DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nel participa un equipo multidisciplinar da UVigo

Entidades de catro países únense no proxecto Astral para crear ferramentas educativas que permitan anticiparse ás megatendencias

Deseñarán un currículo innovador para o ensino superior

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Internacional
  • Investigación
  • Investigación
DUVI Ourense 07/07/2025

A Universidade de Vigo participa no proxecto europeo Astral (Anticipating Strategic Long-Term Challenges). Trátase “dunha ambiciosa iniciativa internacional de tres anos de duración, financiada polo programa Erasmus+ con 1,5 millóns de euros, que busca capacitar empresas, docentes e estudantes para facer fronte aos retos estratéxicos a longo prazo nun mundo en constante transformación”. 

Astral, explican desde a súa organización, busca capacitar ás pemes, startups e profesionais do sector tecnolóxico e universitario para identificar megatendencias e traducilas en estratexias sostibles e executables, cun horizonte a dez ou vinte anos vista, “dotándoas de ferramentas para facer fronte á incerteza global”. Esta acción, sinalan, “cobra especial relevancia nun contexto dominado por ciclos de innovación cada vez máis rápidos, crises globais, urxencias climáticas e o reto común da transición verde”.

Enfoque multidisciplinar e integrador 

O proxecto, que arrancou en xaneiro deste ano e rematará en decembro de 2027, reúne a nove entidades de catro países europeos (Alemaña, Dinamarca, Francia e España), entre elas tres universidades, tres asociacións empresariais que tamén actúan como provedores de formación profesional continua, e tres pemes dos sectores tecnolóxicos. “O proxecto está concibido como unha colaboración equilibrada entre o mundo educativo e o empresarial, co apoio de expertos en tendencias, innovación e planificación estratéxica”, comentan desde a súa organización.

Seguindo o “enfoque multidisciplinar e integrador” de Astral, a participación nel da Universidade de Vigo materialízase nun equipo formado por persoal docente e investigador do campus de Ourense, concretamente da Facultade de Educación e Traballo Social (Maribel Doval, Manola Raposo, Javier Blanco e Jesús Deibe Fernández Simo), da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo (Fernando Veiga), da Facultade de Ciencias (Juan Carlos Mejuto, Antonio Cid Sanmamed e Maruxa Alvarez) e da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo (Jesús Vázquez). “Esta diversidade académica permite abordar a planificación estratéxica do futuro desde múltiples perspectivas: educativa, tecnolóxica, científica, empresarial e de innovación social”, subliñan. 

O grupo da Universidade de Vigo, coordinado pola profesora Maribel Doval, da Facultade de Educación e Traballo Social, lidera o paquete de traballo enfocado á creación dun currículo formativo novidoso que permita integrar a prospección estratéxica a longo prazo no ensino superior europeo. Así traballará na creación de contidos, metodoloxías e recursos formativos dirixidos a profesorado, persoal non académico e alumnado universitario, co obxectivo de introducir as habilidades de prospección estratéxica en distintos campos de estudo. Esta acción inclúe o deseño de: un currículo innovador para o ensino superior (incluíndo plan de estudos, materiais didácticos e metodoloxía de avaliación para o profesorado); un enfoque pedagóxico adaptativo e baseado en intelixencia artificial (que permita personalizar a formación do alumnado e adaptar os contidos a diferentes perfís e necesidades) e un curso en liña con materiais reutilizables e recursos educativos complementarios (plantillas, estudos de caso, exemplos...), validado con institucións educativas, empresas e axentes sociais do ámbito da innovación.

A metodoloxía que se aplicará baséase nun enfoque híbrido de ensino-aprendizaxe e circular, que combina o coñecemento académico coa experiencia práctica do sector empresarial e industrial. “Este proceso de codeseño e cocreación inclúe a participación activa de centros educativos, empresas do sector high-tech e deep-tech, investigadores en tendencias, think tanks e responsables políticos”, comenta o equipo da UVigo. O obxectivo é garantir que os materiais desenvolvidos respondan ás demandas reais do mercado laboral e da sociedade.

Laboratorios de cooperación e plataforma dixital

Alén deste currículo, Astral tamén contempla a creación de laboratorios piloto de cooperación entre universidades, centros de formación profesional, empresas e responsables políticos. Estes espazos permitirán aplicar os coñecementos adquiridos na aula a situacións reais, validando novas ideas de negocio, incubando proxectos e xerando estratexias conxuntas baseadas na prospección estratéxica a longo prazo. Ademais, todos os resultados do proxecto integraranse nunha plataforma dixital de aprendizaxe e cooperación, que ofrecerá experiencias formativas adaptadas a distintos perfís e fomentará redes de colaboración entre os distintos axentes do ecosistema europeo da innovación.

O proxecto pretende así, indican as entidades promotoras, “dar resposta a unha necesidade crítica para as pemes europeas, que a miúdo carecen de metodoloxías aplicables e adaptadas para transformar as megatendencias globais en accións estratéxicas concretas”. Neste sentido, comentan, “o enfoque desenvolvido pola Universidade de Vigo será clave para que o persoal docente e o estudantado universitario non só comprendan, senón que tamén dominen o uso da prospección estratéxica como ferramenta para anticiparse, innovar e liderar o cambio”.