DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Enrique Valero, elixido vicepresidente do Grupo Consultivo “Bosques e Cortiza” da UE

O profesor da EU de Enxeñaría Técnica Forestal asesorará á Comisión Europea sobre políticas comunita

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
M. Del Río DUVI 16/10/2007

O profesor da Escola Universitaria de Enxeñaría Técnica Forestal, Enrique Valero, ven de ser nomeado vicepresidente do Grupo Consultivo sobre Bosques e Cortiza da Unión Europea. Esta recente elección convérteo nun importante valedor dos intereses dos países do sur do continente ante Bruxelas, sendo o presidente deste grupo un austríaco e a outra vicepresidenta unha sueca. “Deste xeito tentamos que estean representados no grupo as tres grandes zonas nas que dividimos Europa: o norte, o centro e o sur”, apunta Valero.
A Unión Europea conta con varios grupos deste tipo que asesoran ao organismo na elaboración da lexislación e directivas como poden ser o de Desenvolvemento Rural ou Medio Ambiente. “Estes grupos traballan coordinadamente coa UE, ata o de agora como Comités Consultivos, e neles están representados os diversos sectores implicados en cada un destes ámbitos”, subliña. No caso concreto do grupo de Bosques e Cortiza, atópanse representados expertos en temas forestais, colectivos ecoloxistas, produtores e cooperativas, entre outros. Segundo destaca o profesor do Departamento de Enxeñaría de Recursos Naturais e Medio Ambiente, “a nosa misión é asesorar á Comisión Europea en temas que teñen que ver coas políticas que se van poñer en marcha, o que supón unha garantía democrática a través da consulta directa cos colectivos interesados”.

As funcións do grupo consultivo

Este grupo está composto por arredor de 40 persoas entre as que se atopan representados a industria, os consumidores ou os grupos ecoloxistas. Entre todos “asesoramos á Comisión Europea, engadimos as nosas achegas ás súas propostas, indagamos sobre o grao de aceptación ou rexeitamento das iniciativas e tratamos temas como a fiscalidade”, subliñou Enrique Valero.
O novo cargo, de dous anos duración, trae consigo tamén novas expectativas. Segundo o xa vicepresidente “o nomeamento representa un aumento das responsabilidades dentro do grupo e tamén desenvolver labores de representación ante a propia Comisión Europea”. Este posto permite tamén unha toma de contacto coas políticas comunitarias antes que estas vexan a luz, “pulsando así o ritmo forestal”.
O sistema organizativo distribúese mediante grupos de traballo ad hoc, estando activos na actualidade dous: un sobre bioenerxía e outro sobre produtos forestais non maderables, como cortiza, setas, resinas, caza ou uso público destas superficies. “Estamos barallando a posibilidade de crear un terceiro grupo sobre bosques e cambio climático no que se afondara na función que estes teñen como sumidoiros de gases de efectos invernadoiro”.

Temas de actualidade

Na última reunión do Grupo Consultivo “Bosques e Cortiza” afondouse en temas de actualidade para o sector. No eido do cambio climático, porase en marcha un plan de acción forestal da Unión Europea, aínda que Valero subliñou tamén a importancia dunha nova iniciativa baixo o nome de Green Public Procurement. Trátase dun instrumento útil para introducir criterios ecolóxicos nos concursos de contratación e adquisición dos entes locais e da administración pública. A finalidade segundo Valero é “acadar unha especie de contratación verde, acorde dos principios de desenvolvemento sostible, que teña en conta o uso de materiais renovables e sexan ambientalmente correctos”.
O profesor da EU de Enxeñaría Técnica Forestal tamén se referiu á celebración entre os días 5 e 7 de novembro dunha conferencia ministerial en Varsovia para tratar da protección dos bosques en Europa e na que se fará pública unha declaración neste sentido así como dúas resolución relevantes sobre a auga e o cambio climático.