendizaxe”.

A investigación, indica a docente, foi realizada desde a perspectiva da orientación educativa “xa que debemos impulsar medidas eficaces que integren ao mundo nas aulas pero que permitan a reflexión necesaria para cumprir o obxectivo último da educación: afianzar competencias cara a autoaprendizaxe necesaria ao longo da vida das persoas”. Así, recalca esta orientadora, “se ben é certo que nas nosas funcións destaca o asesoramento técnico ao profesorado do centro, tamén é unha función da orientación impulsar a participación na innovación e a investigación do profesorado para mellorar o seu quefacer”. Á luz dos datos recollidos, comenta Eva Moreira, pódese “modificar actitudes e influír no quefacer do profesorado a partir de pór o aceno na mellora da competencia dixital desde experiencias de éxito, en proxectos innovadores e desde unha cultura colaborativa nos centros educativos, reforzando o valor da autodeterminación, da eficacia colectiva e da implicación profesional”.