DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun encontro entre axencias e alumnado inserido no programa do congreso Flúor 

Empresas galegas de márketing e publicidade coñecen os profesionais que se forman en CCSS e da Comunicación 

18 estudantes de grao e mestrado participaron nun ‘speed dating’ 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Universidade e empresa
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 10/06/2022

Organizado polo Clúster da Comunicación de Galicia e a asociación galega de márketing Markea, Pontevedra acolle nestes días a cuarta edición do Congreso Atlántico de Márketing Dixital Flúor, que reúne na sede de Afundación ás principais empresas e profesionais do sector na comunidade. Parte deles puideron coñecer este venres o traballo, traxectoria e intereses de 18 alumnos e alumnas da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, nun encontro de carácter informal que emulaba o formato dun speed dating. Promovido co apoio do Consello Social da Universidade de Vigo, unha das entidades patrocinadoras do congreso, este encontro reuniu, por unha banda, representantes de dez axencias de publicidade, márketing dixital, produción audiovisual e planificación de medios e, por outra, 18 alumnos e alumnas das diferentes titulacións da facultade, co obxectivo de “achegar novos talentos ao mundo empresarial”, como sinalan desde a organización.

Como apuntou na súa presentación o director do congreso, Alberto Garnil, tratábase dun evento “bastante informal” dirixido a establecer un primeiro contacto entre os futuros e futuras profesionais e os responsables das axencias participantes: Bysidecar, Recados Carmen, Siete Olas Comunicación, Nasas, Wise Creatividad, Miraveo, Ingenio Media, Ahao Studio, Bushido Talento e Ovixia. Con esa idea, este speed dating abriuse cunhas breves intervención das e os representantes destas dez empresas, dirixidas a dar a coñecer tanto as súas áreas de traballo como os perfís profesionais que poderían precisar, tras a que tomaron a palabra os alumnos e alumnas, que presentaron brevemente as súas traxectorias, traballos e intereses, para finalmente dar lugar a unha serie de encontros de carácter informal. 

Unha “mostra diversa” do talento que se forma na facultade

Como explica a decana, Emma Torres, a este evento impulsado pola facultade e patrocinado polo Consello Social acudiu unha selección de alumnos e alumnas tanto dos graos en Publicidade e RRPP e Comunicación Audiovisual como dos mestrados en Dirección de Arte Publicitaria e Comunicación en Medios Sociais e Creación de Contidos Dixitais, co obxectivo de que “fose unha mostra diversa do talento” que se forma no centro. Ademais deste encontro, o alumnado da facultade tamén se encargou da canle de Twitch do congreso, “onde despois de cada charla realizaban unha entrevista informal a cada un dos relatores”. De aí que Torres poña de relevo o positivo de que, alén do feito de que Flúor contribúa a “situar Pontevedra como un lugar de referencia no ámbito da comunicación”, este congreso contribúa tamén a proxectar ante o sector á facultade “como unha referencia na formación de profesionais”. Nese senso, a decana incide no positivo de iniciativas como esta “para que os alumnos teñan acceso ao sector profesional de forma directa, que é algo que sempre intentamos na facultade”.

A oportunidade de mirar cara o futuro

Alumna do máster en Comunicación en Medios Sociais e graduada en Publicidade e RRPP, Marina Ramos foi unha das participantes neste encontro, que destaca como “unha oportunidade para facer contactos”. Membro da júnior empresa Freshysweet, na que o alumnado desenvolve traballos de axencia publicitaria no marco da súa formación, Ramos destaca tamén “que é unha honra que a Universidade pensase en nós” e que varios dos seus integrantes participasen neste evento, xa que “amosa que hai un interese porque o alumnado faga cousas máis aló das clases”. Nese mesmo senso, a tamén integrante de Freshysweet e alumna de Publicidade e RRPP Noelia Chantrero recoñecía, poucas horas antes de participar no seu acto de graduación, “a oportunidade que supón para nós poder coñecer as axencias e ver que posibilidades poderemos ter no sector publicitario, agora que estamos rematando a carreira”.