DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa plantación dunha cerdeira na entrada do edificio Xurídico-Empresarial

Empresariais e Turismo rende homenaxe á 'mamá árbore' Wangari Muta Maathai

No acto participou alumnado de diferentes cursos e centros

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Igualdade
  • Medio Ambiente
  • Institucional
DUVI Ourense 25/03/2026

O campus de Ourense celebrou este mércores o Día da Árbore coa plantación dunha cerdeira Yoshino (Prunus x yedoensis) dedicada á científica e Premio Nobel da Paz Wangari Muta Maathai. A actividade estivo organizada pola Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, coa colaboración do Centro de Posgrao e Formación Permanente, e nela participou alumnado do Curso de Formación Superior para o Emprego e a Vida Autónoma, da Delegación de Alumnado desta facultade e do Colexio Plurilingüe Cardenal Cisneros de Ourense, ademais de membros da comunidade universitaria. No acto tamén se realizou a lectura de poemas de Rosalía de Castro sobre a primavera. “Esta árbore que hoxe plantamos é símbolo de vida, pero tamén de compromiso, xustiza e igualdade. Seguimos o exemplo e camiño de Wangari, e facémolo inspiradas e inspirados pola nosa propia tradición e pola mirada sobre a natureza presente na obra de Rosalía de Castro”, indicou a profesora María Isabel Diéguez na apertura da homenaxe.

A defensa da terra é tamén unha loita pola igualdade

A árbore, indicou María Isabel Diéguez, plantouse “en homenaxe a Wangari Muta Maathai, una muller excepcional coñecida como mamá árbore que en 2004 se converteu na primeira muller africana en recibir o Premio Nobel da Paz. Ecoloxista, activista, política e científica, foi tamén unha referente do feminismo ao situar ás mulleres no centro da defensa do medio ambiente e da xustiza social”. A profesora da UVigo lembrou que a homenaxeada naceu en Kenia en 1940, “nun contexto onde poucas mulleres podían estudar” e converteuse “na primeira muller da Africa central e oriental en doutorarse, transformando esa oportunidade nun compromiso colectivo”. Ela, apuntou, “escoitou ás mulleres rurais, que sufrían a desertización, a falta de auga, leña e recursos, e impulsou unha solución tan sinxela como poderosa: plantar árbores, conservar as sementes, armar viveiros e crear vida, o que proporcionaba independencia económica a estas mulleres”. Non sen obstáculos nin trabas, no acto, ao que asistiu Jesús Vázquez, decano da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, destacouse que Wangari Muta Maathai converteu “un xesto pequeno nun movemento global, o movemento cinto verde que a día de hoxe supera os 51 millóns de árbores plantadas, demostrando que a defensa da terra é tamén unha loita pola igualdade”.