DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un coloquio sobre iniciativas empresariais pechou a Semana da Creatividade e a Innovación

Emprendendo cos pés na terra

Coa participación de cinco propostas seleccionadas nas axudas Incuvi e no proxecto Mobae

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Universidade e empresa
  • Estudantes
DUVI 22/04/2022

A sostibilidade foi neste 2022 o nexo de unión das diferentes actividades impulsadas pola Vicerreitoría do campus, coa colaboración do Consello Social da Universidade de Vigo, con motivo da Semana da Creatividade e a Innovación, que este venres pechaba a súa programación cun coloquio dirixido a coñecer diferentes iniciativas empresariais caracterizadas tamén por ese factor de sostibilidade. Baixo o título de Emprendendo cos pés na terra, a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte acolleu unha actividade presentada polo director do Campus Crea e Green Campus, Carlos Souto, e moderada pola directora da Área de Emprego e Emprendemento, Maruxa Álvarez, que reuniu aos responsables de proxectos de emprendemento seleccionados nas axudas Incuvi da institución académica ou recoñecidos co selo de excelencia do proxecto Interreg Poctep Mobae, sobre mobilidade estendida e avanzada, que foi coordinado pola Universidade de Vigo.

Concretamente, neste coloquio participaron os responsables de Dooroti, unha ferramenta de xestión intelixente de prazas de garaxe, e Bam.bu Bicycles, dedicada á construción de bicicletas cun material sostible como o bambú, ambas recoñecidas co selo Mobae. Distinción que tamén acadou Vi&Go, unha start up impulsada por titulados da Escola de Enxeñería Industrial que ofrece unha subscrición a unha rede de carga e intercambio de baterías para motos eléctricas, seleccionada tamén no Incuvi-Avanza. Esta mesa de emprendedoras completábase á súa vez con dous proxectos seleccionados no Incuvi-Emprende, a academia de alto rendemento en fútbol TecnificaT e a marca de slow fashion Iniqual, centrada no deseño de coleccións cápsula de prendas cun “estampado de xénero non-binario”. As e os responsables destes proxectos de emprendemento puideron á súa vez intercambiar impresións con Ricardo Fra, cofundador das empresas do sector sociosanitario orientado ás persoas maiores Saraiva, Activiza e Envita, coas que a Universidade puxo en marcha a Cátedra ACP-Innova, quen achegou ao encontro a súa visión das posibilidades que, por mor do envellecemento poboacional, ofrece en materia de emprendemento a chamada silver economy.

Peche a unha semana de actividades

Xunto a esta mesa de emprendemento, este venres tiña lugar en Belas Artes a segunda sesión do obradoiro Máis cerámica, menos plástico, no que a artista e ceramista Teresa Pece puña o foco no potencial da cerámica como alternativa para reducir o uso do plástico na produción de utensilios de uso cotián. Estas dúas iniciativas puñan peche ao programa de actividades da Semana da Creatividade e a Innovación, que arrancou o luns cun obradoiro sobre limpeza ecolóxica e na que se inseriron outra serie de actividades como un obradoiro de arte colaborativa no que, empregando tamén materiais de refugallo, as persoas participantes deron forma este xoves a uns lenzos colectivos que puñan o foco en cuestións ambientais.