15 iniciativas do estudantado recibiron os premios Emprende e as axudas Avanza e Consolida
O emprendemento agroma un ano máis na UVigo ao abeiro dos Premios Incuvi
As e os promotores dos proxectos poderán adquirir os coñecementos precisos para impulsalos
Son unha vintena de alumnas e alumnos de graos e mestrados dos catro ámbitos do coñecemento, que se imparten nos tres campus da UVigo. E todos teñen algo en común: o seu espírito emprendedor. Unha inquedanza que un ano máis e xa van 14 a Universidade de Vigo recoñece, ao tempo que prové das ferramentas precisas para desenvolvela, a través dos premios Emprende e das axudas Avanza e Consolida.
Este ano son 15 os proxectos de emprendemento que acadaron premios e axudas que permitirán ás e aos seus promotores adquirir os coñecementos precisos para impulsalos. 11 iniciativas que abranguen desde unha aplicación de servizos para o Camiño de Santiago, a unha fábrica de produción de aceiro, pasando pola creación dunha metodoloxía estandarizada de recuperación post-incendio ou unha plataforma que permite a pais e profesorado crear contos personalizados, recibiron este mediodía nun acto celebrado no edificio Redeiras os Premios Incuvi Emprende, que lles darán acceso ás persoas gañadoras a formación e titorización durante un período de preincubación dun máximo de seis meses e unha axuda económica dun máximo de 1000 euros por proxecto.
Pola súa banda, unha consultoría artística especializada en estratexia, representación e comunicación para artistas, galerías, institucións e coleccionistas; un servizo integral de asesoramento sobre riscos dixitais e un programa de adestramento onde o corpo flúe, a mente se acouga e un programa enfocado ao benestar físico e mental, acadaron as Axudas Incuvi Avanza. Un recoñecemento que proveerá as persoas gañadoras tanto formación, como mentorización e unha achega económica dun máximo de 1000 euros por proxecto para facer fronte a custos do modelo de prototipo ou demo dun produto ou servizo que forme parte da iniciativa emprendedora.
Mentres, unha marca de roupa e accesorios de produción local, que ofrece roupa urbana e de xénero neutro, con deseños personalizados que parten da pertenza a unha de catro tribos urbanas foi a merecedora do Incuvi Consolida, que comprende 10 horas de asesoramento e mentorizacion e unha achega económica máxima de 1000 € para enfrontar custos derivados da consolidación do proxecto.
A celebración da construción da cultura emprendedora
Na súa intervención reitor, Manuel Reigosa, gabou o traballo que en investigación, docencia e transferencia realiza a UVigo, así como o seu compromiso coa contorna, pero recoñeceu que aínda queda camiño por percorrer para mellorar no ámbito do emprendemento no sistema universitario. Neste sentido, Reigosa destacou a importancia dunha iniciativa como os Premios Incuvi “na que coa colaboración de socios como a Xunta, a Deputación e Zona Franca podemos traballar a prol do tecido produtivo”.
Pola súa banda, o delegado do Estado na Zona Franca, David Regades, referíuse ao papel emprendedor da UVigo con exemplos concretos como a planta de semiconductores fotónicos ou os satélites, “un 50% dos enviados ao espazo desde España, teñen a súa orixe na UVigo e en Zona Franca”, destacou. Regades tamén puxo o acento no papel de aliados que manteñen o Consorcio e a Universidade, “fundamental para fomentar a transferencia” e rematou eloxiando o papel desenvolvido polo reitor, que asegurou neste ámbito “rompiches moldes e tendiches novas pontes”. Mentres, Marta Mariño, directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social da Xunta de Galicia, que lembrou a súa faceta de emprendedora, destacou a importancia dunha colaboración conxunta para poder desenvolver as iniciativas emprendedoras. “Desde a Xunta acompañamos e fomentamos iniciativas como puntos de encontro de emprendedores. Non queremos que ninguén se sinta excluído nun territorio como Galicia”, dixo Mariño.
