DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No marco dunha campaña da Red Española de Universidades Promotoras de la Salud

Unha enquisa busca coñecer os hábitos saudables do alumnado

Etiquetas
  • Estudantes
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Deportes
  • Estudantado
  • Saúde
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 16/03/2023

Co obxectivo de coñecer a saúde e os hábitos de vida do alumnado, a Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo únese á iniciativa da Red Española de Universidades Promotoras de la Salud para lanzar unha enquisa. 

O cuestionario forma parte dun proxecto que se desenvolve en colaboración coa Fundación Mapfre e ten como obxectivo contar cunha diagnose “individualizada” sobre os hábitos saudables do estudantado da Universidade.

O alumnado que desexe participar deberá responder unha serie de cuestións relacionadas coas variables sociodemográficas e indicadores xerais de saúde e tamén relativos ao estilo de vida, como os patróns de sono e descanso, o consumo de tabaco, alcol e outras substancias e a actividade física. Tamén se inclúen preguntas sobre o uso do teléfono móbil e posibles condutas problemáticas, como a nomofobia ou dependencia deste dispositivo. A enquisa tamén abrangue aspectos relacionados coas interaccións e o apoio social, os síntomas ansioso-depresivos e o medo ante a covid-19 e sobre a influencia da pandemia nas anteriores variables.

A recollida de datos realizarase ata o 31 de maio. As respostas, que son completamente anónimas, serán descargadas pola Red Española de Universidades Promotoras de la Salud, que se encargará de codificalas e enviarllas a cada unha das universidades participantes. Polo tanto, os datos obtidos servirán, no caso de conseguir unha mostra suficiente da poboación de estudantes, para ter unha fotografía orientativa do estilo de vida do alumnado da UVigo. Así, a institución poderá coñecer as problemáticas máis comúns e, a partir de aí, programar determinadas actuacións ou iniciativas que permitan mudalas.