DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Realizado en colaboración coa Universidade de Vigo, comezará o vindeiro luns

O encontro “Eduardo Barreiros” fomentará o espírito emprendedor entre a mocidade

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Marta Casanova DUVI 13/06/2008

Co fin de xerar un foro aberto para o debate, a análise e o intercambio de ideas e experiencias emprendedoras, así como de promover iniciativas empresariais na mocidade, o Concello de Ourense, a través da Concellería de Economía e Facenda, Emprego e Promoción Económica pon en marcha o Encontro Internacional de Emprendedores Eduardo Barreiros. Na súa organización interveñen tamén a Fundación Eduardo Barreiros e o Instituto Galego de Promoción Económica, ademais de colaborar outras moitas entidades entre a que se atopa a Universidade de Vigo.
Os obxectivos principais do encontro, que terá lugar entre os días 16 e 18 de xuño no Auditorio Municipal e no Liceo Recreo, son fomentar o espírito emprendedor , crear un espazo para que os empresarios intercambien coñecementos, información e experiencias e ademais poidan descubrir novas oportunidades de negocio. Pero aínda que está dirixido fundamentalmente a persoas emprendedoras, tamén conta entre o seu público obxectivo con cargos de entidades públicas e privadas con competencias nas áreas de fomento de creación de empresas e de autoemprego, así como con membros da comunidade escolar e universitaria, como potenciais empresarios que hai que motivar.
O programa, que conta con destacados relatores a nivel internacional, atópase articulado en tres liñas básicas. Por unha banda, as iniciativas que actualmente se están a levar a cabo para o fomento da mentalidade emprendedora, por outra as experiencias de emprendemento en diferentes eidos, e ademais, é tamén unha achega entre empresarios de Ourense que traballan no exterior.

O prazo de inscrición

Os interesados en inscribirse no encontro, dedicado a un coñecido emprendedor da cidade, pioneiro na innovación industrial en España a mediados do século pasado, deberán facelo de xeito gratuíto antes do 15 de xuño na súa páxina web. Xa que as prazas son limitadas, serán adxudicadas por rigorosa orde de solicitude.