DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O uso didáctico dos xoguetes interactivos centra un curso en CC da Educación e do Deporte

Como ensinar ciencias con robots, animacións ou maquetas

Inserido na programación de Extensión Universitaria da Vicerreitoría

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 21/06/2018

Maquetas dun mercado e dunha granxa, do casco urbano de Pontevedra, da Illa das Esculturas ou da ponte de Rande, nas que se integran robots e xoguetes interactivos, que dan pé á súa vez á creación dunha pequena animación. Todos estes contidos intégranse nos proxectos que, divididos en diferentes grupos, veñen desenvolvendo nas últimas semanas as 31 alumnas do curso Ensinar ciencias con robótica, programación e produción de contidos multimedia para o encerado dixital, que inserido no programa de cursos de Extensión Universitaria da Vicerreitoría do campus para este verán, desenvólvese desde comezos de xuño na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte.

Dirixido polos docentes María Álvarez Lires e Uxío Pérez e impartido por Xabier Álvarez Lires e María Lorenzo, este taller busca achegar ao alumnado dos graos de Educación Infantil e Educación Primaria a novos recursos para ensinar ciencias. Recursos que van do deseño de actividades para o encerado dixital a aprender a programar xoguetes tecnocientíficos como os sets de robótica educativa Lego We-Do e Lego e-Lab, o robot emocional Aisoy, ou dúas das novidades que se suman á quinta edición deste curso, o robot Sphero, que permite por primeira vez ao alumnado traballar con elementos programables desde dispositivos móbiles, e o kit Go Robot Mouse, un recurso de iniciación pensado para nenos e nenas de Educación Infantil. 

A maqueta como elemento integrador

A aprendizaxe respecto dos posibles usos didácticos destes recursos tecnolóxicos tivo como eixo a elaboración dunha serie de maquetas nas que a temática tiña que estar relacionada coa contorna próxima e que debían deseñar empregando materiais reciclados. Maquetas nas que o alumnado debía integrar algúns dos robots e xoguetes interactivos abordados nas diferentes sesións co propósito de favorecer así unha reflexión “sobre como podería usalos na clase para o que o alumnado aprenda”, como explica Xabier Álvarez. Deste xeito entre os proxectos finais que esta semana se presentan figura tanto unha recreación da ponte de Rande baixo a que pasa un barco impulsado por unha batería que se carga con enerxía solar, como unha granxa dotada dun tractor ou unha recreación da Illa das Esculturas completada cun muíño que tamén move a enerxía solar. 

“Coas maquetas estamos utilizando elementos físicos como os que poderíamos ver nunha aula, pero ao mesmo tempo incluíndo unha parte virtual e de robótica educativa, que ven que non é algo que vaia por outro lado, senón que se pode integrar perfectamente”, salienta María Lorenzo, quen explica como a construción destas maquetas serviu como vínculo coas diferentes actividades centradas nestes novos recursos didácticos. De feito, o alumnado iniciou o curso deseñando actividades para o encerado dixital “relacionadas coa temática das súas maquetas”, para logo aprender a programar os diferentes robots á vez que ían vendo como podían integralos aos seus proxectos.

Xa na fase final, os diferentes grupos de estudantes tiveron que elaborar pequenas animacións “nas que conten unha historia que relacione a temática da maqueta cos robots que están utilizando, cousas moi sinxelas pero que permitan darlle un sentido á construción”, explica Lorenzo doutra das novidades desta edición dun curso que esta semana se completa coa presentación dos diferentes traballos, que desta volta realízase a través dun blog no que cada grupo vai relatando as diferentes etapas do seu traballo. Curso que, ademais, recibiu esta semana a visita do profesor da Facultad de Filosofía y Letras da Universidad Austral de Chile Sergio Toro, quen no marco dun protocolo do goberno de Chile dirixido a promover a innovación docente, atópase realizando unha estadía no campus dirixida a coñecer proxectos vinculados coa didácticas das ciencias experimentais ou a sustentabilidade.