Será o xoves 16 en Vigo e o mércores 22 en Ourense
EmpregoInCampus regresa á UVigo propondo a “conexión directa” do alumnado con máis de 70 entidades
O evento reforza as entrevistas concertadas e a preparación do alumnado con obradoiros específicos
EmpregoInCampus regresa á Universidade de Vigo con 72 entidades participantes e novas oportunidades laborais. Será o vindeiro xoves 16 de abril nas facultades de Ciencias Económicas e Empresariais e Ciencias Xurídicas e do Traballo, no caso de Vigo, e o mércores 22 no pavillón universitario do campus de Ourense, dúas novas oportunidades para achegar o alumnado ao mercado laboral a través do contacto directo con empresas e institucións.
En pleno proceso de inscrición do estudantado, nesta edición reforzouse especialmente a conexión directa entre estudantes e empresas, tal e como explica a directora da Área de Emprego e Emprendemento, Maruxa Álvarez, quen tamén fai fincapé en que un dos principais avances é o uso da plataforma JobTeaser, que non só facilita a inscrición senón tamén a interacción previa coas entidades participantes e a xestión de citas coas empresas que máis lle interesen a cada estudante, “favorecendo encontros máis efectivos e orientados a crear oportunidades reais”.
De maneira paralela, esta ano potenciouse tamén a organización de obradoiros previos centrados na elaboración do currículo e na preparación das entrevistas. O último destes talleres terá lugar, precisamente, o vindeiro luns, ofrecendo unha última oportunidade para mellorar as competencias de cara ao evento. As persoas interesadas están aínda a tempo de inscribirse.
Ofertas de múltiples sectores e da administración pública
A feira contará coa participación de 72 entidades, cunha presenza de 46 en cada campus. Delas, 22 repetirán tanto en Vigo como en Ourense, mentres que o resto da oferta adaptarase parcialmente ao perfil formativo de cada campus, co obxectivo de axustarse mellor ás titulacións e intereses do alumnado.
Os sectores representados son moi diversos e abranguen ámbitos como o financeiro (Abanca, Banco Sabadell, OVB Allfinanz…); tecnolóxico (Bahía Software, Balidea, Gradiant, NTT Data, Qindel Group, Redegal, Visual Microsystems S.A…); industrial (aceites Abril, Avigal, Ceamsa, Coren, Cupa Group, Grupo Profand, Zendal…); xurídico (Arias Avogados, Baltar, Garrigues, Lener, On Tax&Legal…); social (Atelier Social, Caser Residencial, Clece, Executivas de Galicia, múltiples colexios oficiais…); a consultoría (Auren, BDO, Deloitte, EY, PWC…) ou a administración pública (Axencia Estatal de Administración Tributaria en Vigo e Ourense, Garda Civil, Policía Nacinal, Ministerio de Defensa, Xunta de Galicia…).
“Todo está orientado a maximizar as posibilidades reais de inserción laboral”
En canto aos perfís demandados, as empresas buscan desde titulados e tituladas do ámbito xurídico-social e económico —como Dereito, Administración e Direccións de Empresas ou Recursos Humanos e Relacións Laborais— ata perfís científicos e técnicos en áreas como Bioloxía, Química ou as diferentes enxeñarías. Destaca tamén a crecente demanda de perfís híbridos, que combinen coñecementos técnicos con competencias transversais.
Ademais dos postos de cada unha das empresas, a feira inclúe servizos como fotografía profesional para mellorar o perfil laboral do alumnado, así como as entrevistas e reunións previamente concertadas coas entidades. “Todo está orientado a maximizar as posibilidades reais de inserción laboral”.
Inscrición, “canto antes”, para acceder ás citas coas empresas
A participación require inscrición previa a través de JobTeaser, onde o alumnado debe rexistrarse no evento correspondente —Vigo, Ourense ou ambos— e completar o proceso obrigatorio. Desde a organización recoméndase facelo canto antes para poder acceder á solicitude de citas coas empresas.
Desde a Área de Emprego e Emprendemento salientan nesta liña que se trata dunha oportunidade única para establecer un primeiro contacto co mundo profesional: “Non se trata só de entregar un CV, senón de poñerlle cara, explicar quen es e xerar unha conexión que pode marcar a diferenza nun proceso de selección”, conclúe Álvarez.
En Pontevedra haberá mesas redondas por sectores
No caso do campus de Pontevedra a idea é manter o formato específico que xa se levou a cabo en anteriores edicións baseado na organización de mesas redondas e actividades específicas sobre saídas profesionais en distintos ámbitos, adaptadas ás titulacións do campus. Sería, en principio, xa no mes de setembro combinando a participación de profesionais de empresas privadas coas de representantes de institucións e entidades do sector público.
