DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os egresados Rosendo Cid, Rosa Neutro e Berio Molina participan o venres nun coloquio na facultade

Un encontro para promover o “diálogo interxeracional” entre o alumnado e artistas formados en Belas Artes

Trátase dunha actividade derivada da exposición ‘Arredor do parado’

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Estudantado
  • Académica
DUVI Pontevedra 16/12/2020

Establecer un "diálogo interxeracional" entre egresados e egresadas da Facultade de Belas Artes de diferentes promocións e o actual alumnado era un dos obxectivos de Arredor do parado, a exposición que desde finais de novembro reúne na Sala X as obras de dez artistas formados neste centro do campus pontevedrés. Con ese mesmo propósito e no marco das actividades derivadas desta mostra inserida na conmemoración do 30 aniversario da facultade, tres dos protagonistas da exposición participan este venres nunha mesa redonda dirixida a abordar co e coas estudantes tanto os seus procesos de traballo como o actual contexto da arte en Galicia. Aberta tanto ao público, ata completar un aforo limitado a 30 persoas, esta mesa redonda contará coa participación dos artistas e ex-alumnos Rosendo Cid, Rosa Neutro e Berio Molina. 

“Para facer tanxible ese diálogo interxeracional había que propiciar un encontro, no que compartir co alumnado a experiencia e traxectorias de diferentes artistas”, salienta a doutora en Belas Artes e comisaria de Arredor o parado, Iria Vázquez, quen se encargará de moderar este coloquio, programado para as 12.00 horas no espazo 16. Seguindo a liña da exposición, que busca amosar “a diversidade de traxectorias e vertentes profesionais” das e os artistas formados na facultade, a mesa contará con tres artistas "cunha traxectoria relevante", desenvolvida, como sinala Vázquez, “por camiños moi diferentes”. Un camiño máis centrado na “investigación en torno ao son”, no caso de Berio Molina, alumno do Programa de Doutoramento en Creación e Investigación en Arte Contemporánea; mentres que Rosa Neutro “establece a través da súa obra unha reflexión sobre o papel da muller a nivel social e fai unha crítica da desigualdade de xénero, sempre dunha forma moi poética e evocadora”, á vez que a produción artística de Rosendo Cid “está moi vinculada coa palabra, coa escritura e co realce do cotián”. 

Da práctica artística á situación actual da arte en Galicia

Esta mesa redonda estará estruturada en tres bloques, buscando en primeiro termo unha aproximación á obra destes tres artistas, os seus intereses e metodoloxías de traballo, tomando como punto de partida as propias pezas centradas no detido e no cotián que se reúnen en Arredor do parado, exposición que, como sinala Vázquez, “posiblemente amplíe” o seu tempo de exhibición na Sala X máis aló deste mes de decembro. A partires de aí, o coloquio buscará pór de relevo a importancia da práctica artística “como un exercicio que sempre implica unha investigación”, tendo en conta ademais, como sinalou a coordinadora da mesa, “que o contexto universitario non está de todo adaptado ás características e especifidades da investigación artística, xa que segue medíndose por parámetros de transferencia e avaliación doutros ámbitos científicos que teñen unhas características e uns modos de transmisión do coñecemento totalmente distintos”. 

En terceiro lugar, o coloquio buscará afondar no “contexto actual da arte en Galicia”, explica Vázquez, presidenta da asociación profesional de artistas A Colectiva. A idea, explica, é achegar ao alumnado “unha panorámica de como se atopa o tecido artístico en Galicia, das súas necesidades e das cuestións que é preciso abordar coas institucións”. Nesta análise, recoñece, será preciso deterse tamén nos efectos da crise da covid-19 nun sector xa marcado, sinala, pola “precariedade”, pondo o foco en cuestións como as axudas ou convocatorias impulsadas polas administracións, “que indubidablemente foron importantes, pero que foron vistas por parte de moitos colectivos como insuficientes”.