DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A feira celebrarase os días 22 e 23 de outubro no Ifevi de Vigo e o 29-30 en Exponor de Porto

As empresas do ámbito biotecnolóxico e xurídico social gañan peso na 4ª edición da Finde.U

Ademais dos postos das empresas, hai programado un amplo programa de talleres e relatorios

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Internacional
  • Universidade e empresa
  • Institucional
D. Besadío DUVI 10/10/2019

A Feira Internacional de Emprego Universitario, Finde.U, chega este ano á súa cuarta edición convertida nun dos grandes referentes de intermediación laboral universitaria do noroeste peninsular. A cita será este ano os días 22 e 23 de outubro no Instituto Feiral de Vigo e o 29 e 30 en Exponor, Porto, e como principal novidade destaca a incorporación de empresas do ámbito biotecnolóxico, así como de firmas das áreas xurídica e social, artes e humanidades, que se suman as de carácter máis tecnolóxico, puntal principal desta feira.

“Este ano estamos a facer un grande esforzo por convidar a empresas que desenvolvan a súa actividade en todas ás áreas de coñecemento universitario, xa que en edicións anteriores había un exceso de oferta para uns determinados perfís respecto de outros”, explica a vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini, quen fai fincapé en que ademais tamén estarán presentes na feira as e os responsables das diferentes agrupacións estratéxicas da Universidade de Vigo, “xa que pode ser unha boa oportunidade para captar talento universitario e atopar persoas que nun futuro poidan formar parte dos seus equipos de traballo”.

Aos postos das empresas súmanse múltiples talleres formativos

Organizada polas universidades de Vigo, Porto e Tras-os- Montes e Alto Douro, a feira volverá darlle a oportunidade a estudantes e persoas tituladas de todas as áreas de coñecemento de manter contacto directo con organizacións e empresas que demandan talento universitario. “A Finde.U é un evento organizado para o alumnado e persoas egresadas universitarias de calquera titulación”, explica Caparrini. As persoas que se acheguen durante eses dous días ao Ifevi teñen a posibilidade de entregar o seu currículo aos responsables de recursos humanos de calquera das empresas e institucións que participan na feira, “con vistas a que estes contribúan de maneira positiva nos seus propios procesos de selección”, explica a vicerreitora.

Ademais, durante os dous días que dura o evento, expertos e expertas en coaching, orientación e emprendemento dos departamentos de recursos humanos das empresas participantes impartirán diferentes talleres e relatorios relacionados coa busca de emprego para mellorar a empregabilidade das persoas asistentes.

Máis de medio cento de empresas, clústeres e asociacións 

Se ben o prazo de presentación para as empresas participantes non se pecha ata o vindeiro mércores 16, a día de hoxe hai xa confirmadas a participación de máis de medio cento de institucións, “incluíndo empresas e varios clústeres e asociacións empresariais, polo que definir un número de compañías concreto é complicado, xa que a través destes clústeres as candidaturas poden chegar a centos de empresas”, recalca Caparrini, quen adianta que está xa confirmada a participación de oito empresas pertencentes ao sector da biotecnoloxía.  

Máis dun 35% das empresas e entidades participantes fixérono xa en edicións previas e dúas delas, Abanca e Alumnios Cortizo, fano agora tamén en calidade de patrocinadores, “o que nos suxire claramente que estas organizacións están satisfeitas, tanto coa súa participación na feira como co perfil das nosas universitarias e universitarios”, apunta a vicerreitora. Para participar, o alumnado e as e os titulados interesados deberán rexistrarse na web do evento –a través da plataforma Beamian-, ou no propio mostrador de recepción dos recintos da feiras. Tras este rexistro e coa tarxeta de estudante ou, no caso de non tela, coa tarxeta cedida pola organización da Finde.U no mostrador, as e os participantes poderán pasar o seu CV ás entidades empregadoras a través dun lector de tarxetas dispoñible en cada stand, sen necesidade de utilizar o CV en papel.

Búscanse, sobre todo, perfís multidisciplinares 

Se ben desde a organización da feira se é conscientes de que os perfís que proveñen da enxeñaría, a loxística e a comercialización de produtos ao por menor seguen sendo un reclamo para as empresas, “hoxe en día búscanse, sobre todo, candidaturas de perfís multidisciplinares, cunha gran polivalencia, capacidade analítica, orientación a resultados e coñecemento de idiomas, por iso non sempre se pode relacionar directamente áreas de coñecemento con demandas específicas”, explica a vicerreitora, quen salienta que para aqueles alumnos e alumnas que aínda non finalizaron os seus estudos participar na Finde.U pódelles axudar a saber que buscan as empresas, non só en canto a perfís profesionais, senón que outras competencias e habilidades demandan e valoran os empregadores, “o que lles axudará a deseñar e planificar o seu currículo durante o seu paso pola Universidade”, engade Caparrini.

No caso dos recén titulados poderán, ademais de entregar os seus currículos nas diferentes empresas que participen dos seus sectores, asistir aos diferentes talleres e charlas, que inclúen actividades como revisar o seu CV cun profesional ou facer un simulacro de entrevista de traballo. “Ademais, para os egresados pode ser un bo momento para explorar novos retos e posibilidades”, destaca a responsable de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria.