DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Pescanova, Cabomar e Pereira buscan sinerxías cos grupos de investigación

Empresas asociadas a Conxemar coñecen o CIM e a Ecimat

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Visitas
  • Transferencia
DUVI 03/03/2022

Para as empresas do sector da pesca e a acuicultura, o Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo e a Estación de Ciencias Mariñas de Toralla poden ser aliados estratéxicos e naturais. Para coñecer as potencialidades que ambos centros lle poden achegar ao sector, varias empresas asociadas a Conxemar (Pescanova, Cabomar e Pereira) participaron este xoves nunha visita polas instalacións e polos laboratorios de varios grupos de investigación. 

Daniel Rey, director do CIM; José Manuel García Estévez, director da Ecimat e Cristina Quelle, coordinadora de innovación e transferencia do CIM, foron os encargados de dar a benvida á Ecimat a Alexandra Skinner, responsable do Laboratorio Pereira; Teresa Salgueiro, responsable de Calidade de Cabomar; Margarita Moreira, responsable Medio Ambiente do Grupo Pescanova; Ricardo Tur Estrada, director técnico de Nueva Pescanova Biomarine Center e Pablo García Touriñán, investigador en Nueva Pescanova Biomarine Center.

Estas tres empresas forman parte de Conxemar, a Asociación Española de Maioristas, Importadores, Transformadores e Exportadores de Produtos da Pesca e Acuicultura, da que forman parte un total de 247 empresas, que representan, en conxunto, unha facturación anual de máis de 9000 millóns de euros e 16.000 empregos.

Coñecer os servizos e os grupos de investigación

Tras a recepción, a delegación coñeceu as instalación da Ecimat, da man do investigador Kais Jacob Mohamed Falcon e do responsable da Unidade de Oceanografía, José González. Posteriormente, no salón de actos, os representantes das empresas puideron coñecer o grupo ByCIAMA, coordinado por José Manuel García Estévez, especializado en biotecnoloxía e calidade en industria agroalimentaria e medio ambiente. Raúl Iglesias, un dos seus investigadores, presentou as diferentes liñas de estudos, os proxectos que están a levar a cabo e os servizos de interese que poden presentar ás empresas. Outro dos equipos que deu a coñecer as súas potencialidades ante os membros de Conxemar foi Ecocost, Grupo de Ecoloxía Costeira, da man das investigadoras do Laboratorio Ecotox Cynthia Gómez e Beatriz Noya.