A vicerreitora de Estudantado e Empregabilidade, Natalia Caparrini, foi a encargada de pechar a quenda de intervencións e conducir o acto de entrega duns premios que desde hai 14 anos no caso dos Emprende, 10 no dos Avanza e seis no dos Consolida permitiron impulsar 170, 40 e seis proxectos respectivamente. “Este é máis que un proxecto formativo, e un itinerario pensado para acompañarvos”, dixo Caparrini aos premiados, aos explicou que ademais de premios, “hoxe celebramos a construción da cultura emprendedora; aos colaboradores externos e a capacidade do alumando de emprender e formar parte do ecosistema empresarial”.
11 Premios Incuvi Emprende
Finalmente 11 foron os proxectos que na decimo cuarta edición dos galardóns acadaron o recoñecemento.
Camino 360 propón unha aplicación integral de servizos para o Camiño de Santiago que reúne nun único espazo todas as áreas que necesita o peregrino. Ademais, incorpora unha dimensión social que conecta peregrinos entre si e favorece a interacción durante a viaxe. Pola súa banda, NovaTerra busca crear unha metodoloxía estandarizada de recuperación post-incendio, baseada en datos, ciencia e ferramentas tecnolóxicas, que acelere a rexeneración dos montes e ofreza análises como avaliacións de severidade e recomendacións de intervención para orientar ás entidades responsables.
URCO céntrase na produción de drones submarinos de baixo custo que se poidan usar con distintos propósitos, tanto para uso xeneral como para tarefas especializadas. Mentres, By Cesar Moreno é un desenvolvemento duna marca de deseño de autor que crea prendas e complementos en edición limitada, ilustrados e producidos localmente en Galicia. Inclúe deseño, produción ética, comercialización en liña e propostas visuais cunha identidade cultural que conecta Galicia e Colombia.
Bioinspiracion en movilidad é un servizo de deseño de produto enfocado na automoción baseado na biomémeses e nas solucións OEM e Loomi, unha plataforma que permite a pais e profesorado crear contos personalizados con explicacións adaptadas, empregando IA para reforzar aprendizaxes complexas a través da narrativa.
Anygrid é unha rede de carga aberta que ofrecerá, aseguran os seus promotores, a maior y máis cómoda red de carga de España, cumprindo co desexo de moitos condutores de poder cargar nos farois a pé de rúa. Mentres, Entre costas ofrece produtos con alto valor agregado, bolsos, prendas e complementos feitos a man, que fusionen técnicas artesanais arxentinas con técnicas de Galicia.
Destinos que cuentan oferta unha ventá inmersiva ao espectador dixital, facéndolle sentir en segundos un pouco da vivencia de aqueles lugares ou destinos contados polo seus creadores ou nativos, usando como piloto a Comarca de Celanova. Pola súa banda, Acería Paradanta formula unha fábrica de produción de aceiro, adaptada eo tipo de demanda e especializado na venda de aceiro de ferramentas na industria, mentes que Help me ofrece un servizo "Consumer to Consumer" baseado na confianza no que as persoas usuarias poden crear un perfil con habilidades que poden desenvolver.
Tres novos Avanza
No segundo chanzo do itinerario do emprendemento deseñado pola UVigo, tres os proxectos que recibirán as Axudas Avanza.
Trátase de AF art Advisory, unha consultoría artística especializada en estratexia, representación e comunicación para artistas, galerías, institucións e coleccionistas, promovida por Ainhoa Fernández Moreira.
ConsultorIA&DataSafe INnovations oferta un servizo integral de asesoramento sobre riscos dixitais que combina a protección de datos, a seguridade da información, a regulación da publicidade e o dereito do consumidor, por iniciativa de Leonardo Valdez Obando e Carlos Eduardo Torres Giraldez
E da man de Emilio Boo Blanco, naceu ONDAVIVA, un programa de adestramento onde o corpo flúe, a mente se acouga e os sentidos se conectan.
Consolida, para unha marca de roupa
NEVER (A), unha marca de roupa e accesorios de produción local, que ofrece roupa urbana e de xénero neutro, e acceso en liña con deseños personalizados que parten da pertenza a unha das catro tribos urbanas é o proxecto de Andrea González Lozoya que este ano acadou a Axuda Consolida na súa sexta edición.
