DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Declaracións do Secretario de Estado de Universidades no DUVI

“A énfase hai que poñela na calidade, na diversificación da oferta e a súa ampliación cara a fora”. Miguel Angel Quintanilla, Secretario de Estado de Universidades

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 25/09/2007
Mªdel Carmen Echevarría|VIGO

Na súa toma de posesión como Secretario de Estado de Universidades, fixou tres prioridades para o seu departamento. Agora transcorrido máis dun ano daquel momento e indo unha por unha no repaso a esas liñas estratéxicas que fixou como fundamentais, en primeiro lugar ¿que valoración fai do proceso de reforma da Lei Orgánica de Universidades, a LOU?.
Estou moi orgulloso por que foi un proceso rápido, moi efectivo, cun amplo consenso parlamentario e amplamente debatido coa comunidade universitaria. Cando cheguei todo o mundo pensaba que era difícil levar adiante un proxecto de lei cun amplo consenso e en menos dun ano, aprobouse no Congreso dos Deputados e o 12 de abril publicouse no BOE. Aínda que non logramos un pacto de estado, propiamente dito, por que o PP non a votou e incluso presentou un recurso de inconstitucionalidade que penso que non ten ningún sentido, o resto de grupos políticos votaron a favor. En conxunto, pódese dicir que é unha lei amplamente acordada.

Outra das súas prioridades cando tomou posesión do seu cargo era a adaptación de España ao Espazo Europeo de Educación Superior. ¿Avanzouse neste camiño tanto como lle gustaría ou ao noso país aínda lle queda moito por facer para que se poida falar cunha converxencia e unha adaptacións reais?.
O goberno ten unha responsabilidade neste proceso que é a de permitir desde o punto de vista normativo, abrir o sistema para que poida producir a adaptación ao EEES. A semana pasada chegaba ao Consello de Estado, para o seu informe, o Real Decreto de Ordenación de Ensinanzas Universitarias, e a previsión é que nun par de semanas sexa aprobado polo Goberno. Isto pecha o proceso normativo iniciado coa propia lei na que xa cambiamos o sistema de títulos, etc, para adaptalo ao EEES.
Eu penso que o que tiña que facer o Goberno está feito. Desde o principio publicamos documentos explicando á comunidade universitaria o que pretendiamos facer. Son documentos debatidos e modificados, asumindo pola nosa banda moitas das suxestións realizadas pola comunidade universitaria e o resultado é que temos un decreto que permitirá que as universidades nun prazo dun mes poidan poñerse a preparar os novos plans de estudos.
Ata aquí era o que nós tiñamos que facer, e a partir de aí é a comunidade universitaria o os órganos institucionais os que teñen que pilotar o proceso, por que unha das cousas que fixemos foi abrir as marxes de liberdade e de posibilidades de actuación das propias universidades. Logo, respecto dos cambios metodolóxicos e a organización interna eu confío moito na capacidade innovadora das universidades, especialmente, de universidades novas como a de Vigo.

A terceira das súa prioridades era o fomento e impulsa da ciencia e a investigación. A piques de rematar o Ano da Ciencia, ¿que sensación ten respecto, por unha parte, da percepción que a sociedade ten do traballo que desenvolven científicos e investigadores y por outra, do respaldo que a súa labor recibe por parte da administración?.
A investigación científica en España deu un salto de xigante no anos 80. En 1986 aprobouse a Lei da Ciencia, da que fun poñente,e iso supuxo un punto de non retorno no desenvolvemento da ciencia de da tecnoloxía en España. Eramos un país case terceiromundista e agora, aínda que non estamos na cabeza dos países de Europa, estamos ben situados. Medramos a un ritmo moi vivo ,de feito o 3% da produción científica mundial fana españois. Lembro que a nivel económico xeral o equivalente é o 2% da produción económica mundial. Polo tanto somos máis produtivos en ciencia que no resto. É algo que é así, aínda que a xente non o sabe e desde logo en 1986 non era así.
A xente aínda non identifica que produción científica é unha parte importante do patrimonio económico y cultural do noso país. Aínda non hai esa percepción e hai que cambiala, e aí as universidades teñen un gran papel. Por sorte xa temos un sistema universitario moi estendido e consolidado e trátase de incorporar un nivel de excelencia científica que cale na sociedade e que invada todos os ámbitos da cultura, non só desde o punto de vista tradicional da cultura se non especificamente da cultura científica. Vemos de aprobar o Plan Nacional de I+D que é un compromiso no que o goberno proponse en catro anos duplicar os cartos que actualmente dedican as administracións públicas a I+d. O resto terá que vir da sociedade.

