DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tras exercer como decano comisario no proceso de creación da facultade

Enrique Varela é elixido primeiro decano de Dirección e Xestión Pública

A súa candidatura recibiu once votos a favor e un branco

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Institucional
DUVI Pontevedra 28/11/2022

Dous anos despois de ser nomeado decano comisario co propósito de coordinar os traballos para a creación da Facultade de Dirección e Xestión Pública, o profesor da Área de Ciencia Política e da Administración Enrique Varela foi elixido este luns como primeiro decano deste novo centro do campus pontevedrés. Con once votos a favor e un en branco, a Xunta de Facultade deu nesta xornada o seu apoio á candidatura encabezada por Varela e que completan os profesores Xosé Mahou, como vicedecano de Virtualización e Innovación Educativa; Soraya Rodríguez, como vicedecana de Orzamentos, Mobilidade Internacional e Calidade, e Óscar Briones, como secretario académico. Coordinador do grupo de investigación Observatorio da Gobernanza G3, Varela destacou tras a votación a “consolidación dun modelo híbrido”, que combina o ensino presencial e o virtual, e a internacionalización da modalidade virtual do grao como principais retos do traballo deste equipo durante os próximos tres anos.

Previamente, Varela trasladou o seu “máximo agradecemento” aos e ás integrantes da Xunta de Facultade polo apoio acadado nunha votación que se levou a cabo tanto de xeito presencial como virtual, co soporte da Área de Calidade da UVigo, o que fixo posible a participación na votación do alumnado da modalidade virtual do grao que forma parte deste órgano. Deste xeito, completábase o proceso electoral aberto a finais de outubro co propósito de elixir tanto os integrantes desta xunta como a que sería o seu primeiro equipo decanal, unha vez completados os diferentes trámites para a creación da nova facultade, na que se imparten o Grao en Dirección e Xestión Pública e o Máster en Dirección Pública e Liderado Institucional, previamente adscritos á Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, coa que o novo centro comparte edificio.

A consolidación e internacionalización dun centro “diverso”

Respecto á etapa que inicia, Varela destaca que “o primeiro reto fundamental para os próximos tres anos é a consolidación” do novo centro, “a única Facultade de Dirección e Xestión Pública que hai en España”, e do seu modelo de ensinanza híbrido. Nel conviven un grao que en 2020 sumou á súa modalidade presencial outra virtual e un mestrado online con dez anos de traxectoria, que implantaba no presente curso o seu novo plan de estudos. “Tanto o máster como o grao son dous dos títulos mellor valorados da UVigo, segundo as enquisas de satisfacción”, sinala Varela, que lembra que a modalidade virtual do grao, a primeira do sistema universitario galego, completará a súa implantación o vindeiro curso coa posta en marcha do cuarto e último curso.

A partir de aí, o seguinte “gran reto” será promover a internacionalización das titulacións virtuais, “un proxecto que xa estamos desenvolvendo, pero que terá a súa eclosión o ano que vén, posicionándonos en América Latina para captar alumnado nas administracións públicas”, salienta Varela. Neste punto, o decano sinala a recente sinatura dun convenio de colaboración entre a UVigo e a Universidad Nacional Abierta y a Distancia (UNAD), de Colombia, que será un dos “socios estratéxicos” da facultade neste proceso de internacionalización, xunto a Universidad Centroamericana José Siméon Cañas do Salvador e a Universidade de Sao Paulo (USP). Coa institución brasileira, de feito, impulsarase hai preto dunha década un programa de recoñecemento mutuo de estudos a través dun convenio “que queremos renovar”, salientou Varela. 

Por outra banda, o decano puxo de relevo a necesidade de acometer eses procesos de consolidación e internacionalización sendo “conscientes da nosa diversidade”, da necesidade de “pensar no alumnado presencial, que é o noso ADN como Universidade, pero tamén no virtual”, no feito de que se trata dunha facultade “que ten alumnos de Pontevedra e do resto de Galicia, pero tamén doutras partes de España e de diferentes países de América Latina e do espazo da lusofonía. “Para nós, a diversidade do alumnado vai acompañada da diversidade de métodos”, salienta Varela, que subliñou a importancia de “xestionar ben” este “sistema de ensinanza e aprendizaxe innovador”. Así mesmo, nese proceso de “diversidade e internacionalización” insírese tamén os traballos que se desenvolven para dotar á facultade dun segundo mestrado, tendo iniciado xa os trámites de cara a futura creación dun mestrado que tería carácter interuniversitario e estaría centrado no e-goberno, explicou Varela.