DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Oito persoas maiores de 50 anos aprenden na UVigo a desenvolver as súas ideas de negocio

O emprendemento non entende de idades

A Facultade de Comunicación é unha das sedes do programa interuniversitario ‘TaleS’

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Emprender
  • Universidade e empresa
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 25/05/2023

Recibir formación sobre como idear, desenvolver e validar un proxecto empresarial, á vez que contar co asesoramento de novos emprendedores e emprendedoras. Isto é o que propón o programa de apoio ao emprendemento sénior TaleS, unha iniciativa impulsada polo Centro Internacional Santander Emprendimiento (CISE) e a Fundación Mapfre, que desde esta semana desenvolve a súa segunda edición en cinco universidades públicas de España. Entre elas figura por primeira vez a UVigo, que se incorpora a este rede de emprendedores sénior da man da Cátedra Afaga-Atendo de Idadismo, coa Facultade de Comunicación como sede do seu programa formativo. Este centro acolleu na mañá deste xoves o acto de apertura do programa, no que oito persoas maiores de 50 anos recibirán formación e acompañamento para o desenvolvemento das súas ideas de negocio.

As e os seleccionados de entre as diferentes candidaturas presentadas participaron este xoves na primeira sesión formativa, centrada na creatividade aplicada á empresa. Previamente, tivo lugar o acto inaugural, que contou coas intervencións da vicerreitora do campus de Pontevedra, Eva María Lantarón; da vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama; do director executivo do CISE, Manuel Redondo, e do director territorial de Mapfre en Galicia, Miguel Ángel Talabante. 

O valor da formación ao longo da vida 

Nun momento no que as persoas de entre 55 e 75 anos representan un terzo da poboación española, a “inversión da pirámide poboacional” converteuse “nun reto” para as universidades, como lembrou Valderrama, tanto en materia de captación de alumnado, como á hora de fomentar “a aprendizaxe ao longo da vida”. De aí que a vicerreitora incidise na “relevancia” que para a institución académica ten sumarse a un proxecto xurdido da “colaboración público-privada”, do que destacou o seu carácter “interxeracional”, xa que as e os participantes “compartirán experiencias” con novos empresarios e empresarias Nese mesmo senso, Lantarón lembrou que contribuír ao desenvolvemento do emprendemento "é algo necesario a calquera idade, porque, ao final, o que fai é que a sociedade avance”.

Do mesmo xeito, a vicerreitora do campus destacou a importancia das iniciativas que contribúen a evitar unha discriminación por razóns de idade, obxectivo central da Cátedra de Idadismo, representada neste acto tanto pola súa directora, Ana Belén Fernández Souto, como polo presidente da xunta directiva de Afaga Alzhéimer, Juan Carlos Rodríguez, e o fundador de Atendo, Luis Barros. “O que fai esta cátedra é concienciarnos socialmente dun problema que é moi importante identificar para poder achegar solucións”, sinalou Lantarón. 

O programa TaleS busca nese senso “dar voz a un colectivo con experiencia, vitalidade e moito que achegar”, como engadiu Talabante, así como xerar “un contexto de relación entre emprendedores e novos nichos de mercado”. A idea de ser máis que “un espazo formativo” para favorecer diferentes "conexións" foi igualmente destacada por Redondo, que incidiu no “importantísimo papel” que xoga o emprendemento no desenvolvemento de competencias e na formación ao longo da vida. Non en van, este require da “capacidade de xeración de ideas, da capacidade de acción e da mobilización de recursos”, tres puntos que, lembrou o director executivo do CISE, traballaranse ao longo do programa.

Participación de cinco universidades

Promovido polo CISE, un centro dedicado ao fomento do espírito emprendedor que conta co respaldo da universidade e do goberno de Cantabria e do Banco Santander, e pola Fundación Mapfre, a través do seu centro de investigación Ageinomics, na segunda edición de TaleS participan as universidades de Vigo, Cantabria, Granada, Estremadura e Las Palmas de Gran Canaria. As e os seleccionados en cada sede formación en Learn Startup, Design Thinking, validación, prototipado ou orientación ao cliente, ao mesmo tempo que traballarán en equipo e conectarán con novos emprendedores e emprendedoras. Farano a través dunha serie de sesións formativas presenciais e virtuais, que seguirán desde a Facultade de Comunicación e que están coordinadas pola profesora Montse Vázquez.

As e os participantes en cada unha das sedes optarán a unha viaxe para presentar a súa proposta de negocio no encontro final do programa, no que se outorgará un premio económico de 1000 euros ao mellor proxecto.