DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita reúne a especialistas do eido xurídico, científico e tamén alumnado

Un encontro internacional aborda a relación entre o dereito e os eventos meteorolóxicos extremos provocados polo cambio climático

Co apoio do proxecto de especialización do campus de Ourense Campus Auga

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Internacional
  • Investigación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI Ourense 02/10/2025

Grandes incendios, inundacións, ondas de calor, secas... os eventos meteorolóxicos e riscos extremos provocados polo cambio climático preocupan e impactan cada día máis nos diferente ámbitos da sociedade, desde os seus gobernos ata a cidadanía. Entre eles está o eido xurídico. Co obxectivo de afondar neste tema, a Facultade de Dereito do campus de Ourense acolleu este xoves a celebración do Encontro internacional dereito e riscos metereolóxicos extremos xerados polo cambio climático

A iniciativa estivo organizada desde a Universidade de Vigo pola Agrupación Grupos de Investigación de Dereito Administrativo e Filosofía do Dereito (AGAF). Contou co apoio do Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado e financiado pola Xunta de Galicia, e estivo dirixida polos catedráticos da UVigo Pablo Raúl Bonorino e Raquel Olalla Nieto. Na súa apertura, Pablo Raúl Bonorino salientou a pertinencia de que, ante a preocupación crecente polo tamén crecente impacto de eventos extremos, como os incendios acontecidos este verán, “reflexionemos xuristas e científicos sobre estes fenómenos e sobre as respostas que desde as políticas públicas e desde o dereito se lles pode dar”. 

Segundo explicou o seu co-director, o encontro é froito do proxecto estatal Exmerisk: Riesgo de eventos meteorológicos e hidrológicos extremos en España: impactos, escenarios futuros y herramientas para mejorar la resiliencia y adaptación al cambio climático. Trátase dun proxecto coordinado de Transición Ecológica financiado polo Ministerio de Universidades e Feder, liderado por Sergio Vicente Serrano desde o Instituto Pirenaico de Ecología, CSIC e no que participan desde a Universidade de Vigo os catedráticos Raquel Olalla Nieto e Luis Gimeno, do grupo EPhysLab, Environmental Physics Laboratory-CIM. Entre os subproxectos de Exmerisk está Climatelaw: El derecho como herramienta para mejorar la resiliencia y adaptación a eventos meteorológicos e hidrológicos extremos generados por el cambio climático, dirixido pola profesora da Universidad de León María Concepción Gimeno e no que participa a UVigo a través do catedrático Pablo Raúl Bonorino. 

Ferramentas xurídicas

O encontro internacional celebrado en Ourense, que contou coa asistencia tamén de alumnado da Facultade de Dereito, estruturouse en dúas xornadas, unha celebrada pola mañá e centrada no citado subproxecto do eido xurídico e outra pola tarde centrada no proxecto científico. A primeira xornada levou por título Dereito e eventos hidrolóxicos extremos xerados polo cambio climático e estivo dirixida por Pablo Raúl Bonorino. Nela, María Concepción Gimeno falou do dereito como unha ferramenta para abordar as consecuencias do cambio climático. A súa intervención arrancou lembrando como o cambio climático comezou sendo de interese e preocupación para a comunidade científica, logo para os políticos e agora para a cidadanía. Neste contexto, sinalou que na actualidade constitúe “un problema estrutural que interesa ao ámbito xurídico”. 

Co obxectivo de abordar “en que medida o dereito é unha ferramenta eficaz fronte ao efectos do quecemento climático”, Gimeno centrou a súa intervención en: analizar o cambio climático como un problema estrutural que compete ao dereito; examinar a complexidade da relación entre cambio climático e dereitos humanos; analizar a resposta política ao cambio climático e valorar limitacións normativas; estudar o papel dos litixios climáticos e as súas complexidades e examinar como a relación entre cambio climático e os eventos climatolóxicos extremos inflúe na eficacia do dereito. 

Completaron a sesión intervencións de Dario Ippolito (Università Roma Tre) sobre "unha Constitución da Terra como ferramenta xurídica para abordar os desafíos medio ambientais"; de Pablo Slavin (Universidad Nacional de Mar del Plata) sobre o dereito á cidade ante a crise socio-ecolóxica, e de Sergio Vicente Serrano (Instituto Pirenaico de Ecología) sobre a dinámica recente e proxeccións dos extremos hidrometeorolóxicos. 

Impacto en sistemas terrestres agroforestais

A segunda xornada, organizada desde a Facultade de Ciencias tamén do campus de Ourense polo grupo EPhysLab (Environmental Physics Laboratory) e dirixida por Raquel Olalla Nieto e Luis Gimeno, desenvolveuse pola tarde baixo o título Impacto de extremos climáticos en sistemas terrestres agroforestais. Nela, Ana Maria Durán (Universidad de Costa Rica) falou sobre xustiza climática máis alá da resolución dos modelos e Ana Russo (Instituto Superior de Agronomía, Universidade de Lisboa) sobre os extremos climáticos compostos e o risco agrícola na península ibérica. Pola súa banda, Celia Gouveia (Instituto Portugués do Mar e da Atmosfera, Universidade de Lisboa) ofreceu unha conferencia sobre secas, ondas de calor e incendios, concretamente sobre os seus perigos compostos e en cascada e as súas repercusións na vexetación, e Fernando Domínguez (Instituto Pirenaico de Ecología, CSIC) interviu sobre Cando os documentos falan: extremos climáticos do século XVI á era da IA