Quixera pedirlle a súa opinión sobre algunhas cuestións concretas que poden axudarnos a entender a universidades española do futuro. Por exemplo, ¿son viables máis universidades no noso país ou existe demasiada oferta?.
A oferta universitaria pódese medir de moitos xeitos: oferta de títulos, de prazas, de centros...Eu creo que actualmente tanto os centros como o número de prazas universitarias que somos quen de atender, está adaptado á demanda potencial e está a un nivel aceptable en comparación cos países máis avanzados da OCDE e de Europa. En definitiva eu creo que a fase de expansión en termos da universidade de masas rematou e agora se trata de iniciar un período no que a énfase hai que poñela na calidade, na diversificación da oferta e a súa ampliación cara a fora, atendendo a demanda externa e competindo a nivel mundial. As universidades españolas xa son parte da EEES e o seu reto é o seu futuro non están na provincia na que están instaladas, se non que está en Europa e no mundo.

Por outra banda, ¿é posible manter titulacións nas que hai dous, tres e incluso un matriculado?.
Iso depende de cada universidade. As universidades e as comunidade autónomas que as financian son as que teñen que definir os criterios para abrir unha nova titulación ou pechala. Penso que en termos xerais o único criterio para manter ou abrir unha oferta nova de estudos non pode ser a demanda real. Pode haber razóns científicas e estratéxicas que aconsellen manter uns estudos a pesar de que a demanda sexa pequena, por razóns que ao país lle interesa, polo que sexa...
Neses casos habería que facer un esforzo para aproveitar iso que abrir unha oferta cara espazos máis amplos. Eu non diría que hai un criterio único para manter ou quitar unha oferta. Por outra banda tamén estamos nunha universidade na que as grandes titulacións de toda a vida son unha pequena parte e sen embargo as novas titulacións varían, aparecen, desaparecen, sobre todo en posgrao hai unha gran mobilidade. Hai que afacerse a vivir co iso, e non pasa nada. O que importa son os recursos humanos e como organizalos, non os títulos e os nomes.

En canto ao profesorado universitario ,este verano vostede foi portada de moitos medios de comunicación, cando nunha charla informal cuns licenciados dixo que “ser un gorrón foi moi rendible na universidade e agora a carreira académica dependerá do sacrificio e capacidade dos aspirantes e non de políticas de corredor”. Á marxe da polémica que a forma supuxo, o fondo da súa mensaxe é claro: chegarán arriba os que máis méritos académicos teñan.
Respecto da expresión deste verano, é unha expresión técnica en ciencias sociais para falar do “freeride”, que en español e en plan irónico, tradúcese por “gorrón”. É un termo técnico en ciencias sociais xa que en todos os colectivos pode haber alguén que fai o gorrón, e dicir que se beneficia do traballo dos outros e non aporta nada. Iso é algo xeneralizado en todas partes. O único que dixen este verán nunha clase e avisando que era algo non diría nunca en público é que na universidade había moitas oportunidades para os gorróns. Pero quero destacar a parte positiva xa que se isto ocorre e por que hai xente moi boa, que traballa moito e iso permite que haxa outros que non fan nada e non se note. A parte boa é a outra.
O que min me preocupaba, e por iso o dixen, e que as veces o noso xeito de administrar e xestionar , pode, sen querer, facilitar iso. Puxen como exemplo que si un director de departamento de investigación ao estudante que mellor expediente ten, lle di:”pide unha beca” e ao que ten menos:”ti tranquilo que eu che reservo aquí unha praza”, iso está a mandar unha mensaxe equivocada. Eu non digo que iso esta xeneralizado, pero ocorre. Por iso me gustaría revisar a política de bolsas do Goberno para garantir que non induce comportamentos, digamos, de “gorroneo”.
Iso foi o que dixen e creo que é correcto. Estamos traballando para mellorar o sistema de selección de profesorado, tanto estable como bolseiros, para que todo o mundo reciba a mesma mensaxe:”o que mellor o faga, o que máis se esforzo faga por competir , terá máis beneficios.Non o que menos o faga”. Como conseguimos transmitir isto é algo difícil, pero moi importante e estou totalmente comprometido neso.

Para rematar. Por primeira vez tivo vostede ocasión de visitar hai uns días o campus de Lagoas Marcosende. ¿Qué impresión lle causou?.
Acudín invitado polo Reitor para falar aos profesores sobre a reforma universitaria e da política científica do goberno. Quedei gratisimamente sorprendido cando cheguei por que non coñecía o campus, nin o complexo Miralles que me pareceu fantástico.
Creo que resume moi ben un slogan da propia Universidade de Vigo, que é “nova e innovadora” ,como é o seu propio campus. Desde ese punto de vista, gustaríame que a Universidade de Vigo xogue un papel moi importante na integración no EEES do noso sistema universitario. É un proceso que require moita capacidade de adaptación e innovación, así como creatividade institucional, e universidades como esta, novas e con vocación innovadora creo que son moi importantes no novo EEES. Tiven ocasión de ver os solares onde se desenvolve o Parque Científico e Tecnolóxico da Universidade de Vigo ao que vemos de conceder unha subvención para o desenvolvemento do centro de innovación biomédica, en colaboración co SERGAS. Esperamos que todo este entorno sexa una viveiro de coñecemento, que xa o é, tamén de actividade empresarial e sobre todo de innovación tecnolóxica, e de aumento de competitividade.